Segue a maldición do equipo organizador! Ata o momento, o equipo organizador en cada unha das xornadas non ganou. En Dorrón-Sanxenxo volveu pasar o mesmo. A xornada foi ganada por GHARABOTO e o equipo local LÚA DE FORZA só conseguiu ser segundo. Na primeira xornada organizaou LAXE DE RONS e quedou cuarto, na segunda organizou RINOCERONTE e quedou quinto, na terceira organizou ARMADIÑA e quedou quinto, na cuarta xornada organizou GHARABOTO e quedou segundo. Conclusión: Non é doado ganar de local!
O curioso, sorprendente e inesperado foi que CORREDOIRAS quedara fóra do podio da xornada. Habería que volver á temporada 2014-2015, cando o equipo de Bueu competía en dúas Conferencias con equipo A e equipo B, para encontrar unha xornada na que o actual Campión Nacional non estivera entre os tres primeiros.
A actuación do equipo de Poio foi memorable conseguindo ademais que un dos seus xogadores ganara a xornada por vez primeira. RINOCERONTE xa se sitúa no lugar que este ano lle corresponde, pois, o noutrora bronce Nacional foise debilitando desde a temporada pasada e actualmente non ten un cadro de xogadores tan potente como cando subiu ao podio do PLAY OFF 2016. Os demais equipos rendiron como deles se espera.
Así, xogadas 5 xornadas, a clasificación fractúrase en tres zonas moi definidas. A Zona alta, na que están os equipos que optan ao título e á clasificación para o Play Off Nacional 2018, a zona media, que está ocupada polos equipos que disputarán ser os primeiros da clase media e a zona do pechacancelas, na cal ANDARELA non ten rival.
Se comparamos os puntos que a temporada pasada tiñan os equipos nesta mesma xornada podemos tirar varias conclusións. RINOCERONTE caeu de fociños, a CORREDOIRAS nótase a marcha de varios dos seus integrantes para outros equipos e GHARABOTO, este ano si, quere e pode loitar de igual a igual con CORREDOIRAS. O Caso de ARMADIÑA hai que analizalo con perspectiva, pois aínda que é o equipo que máis sube con relación á temporada pasada, deberemos ter en conta que a estas alturas do ano pasado só xogara 2 xornadas, entón, facendo unha estimación (sumámoslle 50 ptos en cada xornada, que é a media de ptos nas 5 xornadas celebradas) resulta que subirían 50 ptos e estarían por diante de GHARABOTO con 38, como o equipo máis mellorado.
PEQUE (Armadiña) foi o ganador da xornada e xa entrou para quedarse no ALBOIO DA FAMA (ALFA) das estatísticas da LNB. |
O líder, Xan, aumentou a distancias co segundo clasificado, aproveitando a puntuación de Ricar (12), bastante por debaixo dos seus números habituais. Tamén, os rivais que veñen por detrás de Ricar se acercan perigosamente a ese segundo posto do podio. Juanma que tivo unha actuación extraordinaria, pois estivo a centímetros de ganar a xornada, sitúase a só 6 ptos do palanador de Bueu. Luís Pirucha é o outro dos beneficiados desta xornada e agora está a 7 de Ricar e a 1 de Juanma. Dani tamén sacou tallada e xa está no Top Cinco. Salva cae ata o 6º posto e xa sente o alento de Ricardo Lois, de Luís Camiña e de Bego.
Na categoría feminina, Bego xa está puntuando como dela se espera e, deste xeito, non dá ningunha posibilidade ás súas rivais. Agora Chefa e Adriana (infantil) están a unha trintena de ptos da de Bueu. As demais posicións mantéñense con Zaira, Elena e Lu que deberán remar moito para acercarse ao podio. Debemos destacar a puntuación de Yaiza (infantil) que lle permite acercarse aos postos que darán dereito a participar no PLAY OFF 2018, algo fabuloso e impensable para unha nena de 11 anos e que empezou a xogar á billarda a temporada pasada.
A categoría infantil ten un único líder e favorito incuestionable en Juanma, que ademais está na terceira posición da Categoría Absoluta. O futuro dirá se este xogador de Lúa de Forza será un referente na LNB. Aos seus 15 anos, recentemente celebrados, esta será a súa derradeira temporada na categoría e está xogando a un nivel altisimo. Adriana (14 anos), outra xogadora extraordinaria que disputa tamén a súa derradeira temporada como infantil, subiu ata o segundo posto da xeral, aproveitando a asusencia de Oscar (9 anos). Yaiza (11 anos) xa se sitúa en 5ª posición e Samuel (8 anos) en 6ª. O Samu será outro dos referentes da categoría en vindeiros anos, xa que con 8 anos conseguiu puntuar en todas as xornadas, cousa só ao alcance de Juanma, Adriana e Oscar. El e máis Oscar disputaranlle o título a Yaiza a temporada 2018-2019, sen lugar a dúbidas. E por detrás veñen outros nenos e nenas que son a nosa alegría durante as xornadas e o alicerce no que soster este marabilloso deporte da Billarda.
A POLÉMICA
Como en xornadas anteriores a polémica planeou sobre o campo de billarda de Dorrón. Desta vez non houbo billardas que non entraron e se deron por boas, nin billardas que indo por dentro se deron por malas. Esta vez foi o método usado para facilitar o salto da billarda no difícil terreo de xogo. Foron tres os métodos utilizados. A saber,
-Método tradicional: situar a billarda no chan.
-Método pozo de barrena: perforar a superficie de xogo para enterrar a parte de atrás da billarda.
-Método plataforma, coas dúas variantes seguintes:
-método plataforma de billarda
-método plataforma de raposo (usar plataforma deseñada especialmente para esta función).
Entón, cal é a polémica, preguntarédesvos, e se non o facedes é o mesmo porque imos facelo nós. As discrepancias veñen motivadas por non haber no regulamento nada escrito sobre este particular. Non obstante, si hai o uso e costume, derivado de acordos verbais nas finais de PLAY OFF nas que a choiva fixo acto de presenza, de permitir soamente como apoio outra billarda. Daquela, o sábado houbo persoas que non fixeron caso do uso e costume e usaron a plataforma raposo. Mais, como non houbo reclamacións nin recursos ante o tribunal de arbitraxe, polo de agora, pois...
Estase á espera de que as fotos de Charri aclaren algo sobre o particular. Aínda que moito nos tememos que o mariñeiro fotógrafo de Bueu non está atravesando un bo momento de forma, senón observade na foto de abaixo na que despois de errar o enésimo golpe intenta facerse o harakiri.
CHARRI HARAQUIRI |
Seppuku ("corte do ventre"?), comunmente coñecido no occidente por haraquiri, é o termo xaponés empregado para denominar un suicidio por destripamento. En xaponés a palabra 'hara-kiri' non se emprega por ser considerada vulgar. Era unha práctica común entre samurais, que consideraban a súa vida como unha entrega á honra de morrer gloriosamente, rexeitando calquera tipo de morte natural. Por iso, antes de ver a súa vida deshonrada por un delito ou falla cometida, recorrían con este acto a se dar á morte (tal e como significan esas palabras, hara-kiri: «corte do ventre»). Wikipedia.
Berdillo, Xulio, Oscar Ponte e Julio Vilas |
Acercáronse ata a nosa Conferencia 4 dos mellores xogadores da Conferencia Noroeste. Como os 4 Xinetes do Apocalipse, soportaron con integridade a calurosa tarde, relacionáronse con cortesía e actuaron coa corrección que se lles supón ao vivir no norte. Do aspecto competitivo... non quixeron acercarse ata os micrófonos de Todolnb para facer declaracións ao finalizar a xornada. Pero, ao lonxe oíase algunha frase que empezaba deste xeito, "me cagho na...".
Ningún comentario:
Publicar un comentario