A xornada de Barrantes ten unha particularidade moi chamativa. Desde que se celebrou a primeira xornada LNB en 2013 nesta localidade do Salnés, sempre se xogou en pavillón debido ás inclemencias meteorolóxicas. Esta característica vese acentuada polo feito de que outros abertos de billarda que se organizaron fóra da liga en Barrantes si se xogaron no exterior. Abaixo vense os podios de cada ano. Os bloques das paredes do pavillón sempre aparecen de fondo das fotos.
Por outra beira, xa temos as primeiras informacións sobre o Día das Estrelas LNB 2018 que este ano será organizado pola Conferencia Rías Baixas. Tivemos acceso ao deseño dos trofeos que se poñerán en xogo. Tanto pola mañá nos concursos, como pola tarde no Aberto das Estrelas, entregaranse uns magníficos trofeos artesanais valorados en perto de 500 euros. Despois de varios meses de traballo en dous talleres artesanais, un da provincia de Pontevedra e outro da provincia da Coruña, os froitos empezan a agromar. Chegáronnos as primeiras fotografías do proceso de elaboración. Ademais, quen gane o Aberto obterá praza directa para a Final LNB do 27 de maio en Compostela. Motivos suficientes para acercarse a Poio, ao Estadio Nacional de Billarda da Seca, o 17 de marzo. Todo comezará ás 12 h., segundo nos comunica o equipo local, Armadiña.