billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

ANÁLISE 14 XORNADA

   
A participación infantil está consolidada. Nesta xornada foron 13. A media está por enriba de 10 xogadores/as.





   Aos podios subiron xogadores habituais e algúnha sorpresa. Por exemplo, Xulio Ponte do equipo de Paiosaco tivo unha enorme actuación e só se veu superado por Daniel, que xa subira ao terceiro posto do podio na xornada anterior de Poio, e por Xan, o líder da Conferencia.
3º XULIO PONTE (Campo da Feira-Paiosaco) 1º XAN (Lúa de Forza-Sanxenxo) 2º DANIEL (Rinoceronte-Pontevedra)
 

   Belmira subíu ao máis alto por primeira vez esta temporada. Bego e Adriana son habituais destes lugares elevados.
2ª-BEGO (Corredoiras Bueu, recolleu Chefa) 1ª-BELMIRA (Valpaços Terra Quente-Vigo) 3ª-ADRIANA (VAL)


    Juanma de novo conseguiu o primeiro posto. É dominador na súa categoría e xa conseguiu o título de xeito matemático. Oscar de Armadiña é o palanador que máis progresou no seu xogo e xa pode loitar por todo nesta categoría.  
2º-OSCAR (Armadiña-Poio) 1º-JUANMA (Lúa de Forza-Sanxenxo) 3º-GENO (Corredoiras-Bueu)



   
    Vemos nas fotos de abaixo maneiras diferentes de golpear a billarda. Cada un e cada unha ao seu xeito e con resultados diferentes, pero todos eficaces en certos momentos e ineficaces noutros.

SUSO

FARI

CARLOS

DANIEL

FARI

DIEGO

CHICHÍ

MARISA

PATRI OUBIÑA


MANU

MARTÍN


LU

RICAR

PILI


PACO VIDAL

IRENE

XAN

BELMIRA

MULLERES

   A participación feminina está marcando unha clara tendencia ao infinito. Nas tres últimas xornadas superáronse as mellores marcas de participación histórica LNB.



    Ademais de cantidade hai moita calidade nas xogadoras das Rías Baixas. Bego encabeza a clasificación e é unha das candidatas ao Título Nacional. foi por dúas veces Campioa Nacional e, desde logo, volverá a estar entre as candidatas, igual que Belmira. Despois están as máis veteranas da competición como Carmen Pazos, a máis lonxeva palanadora da LNB, e Carmen Nai. Están as máis novas na competición como son Irene, Lau e Pili Moreira, que apuntan maneiras. Veremos ata onde chegan. Teñen a favor a súa xuventude e o proximidade do Billarda Estadio. Este está a poucos quilómetros da súa residencia.
    O sábado tamén xogou unha palanadora local, Brígida, quen afirmou ter cumpridos os 86 anos. Resolta e atrevida afrontou a súa primeira participación na LNB apoiada nun caxato de buxo e vestida de paseo. Había medio século que non xogaba á billarda, mais non esquecera as mañas. A boa da señora Brígida asombrou a case todos e todas alcanzando a mitade da pista. Non chegou máis aló e foi máis que dabondo. Que poidan revivir aquelas andanzas de crías persoas que agora teñen corpos de máis anos non ten prezo e si demasiado valor como para non continuar con esta aventura marabillosa chamada LNB. 
BEGO

LU

BELMIRA

CARMEN NAI

CARMEN PAZOS

INÉS

IRENE

LAU


MARISA

MERCHE

PATRI OUBIÑA

PILI MOREIRA

BELMIRA - LITA -YOLI - ALICIA - MERCHE

O VÍDEO ARBITRAXE CHEGA A LNB

       A xornada de Cambados foi magnífica para dar a coñecer este marabilloso deporte, pois a praza de Fefiñáns estivo atestada de forasteiros e forasteiras que visitaban o concello, e de veciñas e veciños que paseaban. Tanto uns coma outros estiveron gozando do espectáculo que os palanadores e as palanadoras da LNB ofreceron na tarde do sábado 22 de abril. A pedra da superficie de xogo permitiu que se viran golpes extraordinarios e parábolas imposibles. 
O tren turístico de Cambados pasou varias veces para que @s visitantes contemplaran o espectáculo da Billarda desde un lugar privilexiado.
    


     Outra particularidade do campo de xogo foi que detrás dos varais estaban situadas a igrexa de San Bieito e a casa reitoral. Isto provocou a anécdota da xornada. Un golpe poderoso de Bego fixo que a súa billarda quedara no tellado da reitoral. Tivo que seguir xogando con outra. Pero, mentres tanto, os cativos idearon o xeito de subir ao tellado utilizando unha valla. Colocándoa en vertical gabearon por ela ata o tellado. O afouto Geno, do Morrazo, foi quen arriscou a súa excomunión. 
   
A igrexa de San Bieito presenciou unha celebración tan sagrada como a santa misa: xogar á Billarda



    A un mes da disputa do PLAY OFF LNB 2017, a Conferencia Rías Baixas está ultimando a preparación de xuíces de campo e de varal. Despois de varias xogadas polémicas que se deron no anterior PLAY OFF, a Conferencia está intensificando a preparación física e técnica das persoas que arbitrarán en Compostela. Ao mesmo tempo, estase probando xa o VAR (Vídeo Arbritraxe).
Unha xogada dubidosa que necesitou a revisión do vídeo

Vemos outra xogada que tamén necesitou do vídeo arbitraxe

Vemos ao xuíz como repasa co vídeo arbitraxe se debe corrixir a decisión tomada ou non

    
    

14 XORNADA CAMBADOS




   Magnífico lugar para xogar á BILLARDA. Nova mellor marca LNB de participación feminina, 36. E de novo superáronse os 90 participantes. Tempo de canícula e a xenerosidade lexendaria da xente das Rías Baixas volveu a demostrarse na Praza de Fefiñáns, pois un dos participantes que veu desde o lugar máis afastado (Paiosaco-A Coruña) foi recompensado con subir ao podio. Tampouco a xenerosidade chegou ao punto de coroalo como vencedor, mais tivo o último chanzo do podio. 




Vemos ao fondo a igrexa de San Bieito que foi obxectivo das reclamacións de Gharaboto. Seica as súas billardas non daban entrado no varal pola influencia negativa do lugar de rezo.

PARTICIPACIÓN
93

36 MULLERES
57 HOMES





    A pedra granítica da superficie do terreo de xogo foi agradecida para Corredoiras, Lúa de Forza, Armadiña, Rinoceronte e Laxe de Rons. Todos estes equipos superaron os 60 puntos, ou sexa, unha media de 15 puntos ou máis dos/das catro xogadores/as que suman para o equipo. O descalabro foi o de Gharaboto, que non chegou aos 50 puntos, algo inusual para un equipo do seu potencial. O seu capitán L. Camiña, encontrou a causa única do baixo rendemento do equipo marinense na ubicación da igrexa e da casa do cura xusto detrás dos varais. Seica había unha muralla invisible que impedía que as súas billardas superasen as liñas dos varais. Ademais, van organizar un TAB o vindeiro sábado 29 abril en Marín para sacarse o meigallo de enriba e afrontar as dúas últimas xornadas con garantías de conservar o podio. 
    A actuación sobresaínte foi a de Armadiña. O equipo benxamín da LNB está sacando rendabilidade de poder adestrar no BILLARDA ESTADIO da Reiboa. Xa subira ao podio algún dos seus xogadores tanto na categoría absoluta como na infantil, agora logrou estar no podio da categoría de equipos. Só lles queda acercarse ao podio feminino para completar o poker. Seguro que a "masía" do REIBOA BILLARDA ESTADIO vai crear novas estrelas para a LNB. 


 

    A falta de dúas xornadas de Liga Regular CORREDOIRAS é campión e ANDARELA pechacancelas da temporada 2016-2017. O posto 5º será para LAXE DE RONS, o 6º para VALPAÇOS TERRA QUENTE, o 7º para ARMADIÑA e o 8º para CASILLEDÍN. Onde está o lume da competición é nas outras dúas prazas que dan dereito a participar no PLAY OFF. Esta xornada produciuse o sorpaso de LÚA DE FORZA, que de xeito sorpresivo conseguiu superar na xeral a GHARABOTO, aínda que só por un punto. Máis que mérito do equipo de Sanxenxo, nesta ocasión, foi por unha actuación do equipo de Marín moi por debaixo das expectativas. Aínda así, son 58 puntos de vantaxe os que ten sobre RINOCERONTE, o outro candidato a estar en Compostela o 28 de maio. Todo parece indicar que os pontevedreses quedarán fóra da representación que a Conferencia Rías Baixas terá no PLAY OFF 2017. 






    O vencedor da xornada foi Xan, en segundo lugar Daniel e terceiro foi Xulio Ponte. Este último xogador foi a sorpresa na Categoría Absoluta, pois despois dunha viaxe de 200 quilómetros desde Paiosaco, de soportar a climatoloxía tropical e máis a dieta do Salnés regada co dionisíaco albariño, aínda tivo folgos para entrar no podio. O de Campo da Feira dixo ao final, que o seu brazo estivo posuído por unha voz que soaba na súa cabeza. Outra actuación brillante foi a de Peke de Armadiña. Con 23 puntos foi a terceira puntuación máis elevada da xornada. Dispoñer dun campo de adestramento oficial é un beneficio que está aproveitando o equipo de Poio. Así, Manu, do mesmo equipo, obtivo 17 ptos e estivo entre os 10 mellores. Non sabemos onde estarán os límites da Armada. Estiveron a un gran nivel tanto Paco Vidal como Belmira. Os demais que conseguiron as mellores puntuacións son habituais dos primeiros postos. Tanto Salva, Juanma, Fari e Ricar estiveron nos 20 ptos ou máis. 













    Belmira ganou a categoría feminina por diante da líder Bego e de Adriana. As demais non chegaron aos 10 puntos. Entre as primeiras da xornada entrou Elena de Armadiña, que progresa adecuadamente debido, sobre todo, ao traballo no BILLARDA ESTADIO. O seguinte reto do equipo de Poio é subir ao podio feminino antes de rematar esta temporada. Belén de Rinoceronte, que debutaba esta temporada, tamén puntuou sobre as pedras de Fefiñáns. Tania e Zaira seguen cun  bo rendemento, Lu mantén o tipo, e Marga, Cheli e Elena González tamén. 








    A falta de disputarse 62 ptos, que serían os que conseguiría quen fixese pleno nas dúas xornadas, o título continúa no aire, aínda que agora Xan ten 19 puntos de vantaxe sobre Ricar. Isto significa que ata a última xornada non haberá ganador. No terceiro posto sitúase Salva, quen avantaxa en 11 puntos a Che. A xornada de Salva foi magnífica e coincidiu cunha xornada mala de Che. Daquela, o de Bueu respira un pouco. Desde logo que o Rinoceronte Che non ten nada perdido, xa que o seu brazo ten capacidade para ganar en calquera superficie. Do 5º posto ao 10º continúa a igualdade. Só Bego ten unha lixeira vantaxe de 11 puntos sobre Fari, que ocupa a 6ª praza, despois está Juanma, Lito, Luís Camiña e Luís Rino, separados por 12 puntos. 

    







    A zona de tranquilidade ocúpana Álvaro, Paco Vidal, Salgue, Suso, Charri e Luís Gon. A partir de aí xa entramos en zona de risco de quedar fóra do PLAY OFF. Piru, Daniel, Manolo Fariña e Lu vivirán as dúas últimas xornadas coa tensión no brazo, pois o mínimo erro pode ser aproveitado por xogadores que están no límite da clasificación e que teñen un historial e un potencial para ir ao PLAY OFF. Quen si terán que usar substancias tranquilizantes para competir nas xornadas que faltan son Cris, Ricardo Lois, Martín e Álvaro Pai. Estes xogadores están no fío da navalla, pois de momento están fóra da clasificación Carolo e Manolito, pero a unha distancia de 4 puntos unicamente. Gerardo Torres e Adriana están a 12 e 13 puntos respectivamente. Daquela, a beber mate e respirar incenso. 










   Bego xa é virtualmente campioa de Conferencia. Lu será segunda. A terceira praza está agora ocupada por Adriana cunha distancia de 12 puntos sobre Elena de Gharaboto, polo tanto, a de Valpaços colleu unha vantaxe que pode ser definitiva para ocupar a última praza de podio. Tania e Belmira están en zona segura de PLAY OFF e a partir de aí a respirar profundamente e a asegurar os golpes. Marga, Chefa, Casilda, Vanessa, Marisa e Mónica terán que buscar puntos ata a última xornada para que nos as superen Lita, Inés, Cheli, Zaira ou Ana.