billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

Campo de xogo da 6ª xornada CONSAL

Este é o Espiñeiro un lugar de lecer de nenas e nenos, onde imos disputar a 6ª xornada da CONSAL o vindeiro domingo 8 xaneiro. 11h.
Este é o vídeo explicativo da supercie e dimensións da pista. Así poderedes ter adaptadas billardas e paláns.



6ª XORNADA

Xa temos preparada a 6ª xornada da CONSAL. Encárganse de organizala o equipo de PORTONOVO SAB. Será o domingo 8 xaneiro 2012 no Espiñeiro. Esperámosvos.
En poucos días aparecerá un vídeo do terreo de xogo. Atentas e atentos se queredes coñecer a composición da superficie e as dimensións da pista.






Ver mapa más grande

Terreo de xogo da 5ª xornada da CONSAL en Noalla, domingo dia 11 as 11, organizada por "A esmorga"


Ver mapa más grande

Ver mapa más grande

VER VIDEO DO TERREO DE XOGO 

4ª XORNADA

1º TOÑO
2º XORO
3º LUÍS


Estas foron as 3 primeiras posicións na 4ª xornada da CONSAL.
Estes 3 palanadores empataron na primeira posición do grupo do 1º ao 8º, a 14 puntos e tiveron que desempatar para establecer as 3 primeiras posicións finais.

Un golpe, un único golpe para decidir ao ganador. A orde de saída nos desempates queda establecida no sorteo inicial para confeccionar os grupos.
Entón, primeiro golpeou Toño. A billarda pasou uns centímetros da media pista, parecía que estaba sentenciado, pois faltaban por tirar os seus rivais, para os cales un golpe máis alá da mitade da pista non supoñía maior dificultade. Mais, a tensión da alta competición convirte vinte metros nun tunel escuro... ás veces.
Xoro golpeou segundo e alcanzou a mitade da distancia que recorrera a billarda de Toño. Resoprou o de O Pino.
Aínda quedaba Luís, que fixera 2 varados na xornada e xogaba nun terreo que xa coñecía. A billarda de Luís ergueuse no espazo infinito de 2 segundos. No ceo azul brillaba a estrela que quentou o ambiente ata os 21 graos. O brazo de Pirucha só alcanzou a facerlle unhas cóxegas á madeira afiada que apenas se moveu uns centímetros. Luís polo chan, a afición de O Pino, polos aires, Toño non daba crédito e o champán galego (premio) foise fora da comarca do Salnés.


Foi unha xornada estupenda en Bordóns. Calorciño e emoción.

27 palanadores
9 palanadoras

4 grupos de 9 na primeira fase

5 novos e novas debutantes:
David (rapaz) BORDÓNS
Daniel (rapaz) BORDÓNS
Geno (Mozo) PORTONOVO
Cheli e Ana.
A noticia máis destacada desta xornada é que 3 novas persoas se incorporaron á LNB. E ademais que Cheli e Ana, que acompañan habitualmente a Gelín e Luís Camiña, finalmente decidíronse a participar e non o fixeron nada mal. Esperamos velas de novo no Salnés... e competindo.

Destacar tamén que Corredoiras de Bueu acercouse con Outeiro, Chefa e Carolo. Segundos antes de comezar a competición ficharon ás anteriormente citadas Ana e Cheli.

Andarela manten o tipo a pesar de que só Angel e Lucía participaron. Aínda que pode ser o equipo co palanador máis novo en competir oficialmente na LNB: Ares, un neno que non chegou aos 5 anos. Esta vez só estivo adestrando.



Consultar calendario para a próxima xornada 11 decembro.

TERREO DE XOGO da 4ª xornada CONSAL Bordóns

Ola, compañeiras e compañeiros. A CONSAL quere ofrecer información dos terreos de xogo onde se disputarán as vindeiras xornadas. Así, os palanadores e palanadoras terán tempo suficiente para adaptar os seus golpes e as súas billardas a cada superficie.
Aquí temos o terreo de xogo da 4ª xornada, que se disputará o domingo 27, ás 11h. en Bordóns.



4ª XORNADA CONSAL DÍA 27 DE NOVEMBRO AS 11:00 DA MAÑÁ EN BORDÓNS

Atentos e atentas ao mapa e ao horario.

Ao mapa, porque para chegar ao lugar hai que coller por unhas corredoiras (asfaltadas pero corredoiras)
En algún lugar do traxecto cabe unicamente un coche nas dúas direccións. A inclinación media nos últimos 200 metros está no 30%.

O campo onde imos xogar é unha superficie lisa de 40 metros de longo por 20 de ancho. Vanse facer 2 pistas, entón... efectivamente, será de 10 metros de ancho cada pista. Onde pon lisa hai que entender, non rugosa, ou sexa as billardas van deslizar, non tanto como en pavillón, pero van deslizar. O campo está rodeado de monte, separado por unha parede de terra, polo crepúscupo e por unha vaia de arame de altura 8 metros, polo nacente. Aviso as persoas máis prudentes: levade billardas de reposto. O monte ten boca e come madeira....

Atentas e atentos ao horario. Se se quere acabar a unha hora axeitada para aquelas persoas que teñen o hábito de comer todos os días, e de facelo ademais a unhas horas fixas, debemos empezar ás 11horas.










Ver mapa más grande

3ª XORNADA 6-11-2011 ADINA


38 PARTICIPANTES... e Suso, un principiante do equipo de ADINA, campión da 3ª xornada, na categoría masculina. Na feminina campioa, unha non principiante, Raquel, do equipo de O PINO.

200 gramos de mañá estupenda de sol e temperatura agradable, medio kilo de pista en perfectas condicións, e 150 gramos de música de fondo e un kilo de ambiente de diversión.

Estes foron os ingredientes que degustamos na CONSAL. O equipo de BORDÓNS fixo o seu debut dun xeito brillante ocupando a 3ª posición por equipos. Destacar a actuación de ADINA o equipo anfitrión que alcanzou a 2ª posición por equipos. BATEAS sigue dominando e volveu ganar a xornada. O PINO acudiu cun equipo moi potente Carmela, campioa galega 2010 e Raquel, subcampioa galega 2011, ademais de Toño un "palanador dez" do Ranking LNB; conseguiron o 3º posto por equipos. A ESMORGA tivo unha actuación discreta para as súas espectativas, quizais a mala xornada de Luís Camiña, un "palanador 10" influiu neste resultado. Aínda así, Gelín axudou a conseguir a 5ª posición sendo o mellor clasificado do seu equipo. ANDARELA mantén o tipo e conseguiu a 6ª posición por diante de DORRÓN que foi 7º. Destacar o entusiasmo deste dous equipos que non puideron contar con 4 palanadores/as e tiveron que puntuar con 2 e 3 respectivamente. Aínda así rendiron a un gran nivel. Así, Angel ocupou o posto 24 e Lucía o 28, o cal os manten nunha boa posición na clasificación individual. Hai que lembrar que son dous palanadores principiantes, o que dá máis valor ao que están conseguindo. DORRÓN XUVENTUDE, está composto por palanadores e palanadoras moi novos e novas, e o futuro é deles. Ocupan a 6ª posición na xeral por equipos. Finalmente, PORTONOVO, só puido contar cun palanador, Ramón, outro xogador principiante, xogou coa presión de ter que chegar en punto á hora da comida á súa casa, polo tanto baixou as súas prestacións.

Elena, que venceu na 2ª xornada, mantén a primeira posición entre as mulleres, pero Raquel (subcampioa galega 2011), vencedora nesta 3ª xornada, colócase a 2 puntos dela. Isabel unha principiante do equipo ADINA colócase en 3ª posición. Rebeca superou a Maika e sitúase 4ª. Maika vencedora na 1ª xornada, baixa ata a 5ª posición. Lucía de ANDARELA, ocupa a 6ª posición, Sheila 7ª, Carmela 8ª (campioa galega 2010).

En definitiva, houbo palanadores e palanadoras dun gran nivel. A esta cita acudiron 8 dos 10 primeiros palanadores do RANKING Galego.

Estade atentos e atentas, pois a xornada nº 4 probablemente se disputará o domingo 27 en Bordóns. Esta semana confirmarémolo.

3ª xornada

O próximo domingo día 6 de novembro celebraremos a 3ª xornada puntuable para a CONSAL. Unha vez consultadas varias fontes de información meteorolóxica podemos esperar que este domingo a climatoloxía nos permita xogar sen a choiva insistente da xornada anterior.

Esta xornada está organizada polo equipo de ADINA. Disputarase na pista deportiva que está ao lado da casa da cultura.

Informar que a participación foi de 21palanadores e palanadoras na 1ª xornada e de 23 na segunda. Que son sete os equipos que están participando e que se incorporaron novos e novas practicantes.

En definitiva, difundir a práctica deste xogo é un dos obxectivos que debemos manter no noso pensamento. Polo tanto, se implicamos a coñecidos, familiares, amigas, amigos, estamos contribuíndo a alcanzar esta tan elevada meta. Ánimo e adiante.






2ª xornada CONSAL 23-10-2011



A segunda xornada da CONSAL celebrouse baixo as agullas do primeiro temporal de outono.
Os que aquí vedes son algúns dos valentes e das valentes que se atreveron a desafiar ás baras e ás isobaras do Atlántico. Unha parte dos participantes non aparece na foto, pois saíron ás presas para chegar a tempo de xogar na CONNOR (2ª xornada) que se disputou o domingo pola tarde.

Aínda con algunha dificultade celebrouse a 2ª xornada da CONSAL con 23 participantes que representaron a 6 equipos. Con choiva intermitente, unhas veces chovía e outras... un pouco máis, os palanadores e palanadoras empregaron toda a fortaleza dos seus corpos para soportar o empuxe do vento que atravesaba o campo de xogo.

Con roupa impermeable algúns e algunhas, con paraugas outras e outros, foise disputando a xornada. Como sucede en caquera outro deporte, as xogadoras e xogadores queixábanse das condicións adversar, pero nada impediu que se empregaran co máximo interese e esforzo.

Deste xeito, tanto a categoría masculina como a feminina estiveron moi disputada. Ata a última carreira non se soubo dos gañadores. Para máis información sobre os resultados consultade as clasificacións.

Un dos obxectivos primordiais da CONSAL é a de conseguir novos e novas practicantes da billarda, polo tanto, debemos destacar que nesta segunda xornada participaron por primeira vez Digna, Lucía, Xurxo e Hipólito. Catro seres humanos que xa saben o que é participar na LNB. Outro obxectivo importante é que estas persoas sigan xogando, para o cal xa temos programada a 3ª xornada para o domingo 6 de novembro no mesmo lugar e á mesma hora (Adina). Esperamos que con un tempo que nos permita xogar con algo de comodidade.

Esperámosvos!

2ª XORNADA. Cambio de terreo de xogo

A ESMORGA


2011-2012

Domingo 23 outubre, 11:45h

ADINA

LNB

CONSAL


Por un impedimento de última hora non podemos dispoñer do campo de xogo de NANTES. Polo tanto, imos disputar a 2ª xornada na pista deportiva situada ao lado da casa da cultura de ADINA.









Ver mapa más grande



2ª XORNADA

A segunda xornada da CONFERENCIA SALNÉS disputarase o

domingo 23 de outubro en NANTES.


Hora do sorteo 11:45

comezo da competición 12:00

TODO PREPARADO

Todo está preparado para o nacemento da CONSAL. O parto terá lugar o domingo 2 de outubro ás 12 horas, en terras da parroquia de Nantes.

De momento temos a confirmación da participación de 6 equipos:
ASOCIACIÓN CULTURAL ANDARELA de Nantes
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE ADINA de Adina
ASOCIACIÓN DE VECIÑOS DE ARRA de Arra
ASOCIACIÓN CULTURAL DE BORDÓNS de Bordóns
ASOCIACIÓN CULTURAL A ESMORGA de Noalla
BATEAS

Tamén, un grupo de rapazas e rapaces está formando un equipo xuvenil, que sería o 7º.

O campo de xogo será de terra.

O sistema de competición será o que aparece no apartado correspondente deste blog.

Teremos uns paneis de puntuación no terreo de xogo para que xogadores e público poidan seguir a situación real da competición. Debido ao complexo deste novo sistema de competición contaremos coa axuda dunha persoa que leva desde o 10 de agosto descifrando e perfeccionando o modelo. Finalmente, conseguiu eliminar todas as lagoas legais, nas que calquera poidese navegar un argumento para sacar vantaxe, nesta noble arte de intentar ganar un centímetro, tamén chamada engañar.

Os premios están, os paláns tamén, as billarda, por suposto.

Daquela, ¡que empece o espectáculo!