billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CATEGORÍA EQUIPOS FEMININOS




         A vindeira xornada será en Soutomaior e organizada por Valpaços Terra Quente de Vigo, equipo que domina a Categoría de Equipos Femininos con bastante solvencia, aínda que non debe descoidarse, xa que, Corredoiras e Gharaboto, non se distanciaron definitivamente. De todos os xeitos, o equipo de Vigo é a maior potencia feminina de toda a LNB, comprendidas as Conferencias Norleste e Noroeste e, polo tanto, sería unha sorpresa enorme que non consiguisen o título. 


              


       Evidentemente, os únicos equipos que teñen capacidade para conseguir o primeiro Título da nova categoría Equipos Femininos son o equipo de Vigo, Valpaços, o de Bueu, Corredoiras e o de Marín, Gharaboto. Ademais, cremos que os postos están case definidos. Así, a Valpaços non hai quen lle faga sombra e o segundo posto será o que sufra modificación, pois pensamos que Corredoiras non poderá aguantar o ritmo das de Marín, debido a que este equipo ten un cadro de xogadoras moito máis numeroso. 




        En canto á zona media, tamén pensamos que se dará o sorpaso, é dicir, que Armadiña superará a Lúa de Forza, dado o potencial feminino desta franquicia de Poio. O lugar de pechacancelas cremos que o disputarán Andarela e Rinoceronte. Laxe de Rons será o primeiro da zona baixa ocupada por estes tres equipos.
















CRÓNICA 5ª XORNADA

     


       Segue a maldición do equipo organizador! Ata o momento, o equipo organizador en cada unha das xornadas non ganou. En Dorrón-Sanxenxo volveu pasar o mesmo. A xornada foi ganada por GHARABOTO e o equipo local LÚA DE FORZA só conseguiu ser segundo. Na primeira xornada organizaou LAXE DE RONS e quedou cuarto, na segunda organizou RINOCERONTE e quedou quinto, na terceira organizou ARMADIÑA e quedou quinto, na cuarta xornada organizou GHARABOTO e quedou segundo. Conclusión: Non é doado ganar de local!
        O curioso, sorprendente e inesperado foi que CORREDOIRAS quedara fóra do podio da xornada. Habería que volver á temporada 2014-2015, cando o equipo de Bueu competía en dúas Conferencias con equipo A e equipo B, para encontrar unha xornada na que o actual Campión Nacional non estivera entre os tres primeiros. 
       A actuación do equipo de Poio foi memorable conseguindo ademais que un dos seus xogadores ganara a xornada por vez primeira. RINOCERONTE xa se sitúa no lugar que este ano lle corresponde, pois, o noutrora bronce Nacional foise debilitando desde a temporada pasada e actualmente non ten un cadro de xogadores tan potente como cando subiu ao podio do PLAY OFF 2016. Os demais equipos rendiron como deles se espera.









       Así, xogadas 5 xornadas, a clasificación fractúrase en tres zonas moi definidas. A Zona alta, na que están os equipos que optan ao título e á clasificación para o Play Off Nacional 2018, a zona media, que está ocupada polos equipos que disputarán ser os primeiros da clase media e a zona do pechacancelas, na cal ANDARELA non ten rival. 
        Se comparamos os puntos que a temporada pasada tiñan os equipos nesta mesma xornada podemos tirar varias conclusións. RINOCERONTE caeu de fociños, a CORREDOIRAS nótase a marcha de varios dos seus integrantes para outros equipos e GHARABOTO, este ano si, quere e pode loitar de igual a igual con CORREDOIRAS. O Caso de ARMADIÑA hai que analizalo con perspectiva, pois aínda que é o equipo que máis sube con relación á temporada pasada, deberemos ter en conta que a estas alturas do ano pasado só xogara 2 xornadas, entón, facendo unha estimación (sumámoslle 50 ptos en cada xornada, que é a media de ptos nas 5 xornadas celebradas) resulta que subirían 50 ptos e estarían por diante de GHARABOTO con 38, como o equipo máis mellorado.  






PEQUE (Armadiña) foi o ganador da xornada e xa entrou para quedarse no ALBOIO DA FAMA (ALFA) das estatísticas da LNB.






       O líder, Xan, aumentou a distancias co segundo clasificado, aproveitando a puntuación de Ricar (12), bastante por debaixo dos seus números habituais. Tamén, os rivais que veñen por detrás de Ricar se acercan perigosamente a ese segundo posto do podio. Juanma que tivo unha actuación extraordinaria, pois estivo a centímetros de ganar a xornada, sitúase a só 6 ptos do palanador de Bueu. Luís Pirucha é o outro dos beneficiados desta xornada e agora está a 7 de Ricar e a 1 de Juanma. Dani tamén sacou tallada e xa está no Top Cinco. Salva cae ata o 6º posto e xa sente o alento de Ricardo Lois, de Luís Camiña e de Bego
       Na categoría feminina, Bego xa está puntuando como dela se espera e, deste xeito, non dá ningunha posibilidade ás súas rivais. Agora Chefa e Adriana (infantil) están a unha trintena de ptos da de Bueu. As demais posicións mantéñense con Zaira, Elena e Lu que deberán remar moito para acercarse ao podio. Debemos destacar a puntuación de Yaiza (infantil) que lle permite acercarse aos postos que darán dereito a participar no PLAY OFF 2018, algo fabuloso e impensable para unha nena de 11 anos e que empezou a xogar á billarda a temporada pasada.



       A categoría infantil ten un único líder e favorito incuestionable en Juanma, que ademais está na terceira posición da Categoría Absoluta. O futuro dirá se este xogador de Lúa de Forza será un referente na LNB. Aos seus 15 anos, recentemente celebrados, esta será a súa derradeira temporada na categoría e está xogando a un nivel altisimo. Adriana (14 anos), outra xogadora extraordinaria que disputa tamén a súa derradeira temporada como infantil, subiu ata o segundo posto da xeral, aproveitando a asusencia de Oscar (9 anos). Yaiza (11 anos) xa se sitúa en 5ª posición e Samuel (8 anos) en 6ª. O Samu será outro dos referentes da categoría en vindeiros anos, xa que con 8 anos conseguiu puntuar en todas as xornadas, cousa só ao alcance de Juanma, Adriana e Oscar. El e máis Oscar disputaranlle o título a Yaiza a temporada 2018-2019, sen lugar a dúbidas. E por detrás veñen outros nenos e nenas que son a nosa alegría durante as xornadas e o alicerce no que soster este marabilloso deporte da Billarda. 



A POLÉMICA

       Como en xornadas anteriores a polémica planeou sobre o campo de billarda de Dorrón. Desta vez non houbo billardas que non entraron e se deron por boas, nin billardas que indo por dentro se deron por malas. Esta vez foi o método usado para facilitar o salto da billarda no difícil terreo de xogo. Foron tres os métodos utilizados. A saber,
-Método tradicional: situar a billarda no chan. 
-Método pozo de barrena: perforar a superficie de xogo para enterrar a parte de atrás da billarda. 
-Método plataforma, coas dúas variantes seguintes: 
             -método plataforma de billarda
             -método plataforma de raposo (usar plataforma deseñada especialmente para esta función).

       Entón, cal é a polémica, preguntarédesvos, e se non o facedes é o mesmo porque imos facelo nós. As discrepancias veñen motivadas por non haber no regulamento nada escrito sobre este particular. Non obstante, si hai o uso e costume, derivado de acordos verbais nas finais de PLAY OFF nas que a choiva fixo acto de presenza, de permitir soamente como apoio outra billarda. Daquela, o sábado houbo persoas que non fixeron caso do uso e costume e usaron a plataforma raposo. Mais, como non houbo reclamacións nin recursos ante o tribunal de arbitraxe, polo de agora, pois... 
       Estase á espera de que as fotos de Charri aclaren algo sobre o particular. Aínda que moito nos tememos que o mariñeiro fotógrafo de Bueu non está atravesando un bo momento de forma, senón observade na foto de abaixo na que despois de errar o enésimo golpe intenta facerse o harakiri.
CHARRI HARAQUIRI


Seppuku ("corte do ventre"?), comunmente coñecido no occidente por haraquiri, é o termo xaponés empregado para denominar un suicidio por destripamento. En xaponés a palabra 'hara-kiri' non se emprega por ser considerada vulgar. Era unha práctica común entre samurais, que consideraban a súa vida como unha entrega á honra de morrer gloriosamente, rexeitando calquera tipo de morte natural. Por iso, antes de ver a súa vida deshonrada por un delito ou falla cometida, recorrían con este acto a se dar á morte (tal e como significan esas palabras, hara-kiri: «corte do ventre»). Wikipedia.


        

Berdillo, Xulio, Oscar Ponte e Julio Vilas

       Acercáronse ata a nosa Conferencia 4 dos mellores xogadores da Conferencia Noroeste. Como os 4 Xinetes do Apocalipse, soportaron con integridade a calurosa tarde, relacionáronse con cortesía e actuaron coa corrección que se lles supón ao vivir no norte. Do aspecto competitivo... non quixeron acercarse ata os micrófonos de Todolnb para facer declaracións ao finalizar a xornada. Pero, ao lonxe oíase algunha frase que empezaba deste xeito, "me cagho na...".


WILD FRAN Valpaços Terra Quente
YAIZA 1ª Categoría Infantil

"Non pasou nada pero puido pasar". Unha billarda impactou no pé de Gelín, máis coñecido polo "Ghandi galego", coa tan boa fortuna que unicamente lle seccionou en dous o calzado. Está falando cos seus abogados para ver se é posible demandar a alguén e coa indemnización volver ao "mercadillo".