billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CATEGORÍA EQUIPOS FEMININOS




         A vindeira xornada será en Soutomaior e organizada por Valpaços Terra Quente de Vigo, equipo que domina a Categoría de Equipos Femininos con bastante solvencia, aínda que non debe descoidarse, xa que, Corredoiras e Gharaboto, non se distanciaron definitivamente. De todos os xeitos, o equipo de Vigo é a maior potencia feminina de toda a LNB, comprendidas as Conferencias Norleste e Noroeste e, polo tanto, sería unha sorpresa enorme que non consiguisen o título. 


              


       Evidentemente, os únicos equipos que teñen capacidade para conseguir o primeiro Título da nova categoría Equipos Femininos son o equipo de Vigo, Valpaços, o de Bueu, Corredoiras e o de Marín, Gharaboto. Ademais, cremos que os postos están case definidos. Así, a Valpaços non hai quen lle faga sombra e o segundo posto será o que sufra modificación, pois pensamos que Corredoiras non poderá aguantar o ritmo das de Marín, debido a que este equipo ten un cadro de xogadoras moito máis numeroso. 




        En canto á zona media, tamén pensamos que se dará o sorpaso, é dicir, que Armadiña superará a Lúa de Forza, dado o potencial feminino desta franquicia de Poio. O lugar de pechacancelas cremos que o disputarán Andarela e Rinoceronte. Laxe de Rons será o primeiro da zona baixa ocupada por estes tres equipos.
















CRÓNICA 5ª XORNADA

     


       Segue a maldición do equipo organizador! Ata o momento, o equipo organizador en cada unha das xornadas non ganou. En Dorrón-Sanxenxo volveu pasar o mesmo. A xornada foi ganada por GHARABOTO e o equipo local LÚA DE FORZA só conseguiu ser segundo. Na primeira xornada organizaou LAXE DE RONS e quedou cuarto, na segunda organizou RINOCERONTE e quedou quinto, na terceira organizou ARMADIÑA e quedou quinto, na cuarta xornada organizou GHARABOTO e quedou segundo. Conclusión: Non é doado ganar de local!
        O curioso, sorprendente e inesperado foi que CORREDOIRAS quedara fóra do podio da xornada. Habería que volver á temporada 2014-2015, cando o equipo de Bueu competía en dúas Conferencias con equipo A e equipo B, para encontrar unha xornada na que o actual Campión Nacional non estivera entre os tres primeiros. 
       A actuación do equipo de Poio foi memorable conseguindo ademais que un dos seus xogadores ganara a xornada por vez primeira. RINOCERONTE xa se sitúa no lugar que este ano lle corresponde, pois, o noutrora bronce Nacional foise debilitando desde a temporada pasada e actualmente non ten un cadro de xogadores tan potente como cando subiu ao podio do PLAY OFF 2016. Os demais equipos rendiron como deles se espera.









       Así, xogadas 5 xornadas, a clasificación fractúrase en tres zonas moi definidas. A Zona alta, na que están os equipos que optan ao título e á clasificación para o Play Off Nacional 2018, a zona media, que está ocupada polos equipos que disputarán ser os primeiros da clase media e a zona do pechacancelas, na cal ANDARELA non ten rival. 
        Se comparamos os puntos que a temporada pasada tiñan os equipos nesta mesma xornada podemos tirar varias conclusións. RINOCERONTE caeu de fociños, a CORREDOIRAS nótase a marcha de varios dos seus integrantes para outros equipos e GHARABOTO, este ano si, quere e pode loitar de igual a igual con CORREDOIRAS. O Caso de ARMADIÑA hai que analizalo con perspectiva, pois aínda que é o equipo que máis sube con relación á temporada pasada, deberemos ter en conta que a estas alturas do ano pasado só xogara 2 xornadas, entón, facendo unha estimación (sumámoslle 50 ptos en cada xornada, que é a media de ptos nas 5 xornadas celebradas) resulta que subirían 50 ptos e estarían por diante de GHARABOTO con 38, como o equipo máis mellorado.  






PEQUE (Armadiña) foi o ganador da xornada e xa entrou para quedarse no ALBOIO DA FAMA (ALFA) das estatísticas da LNB.






       O líder, Xan, aumentou a distancias co segundo clasificado, aproveitando a puntuación de Ricar (12), bastante por debaixo dos seus números habituais. Tamén, os rivais que veñen por detrás de Ricar se acercan perigosamente a ese segundo posto do podio. Juanma que tivo unha actuación extraordinaria, pois estivo a centímetros de ganar a xornada, sitúase a só 6 ptos do palanador de Bueu. Luís Pirucha é o outro dos beneficiados desta xornada e agora está a 7 de Ricar e a 1 de Juanma. Dani tamén sacou tallada e xa está no Top Cinco. Salva cae ata o 6º posto e xa sente o alento de Ricardo Lois, de Luís Camiña e de Bego
       Na categoría feminina, Bego xa está puntuando como dela se espera e, deste xeito, non dá ningunha posibilidade ás súas rivais. Agora Chefa e Adriana (infantil) están a unha trintena de ptos da de Bueu. As demais posicións mantéñense con Zaira, Elena e Lu que deberán remar moito para acercarse ao podio. Debemos destacar a puntuación de Yaiza (infantil) que lle permite acercarse aos postos que darán dereito a participar no PLAY OFF 2018, algo fabuloso e impensable para unha nena de 11 anos e que empezou a xogar á billarda a temporada pasada.



       A categoría infantil ten un único líder e favorito incuestionable en Juanma, que ademais está na terceira posición da Categoría Absoluta. O futuro dirá se este xogador de Lúa de Forza será un referente na LNB. Aos seus 15 anos, recentemente celebrados, esta será a súa derradeira temporada na categoría e está xogando a un nivel altisimo. Adriana (14 anos), outra xogadora extraordinaria que disputa tamén a súa derradeira temporada como infantil, subiu ata o segundo posto da xeral, aproveitando a asusencia de Oscar (9 anos). Yaiza (11 anos) xa se sitúa en 5ª posición e Samuel (8 anos) en 6ª. O Samu será outro dos referentes da categoría en vindeiros anos, xa que con 8 anos conseguiu puntuar en todas as xornadas, cousa só ao alcance de Juanma, Adriana e Oscar. El e máis Oscar disputaranlle o título a Yaiza a temporada 2018-2019, sen lugar a dúbidas. E por detrás veñen outros nenos e nenas que son a nosa alegría durante as xornadas e o alicerce no que soster este marabilloso deporte da Billarda. 



A POLÉMICA

       Como en xornadas anteriores a polémica planeou sobre o campo de billarda de Dorrón. Desta vez non houbo billardas que non entraron e se deron por boas, nin billardas que indo por dentro se deron por malas. Esta vez foi o método usado para facilitar o salto da billarda no difícil terreo de xogo. Foron tres os métodos utilizados. A saber,
-Método tradicional: situar a billarda no chan. 
-Método pozo de barrena: perforar a superficie de xogo para enterrar a parte de atrás da billarda. 
-Método plataforma, coas dúas variantes seguintes: 
             -método plataforma de billarda
             -método plataforma de raposo (usar plataforma deseñada especialmente para esta función).

       Entón, cal é a polémica, preguntarédesvos, e se non o facedes é o mesmo porque imos facelo nós. As discrepancias veñen motivadas por non haber no regulamento nada escrito sobre este particular. Non obstante, si hai o uso e costume, derivado de acordos verbais nas finais de PLAY OFF nas que a choiva fixo acto de presenza, de permitir soamente como apoio outra billarda. Daquela, o sábado houbo persoas que non fixeron caso do uso e costume e usaron a plataforma raposo. Mais, como non houbo reclamacións nin recursos ante o tribunal de arbitraxe, polo de agora, pois... 
       Estase á espera de que as fotos de Charri aclaren algo sobre o particular. Aínda que moito nos tememos que o mariñeiro fotógrafo de Bueu non está atravesando un bo momento de forma, senón observade na foto de abaixo na que despois de errar o enésimo golpe intenta facerse o harakiri.
CHARRI HARAQUIRI


Seppuku ("corte do ventre"?), comunmente coñecido no occidente por haraquiri, é o termo xaponés empregado para denominar un suicidio por destripamento. En xaponés a palabra 'hara-kiri' non se emprega por ser considerada vulgar. Era unha práctica común entre samurais, que consideraban a súa vida como unha entrega á honra de morrer gloriosamente, rexeitando calquera tipo de morte natural. Por iso, antes de ver a súa vida deshonrada por un delito ou falla cometida, recorrían con este acto a se dar á morte (tal e como significan esas palabras, hara-kiri: «corte do ventre»). Wikipedia.


        

Berdillo, Xulio, Oscar Ponte e Julio Vilas

       Acercáronse ata a nosa Conferencia 4 dos mellores xogadores da Conferencia Noroeste. Como os 4 Xinetes do Apocalipse, soportaron con integridade a calurosa tarde, relacionáronse con cortesía e actuaron coa corrección que se lles supón ao vivir no norte. Do aspecto competitivo... non quixeron acercarse ata os micrófonos de Todolnb para facer declaracións ao finalizar a xornada. Pero, ao lonxe oíase algunha frase que empezaba deste xeito, "me cagho na...".


WILD FRAN Valpaços Terra Quente
YAIZA 1ª Categoría Infantil

"Non pasou nada pero puido pasar". Unha billarda impactou no pé de Gelín, máis coñecido polo "Ghandi galego", coa tan boa fortuna que unicamente lle seccionou en dous o calzado. Está falando cos seus abogados para ver se é posible demandar a alguén e coa indemnización volver ao "mercadillo".

       

Previa do día D de Dorrón






       A 24 horas do día D chegounos unha filtración de certas prácticas esotéricas e ocultistas por parte do equipo local Lúa de Forza. Mirade na foto de arriba a imaxe que están metendo debaixo das almofadas os integrantes deste equipo, moi habituado a meigallos e mal de ollo. "É para desexarlle boa sorte ao resto dos equipos", confirma a súa voceira, "Marisa a do Casal". 
       Vós mesmas, vós mesmos, seredes capaces de interpretar este acto. Indecoroso, atrevido, indignante,  revolucionario, anárquico... poderiamos usar moitos máis cualificativos, pero nada no regulamento LNB establece a ilegalidade de tal xeito de proceder. Daquela, aconsellamos aos participantes que leven allos morados para contrarestar a influencia das enerxías telúricas do val de Dorrón.

PREVIA DA 5ª XORNADA



       Lúa de Forza enviounos unha foto dos arduos traballos que están realizando para ter en condicións ópticas o terreo de xogo onde se celebrará a 5º xornada de liga. Afírmannos que a superficie do campo de fútbol do Cruceiro está quedando coma unha moqueta. Incluso están pensando se aproveitar a presenza dos competidores para plantar unhas patacas do cedo, despois de xogar.
           

5ª XORNADA






       A tres días da xornada que organizará Lúa de Forza os ánimos parece que se calman coas declaracións de L. Camiña, xa que, despois da xogada polémica de Marín, onde o de Gharaboto utilizou palabras pouco apropiadas para referirse ao xuíz de campo, semella que quere suavizar as cousas, ou, polo menos, iso é o que se desprende do titular de abaixo.        
      

       Aínda que ese verbo usado na primeira persoa de plural do indicativo "intentamos" deixa marxe para que... se non se consegue "confraternizar" teñamos outra polémica noutra ocasión. En definitiva, na vindeira xornada do sábado, o equipo organizador vai instalar por vez primeira o varal electrónico. Un varal cun sensor de movemento que indicará cando a billarda entra encendendo unhas luces intermitentes. Se o experimento satisface ao Comité de Arbitraxe e Disciplina da LNB estudará a súa utilización en posteriores xornadas.

4ª XORNADA crónica dunha billarda... que entrou! ...Ou non!



       O comité de disciplina e arbitraxe da LNB segue revisando as imaxes da xogada polémica do pasado sábado. Polo momento, aínda non encontrou solución para o enigma: a billarda entrou ou non? Tampouco podemos publicar máis imaxes da xornada ata que o Tribunal Superior de Xustiza Billardeira levante a suspensión que dictou sobre todo o material audiovisual. Polo de agora, non chamou a declarar a ningún palanador dos que se viron implicados na xogada nin ao xuíz de campo.
       Mentres tanto, xa se están buscando solucións para evitar as dúbidas. Na imaxe de arriba vemos como se está probando noutro deporte menor, como é o fútbol, este complexo sistema de cámaras e imaxes que se quere utilizar na LNB. A evidencia dinos que aínda que o xuíz de campo estea ben situado, ás veces a velocidade da billarda fai imposible a correcta visión da súa traxectoria. As características bioquímicas do noso sistema ocular establecen uns límites biolóxicos infranqueables, polo menos, ata que se desenvolva en todo o seu potencial a enxeñaría xenética. Un exemplo disto témolo na foto dabaixo. Certamente, o equipo de arbitraxe, 1 xuíz e 3 asistentes, parecería suficiente para tomar a decisión correcta, en cambio, hai veces nas que nin así se acerta. Daquela, haberá que estudar o investimento que se necesitaría para dispoñer en cada xornada do VAR. 

1 xuíz de campo e 3 asistentes

       Ao mesmo tempo, estanse probando outros sistemas máis baratos e non por iso menos eficaces. 

4ª xornada MARÍN


       Corredoiras puxo as cousas no seu sitio e como actual Campión Nacional presentou o equipo ao completo, e incluso se permitiu xogar con unha nova incorporación, Pese, remeiro de Bueu que alcanzou os 21 ptos no seu estreo na LNB. Despois da experiencia das dúas anteriores xornadas onde foi superado, o equipo de Bueu quixo despexar as dúbidas sobre o seu rendemento desta temporada e alcanzou os 99 ptos. 




2º-XAN      1º-RICAR      3ª-BEGO




   
Terreo completamento liso se obviamos as follas das árbores do parque

       A pista de cemento do centro de Marín parecía propicia para calquera, pois en superficies lisas e duras e máis doado dominar o salto da billarda e o rendemento de todos e todas é moi similar. Non obstante, houbo un factor primordial para que non houbera sorpresas. Este factor encontrámolo no liña de saída. Esta estaba situada nun desnivel de aproximadamente un metro con relación ao resto do terreo de xogo. Ademais, esta saída estaba pavimentada con baldosa de superficie irregular en forma de pequenos círculos. Daquela, os xogadores e as xogadoras con máis experiencia souberon adaptarse perfectamente. Resultado de todo isto foi que houbo puntuacións moi elevadas por parte do grupo dos favoritos e favoritas. Entón, nas clasificacións individuais xa houbo un axuste das posicións que nos lembra a situación do ano pasado. Xan e Ricar distáncianse do resto na clasificación absoluta, Bego e Chefa fan o mesmo na clasificación feminina e Juanma na infantil. 



Saída a distinto nivel do terreo de xogo



PARTICIPACIÓN

91

MULLERES
33
HOMES
58


       Non temos aínda a crónica dos nosos enviados especiais a Marín, xa que o comité de disciplina e arbitraxe da LNB está visualizando as imaxes das cámaras de seguridade dos locais que rodean ao parque Eguren e máis da cámara da Igrexa anexa, pois hai que resolver unha xogada moi protestada polo equipo local. Cremos que a LNB debe estar na vangarda do uso das novas tecnoloxías que facilitan o labor dos xuíces de campo e de varal. Xogadas coma a do sábado poderían evitarse se o sistema VAR estivese aplicado na que se considera mellor liga do mundo da billarda.

       Tampouco podemos publicar máis fotos, xa que están retidas e revisadas polo comité por se puidesen aclarar a xogada. En definitiva, a billarda entrou ou non? O xuíz árbitro veuna fóra.

CASO GHARABOTO



      A 24 horas da xornada de Marín, o equipo organizador vese implicado nun caso de aliñación indebida dun dos seus xogadores máis destacados, Gelín. O Comité de Disciplina e Arbitraxe da LNB actúa de oficio ante as información que publicaron varios medios de redes sociais. A decisión do Comité terá efecto retroactivo, xa que esta aliñación indebida de Gelín sucede desde o ano 2012. 
       Abaixo aparecen as fotos que destaparon a usurpación de persoa, e personalidade, por parte do afamado actor británico Ben Kingsler, coñecido no mundo pola súa interpretación de Mahatma Ghandi. Pois, o que se está investigando é cantas veces xogou Gelín e cantas foi o británico quen puntuou para o equipo de Marín. Ata que dictamine o Comité Gelín deberá presentar o DNI actualizado antes da súa inscrición en calquera aberto de billarda que organice a LNB. 
       Por que non aparece a foto do ano 2015-2016? Pola simple razón que ese foi o ano HORRÍBILIS de Gharaboto, xa que o equipo dos de Marín quedouse fóra dos Play Off LNB e decidiron eliminar todas as fotos dese ano. 







 

4ª xornada MARÍN






       Gharaboto xa está preparando a pista do Parque Eguren para convertila nunha gaiola da que non se poidan escapar os puntos. Despois da xornada de Poio, o equipo de Marín perdeu a segunda praza, aínda que empatado con Lúa de Forza. A ausencia do seu capitán L. Camiña foi determinante para perder esta praza de podio. En definitiva, intensificaron os adestramentos e os coidados do terreo de xogo. Así, sabemos de boa información, que todas as mañás aparece un líquido azul sobre o chan de cemento do parque Eguren. Sospeitoso?

O QUE OS OLLOS NON VÉN... OU SI



CASILDA, acudiu ao Estadio Nacional de Billarda con pantalón guepardo. Seica, ao faltar o capitán de GHARABOTO (L.Camiña), o segundo de abordo (L.Gon) permitiu certas liberdades que normalmente non son do agrado do Gran Capitán Barba Branca. De todos os xeitos, xa se escoitan voces discordantes con tal decisión, pois o equipo perdeu a segunda praza da clasificación. 



Ao equipo morado da Terra Quente acompáñao a todas as xornadas un grupo de asesoras técnicas que se encargan da hidratación e nutrición de xogadores e xogadoras. Ao mesmo tempo, este grupo psiconeuropedagóxico é o que planifica a actuación táctica e estratéxica do equipo de Vigo.



Zaira de Valpaços Terra Quente é unha firme realidade para estar no podio da Categoría Feminina. Esta xornada o seu estético golpeo non foi tan efectivo como outras veces. 



Charri está pasando momentos complicados no seu xogo. Non acaba de encontrar o ritmo competitivo que tivo o ano pasado. Segundo fontes ben informadas, xa ten reservado o billete para acudir esta fín de semana un santuario mariano portugués (Lourdes). Alí seguirá un tratamento a base de oblea, rezo, cera e incenso. Tratamento que se mostrou moi eficaz con outros grandes deportistas coma o caso de Rafael Nadal. Esperamos que non teña que abandonar como os seus compañeiros de equipo Moital e Pepe, aqueixados da mesma lesión: "non darlle á billarda".



Chefa xa está na terceira posición do podio. Despois de conquistar o título nacional, en mayo pasado, esperábase dela que este ano optase ao Título de Conferencia, e parece que así será. A de Castela adáptase a calquera superficie de xogo, neste feito reside parte do seu éxito, ademais de ter un corpo flexible e atlético. 



Josiño, da Armadiña, xogou por vez primeira e xa apunta maneiras de palanador. 



Moitos foron os espectadores que se quedaron a presenciar o espectáculo da LNB. 



Diego de Armadiña volveu á competición, despois de non acudir ás dúas primeiras xornadas. Notóuselle a falta de adestramento.



María é outro produto da fábrica de Valpaços. Unha xogadora que empezou o ano pasado a golpear a billarda e que xa está no Top Dez da Categoría Feminina. Esta moza ten un brazo esquerdo fantástico.  





Outro das perlas do equipo de Vigo é Samuel. Este neno vai ser un dos grandes da LNB se mantén ese carácter disciplinado e o espírito de esforzo e dedicación que ten actualmente. 



Nerea é moi cativa, mais cando consiga divertirse xogando á billarda poderá demostrar que ten ADN Armadiña. 



Icía é a máis cativa de todas as xogadoras e xogadores da LNB. Naceu cando a Conferencia Rías Baixas xa existía. Ela ten moita ilusión por xogar, entón continuará ata que rexa co palán e poida golpear a billarda no aire. Polo momento, é quen de levantala do chan. 



O Xián chegará a dominar a LNB nun futuro de 10 anos. Non temos dúbida, xa que probén do berce billardeiro de Dorrón. Ademais, trae sangue guerreiro nas veas e unha carga xenética de 190 cm.



Ollo con Rial, quen non participou tanto na LNB como os seus compañeiros de Armadiña, pero que cada vez que o fai suma para o equipo.



Vemos a María e Irene atendendo ás instrucións que lles envía o grupo de asesoras de Valpaços, que nese momento estaba noutro lugar do campo seguindo o xogo de Taxeiro. 



Vemos como as estratéxicas de Lúa de Forza son diferentes ás de Valpaços, mentres o equipo de Vigo acude cun grupo de apoio o equipo verde co único que acude é cunhas banquetas para que a dixestión non se vexa interrumpida polo esforzo do xogo.



Alberte de Rinoceronte non escolleu a cor de vestimenta máis apropiada para soportar o calor da Reiboa, ou iso pensabamos todos e todas, mais cando se levantou o vento mareiro comprendemos o porque da súa indumentaria mariñeira.