A participación total corresponde ao número de xogadoras e xogadores que participaron polo menos nunha xornada de liga ao longo de toda a temporada. Ata a xornada 10 da temporada 2016-2017 teñen xogado 159 persoas.
A participación media indica o número de participantes que xogan en cada xornada. Ou sexa, nesta temporada 2016-2017 cando se xoga unha xornada o normal é que se reunan a competir 78 persoas.
Podemos apreciar que o número de participantes por xornada está estabilizada por enriba de 70 nas últimas 4 temporadas, o que é algo fantástico, pois indica a consolidación dun colectivo que goza xogando á billarda e coa compañía de compañeiros e compañeiras das comarcas do Salnés, O Morrazo, Vigo e Pontevedra.
En canto ao número de participantes totais, comprobamos que na temporada 2012-2013 houbo un cume de participación e que desde entón foi en descenso ata a temporada actual que volve a remontar. Estes números hai que interpretalos conxuntamente cos de participación en cada xornada, xa que estas cifras de participación total indican que todas estas persoas que participen na liga saberán que a billarda segue viva e practicándose, aínda que estes participantes sexan ocasionais e non compitan dun xeito regular.
En definitiva, hai que continuar no camiño de facer visible esta aventura chamada LNB para que cada vez aumente o número de persoas que se acerquen a xogar con nós. Tamén, debemos conseguir que cada vez haxa máis equipos estables que aseguren o espectáculo da billarda. Ver un grupo de cerca de 80 persoas de xeracións diferentes divertíndose e relacionándose dando golpes, non de estado, senón de país, é algo extraordinario.