billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

ANÁLISE 5ª XORNADA

CATEGORÍA FEMININA

   Nesta xornada da Illa de Arousa participaron 26 mulleres o que supuxo o maior número de féminas desde o comezo de temporada. As dificultades do terreo de xogo non impediron que 4 destas xogadoras pasaran dos 10 ptos. Se temos en conta que na xornada anterior disputada en pavillón só 3 alcanzaran esta cifra, podemos concluír que o nivel das competidoras é tal que en calquera terreo que teñan que xogar rinden a grande altura.
   
  

Adriana de Valpaços Terra Quente ten un futuro espléndido na LNB. En idade infantil xa compite de ti a ti coas campioas nacionais Lu e Bego. 


   Esta vez foi Adriana, en idade infantil aínda, quen obtivo a maior puntuación (16 ptos), seguida de Lu con 14 ptos, e unha sorprendente Marisa con 10 ptos, igual que Bego. Estas puntuacións fan que Lu domine a Conferencia, agora con 4 ptos de vantaxe sobre a súa compañeira de equipo, Bego. Aparece a 21 ptos Adriana, que está aguantando a 3ª posición do podio con bastante solvencia, pois a cuarta clasificada, Elena, ten 18 ptos menos que a palanadora de Vigo. 




Marisa, de Lúa de Forza, sube por vez primeira a un chanzo do podio


   Esta situación fainos intuír que a loita polo título vai ser emocionante a diferenza das últimas temporadas, onde Bego non tivo rival. Polo momento, estas dúas xogadoras de Corredoiras están sendo moi regulares con actuacións que nunca baixaron dos 10 ptos. Daquela, vai ser difícil que outra xogadora teña opcións de disputarlles o título, sobre todo, estamos pensando en Adriana Elena, que son as alternativas á supremacia do Morrazo, pero que están sendo moi irregulares combinando actuacións magníficas da vintena de ptos con outras moi baixas que non chegan aos 5 ptos. 

    Debemos esperar á época invernal con xonadas que se xogarán en pavillóns para ver se Bego se mostra vulnerable e Lu impón a súa regularidade. Esta loita deportiva é das mellores que se poden ver na LNB en Categoría Feminina, pois suman 3 títulos Nacionais Femininos entre as dúas. Só a gran Geni de Billardeiros Musicais pode presentar un palmares comparable a estas dúas extraordinarias palanadoras.



, de Corredoiras, lidera a Conferencia en Categoría Feminina




FEMININA EQU TOT
1 LU COR 74
2 BEGO COR 70
3 ADRIANA VAL 53
4 ELENA GHA 35
5 BELMIRA VAL 34
6 VANESSA GHA 30
7 ANA GHA 29
8 CASILDA GHA 28
9 MARGA GHA 25
10 MARISA LÚA 23
11 TANIA VAL 20
12 CHEFA COR 17
13 PATRI OUBIÑA CAS 16
14 LITA LAX 14
15 CHELI GHA 14

5ª XORNADA ILLA DE AROUSA

ARMADIÑA (Combarro)
 Ferro, Cho, Elena, Manu, Manu, Diego Castro, Nerea, Oscar, Diego Piñeiro, Laura.
A altura da herba dificultaba encontrar as billardas

"Estudios realizados en la Universidad de Tennessee muestran que para tener un césped que permita un juego de calidad, la altura de corte no debe bajar de 1,5 cm, además de que las siegas muy bajas afectan al estado sanitario del césped, favoreciendo las enfermedades. Según la norma UNE 41959 los campos de alto nivel deben mantener su altura de césped entre 1,5 y 3,5 cm." (http://blogs.lavanguardia.com/).

   Despois da xornada disputada na Illa de Arousa, o tema da superficie verde que se usou como campo de xogo foi "trending topic" nas redes sociais da LNB. O debate chegou ata organismos internacionais que quixeron aportar a súa visión sobre o asunto. Aquí enriba aparecen as conclusións dun informe elaborado para a LNB pola prestixiosa Universidade de Tennessee. Que cada unha e cada un tire as súas conclusións.


PARTICIPACIÓN       85

MULLERES                26
HOMES                        59



GHARABOTO pace e vence na herba da Illa de Arousa

   A xornada 5 da Conferencia Rías Baixas caracterizouse, entre outras cousas, por xogarse nunha superficie mixta de terra e herba, que dificultou os golpes, sobre todo o golpeo de elevación da billarda. A participación foi a máis numerosa desta temporada con 85 participantes. Destes 85, 18 foron xogadores e xogadoras que o facían por vez primeira. A temperatura superaba os 20 graos. Moitas persoas que baixaron ata a praia do Bao miraban sorprendidas ao grupo de intrépidas e intrépidos deportistas da LNB petarlle a un pau para lanzalo o máis lonxe posible e coa dirección correcta.

   No aspecto competitivo salientar o novo éxito do equipo de Marín, Gharaboto. Partía na cuarta posición da clasificación xeral e cos 85 ptos. conseguidos nesta xornada superou aos seus adversarios por bastante diferenza e situouse na terceira praza. A vitoria do equipo de Marín apoiouse nas actuacións de Luís e Luís Camiña, que foron con 27 ptos e 23 ptos os dous primeiros clasificados da xornada. Gharaboto xa está por diante de Rinoceronte e acércase á segunda praza que dá dereito a participar no Play Off Nacional. Agora está detrás de Lúa de Forza a tan só 15 ptos de distancia.

   Corredoiras tivo a actuación máis baixa da temporada con 66 ptos. Ningún dos seus integrantes alcanzou os 20 ptos, cousa que non sucedera en ningunha das xornadas anteriores. O equipo de Bueu mantense dun xeito moi cómodo na primeira praza con 54 ptos. de vantaxe sobre o segundo equipo clasificado. Só Gharaboto podería inquietar aos actuais campións de Conferencia, pero tiveron unhas floxas actuacións nas primeiras tres xornadas e agora vai ser moi difícil que recuperen 69 ptos de desvantaxe. De todos os xeitos, este deporte é moi esixente e nunha xornada pódense sacar 30 ou 40 ptos de máis ou de menos en relación a outros equipos.

   O resto dos equipos estiveron moi lonxe. A 27 ptos do primeiro equipo estivo Lúa de Forza, que aínda mantén a segunda praza na xeral. O equipo de Sanxenxo tivo algunhas ausencias importantes de xogadores, mais conseguiu unha puntuación aceptable de 58 ptos, en gran parte grazas a dúas incorporacións de xogadores da Illa de Arousa que debutaron na LNB. Uns temporeiros da billarda, nativos da Illa, que se moveron á perfección entre a herba alta e os mosquitos trompetistas.

   Rinoceronte de Pontevedra tocou teito na segunda xornada con 70 ptos, despois obtivo 60 ptos. na terceira, 59 ptos na cuarta e nesta última da Illa de Arousa pensamos que tocou fondo con 52 ptos. Este descenso progresivo levounos ata a cuarta posición da xeral. Agora está a 56 ptos da segunda praza. O equipo da capital non debe conformarse con esta posición, pois para quen subiu ao podio do Play Off Nacional non pode haber outro obxectivo que optar de novo ao máis alto. Realmente, non contou en ningunha xornada con todos os seus integrantes. Nesta xornada foi Luís quen lles aportou a maior puntuación, ocupando a terceira posición do podio.

   Laxe de Rons obtivo 48 ptos que os mantén cerca da cuarta praza, agora ocupada por Rinoceronte. Sendo realistas o obxectivo dos do Grove debe ser loitar por esa cuarta praza, que teñen a 26 ptos de distancia. Este equipo mellorou moito as súas prestacións do ano pasado, pero non debemos esquecer que os equipos que teñen por diante son dos mellores da LNB. Lembremos que no podio Nacional do 2016 ademais de Billardeiros Musicais, que foron os Campións LNB, estiveron Corredoiras na segunda posición e Rinoceronte na terceira, amais de Lúa de Forza na cuarta posición. E Gharaboto foi Subcampión Nacional na temporada 2015. En definitiva, sería un éxito extraordinario que o equipo do Grove conseguira alcanzar a este grupo de catro equipos da elite da LNB.

Valpaços Terra Quente tivo a importante ausencia de Salgue, aínda así, Adriana, cunha enorme actuación, axudou a conseguir 46 ptos para o equipo que o consolidan na sexta posición. Taxeiro e Alfonso tamén pasaron dos dez puntos. Pensamos que o obxectivo do equipo de Vigo debe ser consolidar esa posición, pois chegar máis arriba sería unha sorpresa, sobre todo, analizando o seu cadro de xogadores e xogadoras. Por unha beira, é o equipo con maior número de xogadores en idade infantil e o segundo equipo con maior número de xogadoras, ata 8 mulleres, tan só por detrás de Gharaboto con 12 féminas.

   Armadiña de Combarro, o equipo máis novo da conferencia, volveu a quedar por diante de Casilledín e de Andarela, o que lles serviu para abandonar a última posición da clasificación xeral. Se temos en conta que o equipo do concello de Poio non disputou as tres primeiras xornadas de liga e que todos os seus xogadores e xogadoras empezaron a xogar á billarda hai escasamente un mes, podemos prognosticar que o obxectivo para esta primeira volta da competición debe ser alcanzar a 7ª posición. Despois da última xornada da primeira volta que se disputará en Bueu, veremos se o progreso deste equipo lles permite loitar por outro obxectivo máis elevado.

   Casilledín conseguiu 15 ptos, unha anotación que repiten por terceira vez en cinco xornadas. Seguen competindo con dous xogadores e unha xogadora, o que limita moito as súas prestacións. Están esperando ao mercado de inverno para aumentar o seu cadro de palanadores.

   Andarela ocupa a última posición da Conferencia e pensamos que xa non vai abandonar este lugar, pois conta coa limitación de ter poucos xogadores. Están preparando os reforzos para a xornada de Castrelo.  




CATEGORIA ABSOLUTA
do EQUIPO
LUÍS GHARABOTO MARÍN
LUÍS CAMIÑA GHARABOTO MARÍN
LUÍS RINOCERONTE PONTEVEDRA




CATEGORÍA FEMININA
do EQUIPO
ADRIANA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO
LU GHARABOTO MARÍN
MARISA LÚA DE FORZA SANXENXO




CATEGORÍA INFANTIL
do EQUIPO
MARTIÑO CORREDOIRAS BUEU
GENO GHARABOTO MARÍN



CATEGORÍA EQUIPOS do EQUIPO
GHARABOTO MARÍN
CORREDOIRAS BUEU
LÚA DE FORZA ŚANXENXO


   
   Foi tanta a expectación que rodeou ao espectáculo LNB na Illa de Arousa que houbo que colocar asentos suplementarios rodeando o terreo de xogo para que os siareiros e siareiras puidesen seguir con atención e dun xeito cómodo o desenvolvemento do xogo.





   Non é a sabana africana, senón terras insulares da Ría de Arousa. Non foron obstáculos para a comunidade da billarda as condicións híbridas do terreo de xogo, nin a temperatura, nin os insectos con trompa de elefante. O que destacou foi a alta participación e o número de rapaces e rapazas da categoría infantil. Houbo 12 nenos e nenas xogando. No medio da herba e sobre a terra da Illa gozaron enzoufando as mans e os xeonllos, acción que ten a maxia de conectar ao ser humano co planeta que habita.