billardariasbaixas@gmail.com
billardariasbaixas@gmail.com
CLASIFICACIÓNS NO ECUADOR DA TEMPORADA
Na categoría de equipos Corredoiras, actual Subcampión Nacional LNB, domina con demasiada claridade, xa que, se temos en conta os resultados do Nacional LNB 2016, no cal, ademais da segunda posición do equipo de Bueu, Rinoceronte quedou terceiro e Lúa de Forza cuarto, poderíase esperar maior igualdade entre estes equipos. Ademais, este ano Gharaboto reforzou o equipo coa intención de non quedar fóra das prazas que dan dereito a representar á Conferencia Rías Baixas no Play Off Nacional 2017, como lle pasou a temporada anterior. En definitiva, Gharaboto e Lúa de Forza manteñen a posibilidade de conseguir a praza para participar na grande final de maio en Compostela, mentres Rinoceronte deberá pensar en que os equipos que veñen por detrás non o adianten na clasificación.
Os equipos da zona media Laxe de Rons e Valpaços Terra Quente viven tranquilos nos postos quinto e sexto, pero non deben esquecer que Armadiña está conseguindo números moi similares a eles 45 ptos de media por xornada para o equipo do Grove e 39 ptos de media para o equipo de Poio, o que sucede é que este último non participou nas tres primeiras xornadas de liga.
Os equipos da zona baixa manteñen unha loita moi interesante por evitar a billarda de metal. Tanto Casilledín como Andarela están promediando 16 e 14 ptos por xornada respectivamente. A diferenza de 27 ptos en parte é debida a que o equipo de Meaño faltou a unha xornada.
82 ptos de media por xornada que consegue Corredoiras só están ao alcance de Billardeiros Musicais, actuais Campións 2016 da LNB, que compiten na Conferencia Norleste. Facendo a comparativa e considerando que os sistemas de puntuación son moi similares, estes dous equipos volven ser os dous grandes favoritos para o Título LNB 2017. O ano pasado un só punto separou ao equipo de Ribadeo do de Bueu. Este ano non vemos que outro equipo poida estar ao seu nivel, aínda que pola cancela que se abre en xaneiro para fichar palanadores e palanadoras poderían entrar reforzos que subisen o nivel dalgún outro equipo. Quen sabe?
Na xeral absoluta, Xan cunha media de 24 ptos de media por xornada non dou opción a que ninguén ocupara a primeira praza. Só Ricar se mantén a unha distancia que lle permite ter esperanzas de disputarlle o título 2017. O de Bueu fixo nestas 8 xornadas 21 ptos de media. Despois, cunha media de 19 ptos por xornada están Che e Salva que son as alternativas para cando os dous primeiros fallen. Fari, cunha media de 18 ptos por xornada, podería sumarse a estes dous xogadores e formar o trío que se mantén ao axexo, o que sucede é que o de Bueu faltou unha xornada e iso vaino condicionar o resto do campionato. O resto dos competidores e competidoras que forman o TOP DEZ rondan os 15 ptos de media por xornada.
De todos os xeitos, este deporte é moi esixente e nunha xornada pódense perder máis dunha decena de ptos, como lle sucedeu ao líder nesta 8ª xornada, que dos cinco primeiros da xeral foi o que menos ptos conseguiu e tanto Che como Ricar recuperáronlle máis de 10 ptos. Ata o último golpe a forza debe acompañarnos, pois a escuridade do golpe ao aire está sempre arredor nosa.
Na categoría feminina, Bego, que colleu o liderado a xornada anterior, parece decidida a non deixalo ata o final, posto que nas dúas últimas xornadas fixo unha media de 24 ptos, ou sexa que está en números de liderado Absoluto. Lu mantén a súa media de 14 ptos e espera algún fallo da súa compañeira de equipo. As demais competidoras están a moita distancia destas dúas e deberán buscar outros obxectivos que non sexan o título de Conferencia. Así, Elena segue recortando a distancia que a separa da terceira praza do podio e xa está a 4 ptos de Adriana, a palanadora de Vigo en idade infantil que lle poñerá as cousas difíciles á da Adina. Por detrás, Mónica consolidou a quinta praza. Esta loita suponse extraordinaria ata o final, pois do quinto posto ao décimo hai 6 puntos de distancia. O que podemos dicir da categoría feminina é que tres equipos son os que monopolizan o TOP DEZ, Corredoiras, Valpaços Terra Quente e Gharaboto.
A categoría infantil revitalizouse coa entrada do equipo de Poio. Deste xeito, aos xa consagrados Juanma, Campión Nacional 2016, Adriana, Geno e Martiño aparecéulles un competidor de nivel, Oscar de Armadiña. Este palanador en catro xornadas conseguíu unha media de 8 ptos, o que fai del un candidato ao podio da categoría. Ainhoa de 11 anos, puntuou nas tres xornadas que disputou, o que lle augura un futuro de éxitos neste deporte. Evidentemente, o único favorito para o título de Conferencia é o xogador de Lúa de Forza, Juanma, quen tamén ten como obxectivo clasificarse para o Play Off na Categoría Absoluta.
CATEGORÍA ABSOLUTA
CATEGORÍA FEMININA
Bego volveu a repetir a primeira posición da xornada anterior e afiánzase na primeira praza da xeral. Chefa ocupou a segunda praza e Elena a terceira |
CATEGORÍA INFANTIL
CATEGORÍA FEMININA |
CATEGORÍA INFANTIL |
8ª XORNADA CRÓNICA
PARTICIPACIÓN
92
29 mulleres
63 homes
A pista de Beluso quedouse pequena para tanto palanador e palanadora. De novo superouse a mellor marca de participantes da temporada con 92 persoas. Ademais, estableceuse a mellor marca histórica da LNB en canto á participación feminina. Nunca antes participaran 29 mulleres nunha xornada da LNB desde a súa creación, aló por outubro do 2005. Sinal evidente de que o deporte da billarda sempre será de xénero feminino.
O equipo organizador, Corredoiras de Bueu, preparou a pista para que se adaptase ás súas condicións, como se dunha eliminatoria de Copa Davis se tratase. E esta estratexia doulle moi bo resultado, xa que non deron opcións aos demais equipos.
Seica utilizaron os de Bueu unha substancia procedente das algas para dar brillo á superficie do pavillón, o que provocaba destellos inesperados que dificultaban o golpeo da billarda. Na imaxe de abaixo pódese apreciar con evidente nitidez este feito. O comité de competición da LNB Rías Baixas está revisando as imaxes gravadas por se esta medida adoptada polo equipo de Bueu estivese incumprindo algunha das normas LNB, o cal podería levar a repetir a xornada.
Pero mentres o Comité analiza os feitos os resultados da xornada fan que Corredoiras se distancie máis do segundo equipo clasificado. Por detrás deles a loita continúa, pois nesta xornada Lúa de Forza superou en 6 puntos a Gharaboto, o que fai que o equipo de Sanxenxo se acerque a un só punto do equipo de Marín. Rinoceronte segue perdendo puntos en relación aos tres primeiros e cada vez ten máis difícil optar ao podio. Laxe de Rons e Armadiña, con boas actuacións, conseguiron superar os 50 puntos e continúan cos seus obxectivos intactos, que son para o equipo do Grove a 5ª posición e para o equipo de Poio chegar á 6ª praza que ocupa actualmente Valpaços Terra Quente. Tamén, actuación aceptable de Andarela que con 3 xogadores pasou dos 20 puntos. Outro caso foi o de Casilledín conseguíu unicamente 4 puntos, aínda que é comprensible dado que xogaron dúas palanadoras e para unha delas esta foi a súa terceira xornada LNB.
CATEGORIA ABSOLUTA | do EQUIPO | ||
1º | FARI | CORREDOIRAS | BUEU |
2º | CHE | RINOCERONTE | PONTEVEDRA |
3º | CHARRI | CORREDOIRAS | BUEU |
CATEGORÍA FEMININA | do EQUIPO | ||
1º | BEGO | CORREDOIRAS | BUEU |
2º | CHEFA | CORREDOIRAS | BUEU |
3ª | ELENA | GHARABOTO | MARÍN |
CATEGORÍA INFANTIL | do EQUIPO | ||
1º | JUANMA | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
2º | OSCAR | ARMADIÑA | POIO |
3º | ADRIANA | VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO |
2º OSCAR (Armadiña) 1º JUANMA (Lúa de Forza) 3ª ADRIANA (Valpaços Terra Quente) |
3ª ELENA(Gharaboto) 1ª BEGO(Corredoiras) 2ª CHEFA(Corredoiras) |
3º CHARRI (Corredoiras) 1º FARI (Corredoiras) 2º CHE (Rinoceronte) |
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)