billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

6ª xornada ANÁLISE Categoría Absoluta


   Esta 6ª xornada caracterizouse pola superficie de cemento do pavillón que favorecía o avance das billardas. Deste xeito, para ganar a xornada houbo que facer varados, e moitos. Houbo 34 varados en total, unha cifra que quedou lonxe do record absoluto LNB que está en 41. A nivel individual si se estableceu o record de varados da conferencia con 7. Na final a tres da xornada presentáronse Luís Camiña e Geno con 2 varados cada un, e Xan con 6 varados. Evidentemente, para ganar había que facer varado e foi o de Lúa de Forza quen o fixo.




   As puntuacións da xornada foron elevadas se temos en conta que 16 xogadores/as conseguiron entre 15 ptos e 19 ptos e 4 palanadores fixeron 20 ptos ou máis. 





   No Top Dez produciuse a entrada de Luís Camiña, quen nas últimas dúas xornadas estivo subido á segunda posición do podio conseguindo máis de 20 ptos en cada unha delas, o cal lle permitiu situarse na 7ª posición. En cada xornada hai algunha actuación sobranceira dun palanador ou dunha palanadora que convén salientar polo inusual do feito. Nesta ocasión foi Pepe "Ghato" quen estivo cerca de alcanzar a final e só sucumbiu ante un varado. Aínda así alcanzou os 21 ptos. Tamén, Geno, en categoría infantil, tivo unha soberbia actuación, pois disputoulle o triunfo da xornada a dous dos máis grandes da LNB. Outro infantil, que debutara na xornada anterior, Oscar de Armadiña, conseguiu 16 ptos e estivo a un desempate de pasar á segunda fase de cruces da xornada. 






   As posicións no Top Dez empezan a aclararse. Así, vemos unha loita polo título na que estarán seguro Xan e Ricar, e na que tamén terán algo que dicir tanto Che (Campión Nacional de Varados) como Salva. O resto dos competidores están demasiado lonxe. Ademais, este ano está caro o primeiro posto, pois a media de ptos que leva o líder é de 25, cifra ao alcance de moi poucos.
   Despois, está a competencia polos postos de honor do Top Dez. Desde o 5º posto ao 10º posto hai 8 ptos de diferenza. En 2 ptos están os postos 7º,8º,9º e 10º con catro palanadores de grande nivel como son Luís Camiña (faltou a unha xornada), Suso, Lito e Luís Rino. Fari está entre dúas augas, pode tirar cara ao podio ou soamente buscar os postos de honor. O palanador de Bueu faltou a unha xornada e deberá remar se quere acercarse ao podio. Luís Gon é a sorpresa deste Top Dez, pois é un palanador irregular que nunca estivera tan cerca do podio na xeral.





6ª XOR ANÁLISE

CATEGORÍA FEMININA




   Nesta xornada de Soutomaior houbo 7 palanadoras que conseguiron 10 ou máis ptos, algo que só sucedera na primeira xornada de liga. Está claro que conforme avanza a temporada as xogadoras están mellorando os seus resultados. Foi Elena de Gharaboto quen se levou o triunfo da xornada con 16 ptos, no segundo lugar quedou Chefa con 15 ptos, que reaparecía despois da súa ausencia de tres xornadas, e terceira foi Tania con 12 ptos, quen tamén reapareceu despois de 4 xornadas. 




   A superficie do pavillón da Montesiña en Arcade foi unha pista de patinaxe para as billardas o que fixo que calquera imprecisión fora castigada coa saída das madeiras polo fondo do terreo. Isto proporcionou máis oportunidades para as palanadoras menos potentes pero moito máis precisas. Deste xeito, Bego que se caracteriza pola súa potencia nos golpeos veuse superada pola precisión e seguridade no golpe destas tres xogadoras. Pola súa banda, a líder actual, Lu, tivo unha boa actuación se consideramos que ela está buscando o título da Conferencia e todo o que sexa non perder moitos puntos con relación á máxima favorita Bego é un paso máis cara ao seu obxectivo. Nesta ocasión Bego obtivo só un punto máis ca Lu.
   Elena acércase ao terceiro posto do podio ao sumar 16 ptos por unicamente  1pto de Adriana, quen non se adaptou ben ás condicións do pavillón. Destacar a actuación de Merche unha palanadora que pertenece ao APB Santa Marta, un equipo da Conferencia Noroeste, que veu probar os paus das Rías Baixas.
   Polo demais, foi a xornada con maior participación feminina da historia da Conferencia con 27 palanadoras. Está ben claro que a billarda é unha palabra de xénero feminino por algo. A seguinte xornada xogarase en superficie de terra, Castrelo-Cambados. Así que, ide depurando a técnica para salvar os obstáculos que aparecen cando o chan é irregular e o condenado non acepta ben os golpes.







6ª xornada ANÁLISE

Categoría EQUIPOS

   O reparto de puntos nesta xornada estivo liderado por CORREDOIRAS que despois de tres xornadas nas que non fora o equipo ganador volveu a recuperar a supremacía nesta 6ª xornada. GHARABOTO segue o seu camiño cara á segunda posición que dá dereito a participar no Play Off Nacional. LÚA DE FORZA agárrase á segunda posición, pero escoita o velame da fragata de Marín que se acerca por babor. RINOCERONTE, que se presentou en Soutomaior con unicamente 6 xogadores e a metade deles palanadores da parte baixa da clasificación, tivo un rendemento excepcional e con 69 ptos mantense cerca do podio esperando a súa oportunidade para acercarse á segunda posición. Estes catro equipos están no primeiro chanzo da Conferencia Rías Baixas e loitarán ata o final polas dúas prazas do Nacional e polo podio da Conferencia. 

   

   Nun segundo plano estarían LAXE DE RONS e VALPAÇOS TERRA QUENTE que aínda non teñen o potencial para acercarse ao podio, mais melloraron moito as súas prestacións do ano pasado. Os do Grove manteñen o equipo do ano pasado, pero con dous xogadores que evolucionaron o seu xogo e están sendo unha sorpresa agradable. Son os casos de Paco Vidal e Martín. Pola outra beira, o equipo de Vigo reforzouse para este ano con talento sólido, como o de Salgue, e con talento para o futuro, con Yaiza e Zaira.

LAXE DE RONS (O Grove)


   Nos últimos postos da clasificación están dous equipos históricos das Rías Baixas, CASILLEDÍN e ANDARELA, e un equipo que leva xogadas só tres xornadas de liga, ARMADIÑA. Aqueles dous equipo teñen un cadro de xogadores e xogadoras moi limitado o cal non lles vai permitir avanzar destes 3 últimos postos. Aínda así, o equipo de Barrantes incorporou unha nova xogadora nesta xornada de Soutomaior e segue buscando talentos do pau polo país adiante. ANDARELA organizará a próxima xornada en Castrelo-Cambados, onde espera presentar as súas novas incorporacións. Outro caso totalmente diferente é a do equipo de Combarro. Este ten o futuro nos seus paláns, pois aporta xuventude e feminidade ao xogo. Deste xeito, despois de tres xornadas xa conseguiron acercarse aos 50 ptos nesta última xornada, e iso tendo en conta que algún dos seus palanadores, que teñen un enorme potencial, non estiveron a bo nivel. Salientar que foi un infantil o que lles aportou maior número de ptos, Oscar, que ganou na súa categoría.


A clasificación xeral está así


     Na vindeira xornada de Castrelo (Cambados) pódense producir dous "sorpasos", pois GHARABOTO pode superar a LÚA DE FORZA no segundo posto e ARMADIÑA pode facer o mesmo con CASILLEDÍN no sétimo lugar. Ninguén se pode perder a próxima xornada! Acordádevos que será en terra, aínda que chova, vente ou neve, xa que o lugar está cuberto por arriba e polos lados.





RESULTADOS 6ª XORNADA SOUTOMAIOR



PARTICIPACIÓN
79

27 MULLERES
52 HOMES




CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
XANLÚA DE FORZASANXENXO
LUÍS CAMIÑAGHARABOTOMARÍN
GENOCORREDOIRASBUEU
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
ELENAGHARABOTOMARÍN
CHEFACORREDOIRASBUEU
TANIAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
OSCARARMADIÑAPOIO
MANUELLÚA DE FORZASANXENXO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
CORREDOIRASBUEU
GHARABOTOMARÍN
RINOCERONTEPONTEVEDRA











   Esta xornada caracterizouse pola alta participación infantil e pola velocidade coa que esvaraban as billardas  na pista de cemento pulido da Montesiña.

   Tamén queremos destacar a irrupción nos podios da LNB da marea celeste de Combarro. Prometen levar a súa camisola aos podios da categoría feminina e da categoría absoluta. Para conseguir esta proeza xa tomaron a primeira decisión que pode cambiar o rumbo da Conferencia Rías Baixas e da LNB: reservaron o pavillón de Lourido para convertilo durante 2 horas á semana no segundo Centro de Adestramento, Tecnificación e Rendemento deportivo da billarda, o C.A.T.R.E. O primeiro está no concello de Sanxenxo.
Perdón, o terceiro CATRE, pois esqueciamos o de Bueu (na Estacada) que foi o segundo.

   Mañá analizaremos os resultados da xornada.