billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CRÓNICA 7ª XORNADA Castrelo-CAMBADOS




       Mentres noutras ligas deportivas andan a voltas coa aplicación do VAR, na LNB xa se comprobou o sábado en Castrelo que usar o BAR pon en risco a esbelta figura de competidores e espectadores. O campo da festa de Castrelo é un terreo cuberto por unha estrutura metálica que ten no seu interior o espazo central de terra, onde se xogou, e aos lados, sen solución de continuidade, un palco, pola dereita, e unha barra de bar, pola esquerda. Entón, varias billardas impactaron na barra do bar e outras pasaron por enriba de dita barra. A integridade física quedou garantida debido á fortaleza da raza autóctona galega, Palanadorus. Daquela, a LNB decidiu non utilizar polo de agora o BAR.
       A xornada foi moi positiva para o Campión Nacional Corredoiras, xa que superou aos seus perseguidores máis inmediatos na xeral, Gharaboto e Lúa de Forza en máis de 20 ptos. Así mesmo, Rinoceronte, o equipo noutrora podio Nacional e actualmente inmerso nunha crise de resultados, por vez primeira na temporada superou os 70 ptos. Armadiña fulminou a súa marca histórica de puntos que tiña en 67 e subiu ao podio con 73. Gharaboto aguantou o tirón do líder e sumou por enriba dos 70 ptos. Lúa de Forza tivo unha actuación boa, aínda que lonxe dos outros equipos do podio. Valpaços Terra Quente estivo nos seus números e superou os 50 ptos. Laxe de Rons baixou algo o seu rendemento e non chegou aos 50 ptos. Andarela tivo unha actuación moi discreta, sobre todo, tendo en conta que xogou de local e cun equipo reforzado.


ARMADIÑA (Poio)




       Daquela, a xeral queda definitivamente partida en dúas zonas. A Zona do podio que se corresponde coas prazas de Play Off, e a zona media. Despois de sumar os ptos conseguidos en Castrelo, pensamos que Corredoiras deixou de especular e quere sentenciar na primeira volta o campionato. Agora, supera en 50 ptos a Gharaboto e en 73 a Lúa de Forza, polo tanto, as cousas volven a situarse coma a temporada pasada. De todos os xeitos, aínda cremos no potencial do equipo de Marín para manter algo de emoción na loita polo título ata a primavera. O equipo de Sanxenxo, terá que conservar a súa terceira praza para o cal está acumulando moita vantaxe que lle servirá para os momentos nos cales chegue a escaseza de ptos. Dicimos isto porque tanto Rinoceronte como Armadiña teñen un equipo para estar máis cerca do podio e empezaron a demostralo nesta xornada. Pola contra, prognosticamos a caída progresiva de Laxe de Rons conforme nos adentremos no inverno, pois as articulacións dos seus xogadores son sensibles ao frío. Valpaços mantén o tipo e non se distanciou moito desta zona media que é o seu lugar natural.


RINOCERONTE (Pontevedra) sempre responde nas terroeiras



       Na categoría de equipos femininos a cousa estivo moi axustada nas tres primeiras prazas. Corredoiras venceu a xornada e confirma a tendencia á alza das de Bueu. Co reforzo de Yudani e a enorme vitoria de Bego na xornada, ganan por segunda xornada consecutiva e acércanse ao equipo favorito e dominador desde a primeira xornada da temporada, Valpaços Terra Quente. Gharaboto mantense ao axexo. Os demais equipos están a unha distancia sideral destes tres equipos. Nesta categoría tamén hai unha fractura entres os postos de podio e a zona media, na que deberán navegar ata o final de liga Lúa de Forza e Armadiña e Laxe de Rons. Andarela e Rinoceronte andan con dificultades para formar xogadoras entón deben inxeniar algún plan estratéxico de captación de talentos femininos. Sabemos de boa fonte que queren asinar un convenio de colaboración co programa ERASMUS para que mozas de países europeos se formen no deporte tradicional galego máis universal, a billarda, mentres estudan en Pontevedra ou Vigo.




PODIOS DA XORNADA

CATEGORIA ABSOLUTA
do EQUIPO
BEGO CORREDOIRAS BUEU
LUIS PIRUCHA GHARABOTO MARÍN
FARI CORREDOIRAS BUEU




CATEGORÍA FEMININA
do EQUIPO
TANIA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO
ADRIANA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO
INÉS GHARABOTO MARÍN




CATEGORÍA INFANTIL
do EQUIPO
ARES ANDARELA MEAÑO
NEREA ARMADIÑA POIO
ALEXIS ARMADIÑA POIO





CATEGORÍA EQUIPOS


CORREDOIRAS BUEU

RINOCERONTE PONTEVEDRA

ARMADIÑA POIO

Podio Feminino         3ª INÉS       1ª TANIA       2ª ADRIANA
Podio Absoluto                3º FARI     1ª BEGO   2º LUÍS

Podio Infantil              2ª NEREA    1º ARES    3º ALEXIS


       A xeral absoluta parece que se empeza a aclarar en canto á zona do podio. Se o ano pasado foi cousa de dous xogadores esta temporada a cousa vai estar entre tres, polo menos é o que indican os números e a tendencia das últimas xornadas. Aos xa habituais Xan e Ricar, os dous únicos xogadores da Conferencia que teñen un Título Nacional LNB, acercouse Luís Pirucha, un dos palanadores máis talentoso da LNB, con grandes números en canto a vitorias en xornadas e en número de varados conseguidos. Fíxose 3 anos consecutivos co título da Conferencia Sur e, aínda que non conseguiu, de momento, ganar a súa Conferencia de orixe, estaría entre os máis grandes da LNB se  non tivese o seu talón de Aquiles nos títulos nacionais individuais LNB.
       Aínda sabendo que o teñen difícil, pois están a máis de 30 ptos do líder, non descartamos para o título a Ricardo Lois, Bego, Salva nin a Daniel. Salientar que Bego fixo máis puntos que ninguén nas dúas últimas xornadas, 46 en total, o que indica o momento formidable no que está a de Bueu. Seguen á alza Daniel, Luís Gon e Che e mantén os números e a posición Manolo Fariña, todo un seguro de ptos para Gharaboto. En tendencia descendente Ricardo Lois e Salva





      As prazas que darán dereito a participar no Play Off 2018, que a día de hoxe serían 22, continúan a incluír na lea a unha ducia de palanador@s. Aquí si que haberá tomate! Carolo, Adriana, Outeiro, Suso e Lu están, de momento, fóra desas prazas e son xogador@s que outros anos conseguiron praza, polo tanto, non van deixar de loitar ata a última carreira. Alberte, Cho e Manu nunca conseguiron praza e actualmente téñena, entón, estes tamén van dar o seu alento para que ninguén lles tire o seu soño de disputar a tan cobizosa Coroza Nacional 2018.






       Na Categoría Feminina hai unha única e clara candidata ao título que é Bego, que cada día mellora o seu palmarés: 1 Título Nacional, 6 Títulos de Conferencia, 3 Xornadas e 24 Varados. Así, acércase á máis grande da historia da LNB, Geni (2 Títulos Nacionais, 11 Títulos de Conferencia, 3 Xornadas e 16 Varados). A rivalidade está, coma outros anos nas prazas de Play Off. Polo momento, serían 12 prazas para a Conferencia, 11 que lle corresponden por porcentaxe de participación e a praza de Chefa, por ser a actual Campioa Nacional.