billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CRÓNICA 2, 10ª XORNADA COTOBADE



Esta é a foto do podio en Cotobade que o equipo pontevedrés RINOCERONTE nos fixo chegar


   Está claro que este equipo antisistema quere sacudir toda a estrutura organizativa da LNB. Se non fora pouco o seu empeño en xogar as xornadas en campos selváticos, aínda que barruce, chova ou vente, agora busca desestabilizar o ánimo dos outros equipos co seu afán de aniquilar a identidade persoal de palanadores e palanadoras. Introduciron un virus no software de todolnb para alterar as fotos que consideren oportuno. Pedimos desculpas se algunha das súas manipulacións molesta a vosa sensibilidade.


Rinoceronte desafía á LNB poñendo cabeza abaixo o logo sagrado da tribo da billarda.
  




 Imos deixar, de momento, de lado as actuacións de Rinoceronte para centrarnos na xornada disputada en Cotobade. 


   Na categoría feminina, LU foi quen máis puntos conseguiu seguida de Bego e Adriana, que a acompañaron no podio. O terreo de xogo de herba non foi impedimento para que 5 palanadoras superaran os 10 puntos. A participación foi de 23 mulleres. 



   A clasificación xeral nesta categoría segue encabezada por BEGO. Nesta xornada, Lu obtivo 2 puntos máis que a súa compañeira de equipo e agora está a 22 puntos. Semella moita a distancia para que a de Beluso poida alcanzar á de Bueu, pero agora chegarán as choivas de primavera e todo é posible en pavillón. Na terceira praza do podio continúa Adriana. A xogadora de Valpaços Terra Quente alcanzou un punto máis ca Elena de Gharaboto, e agora son 2 puntos de vantaxe a favor da palanadora de Vigo. Entre elas dúas vai estar o último lugar do podio, xa que as demais están a cerca de 40 puntos de distancia. Ao mesmo tempo, ningunha delas pode alcanzar a segunda e primeira posición, pois están a 50 puntos de distancia. 

Despois de 10 xornadas e á falta de 6, así quedan os postos que dan dereito a participar no PLAY OFF 2017







   Na categoría absoluta, o triunfo foi para XAN de Lúa de Forza, seguido de Luís Camiña e Manolo Fariña, os dous de Gharaboto. Os xogadores que chegaron ou superaron os 20 puntos foron 7 e curiosamente 3 deles non están no TOP DEZ. Estes foron Manolo Fariña con 21 puntos, Carolo con 20 e Daniel con 20, tamén. Suliñar que Fari tivo que abandonar a xornada na segunda carreira por un asunto familiar grave. 


  O máis salientable dos resultados é que Ricar non conseguíu alcanzar o liderado que tiña a 2 puntos ao comezo da xornada. Unha semana máis continúa Xan na primeira posición. Así, Salva ao conseguir 24 puntos acércase a Ricar. Pola súa banda, Che continúa preto de Salva. Despois destas catro posicións hai unha distancia importante de cerca de 30 puntos coa quinta posición. O título que parecía cousa de dous pode que sexa de catro. Xa o di o refrán billardeiro:

"Se chove na primavera 
o pavillón espera, 
se a primavera é seca 
a palanar na herba."

   Será determinante a superficie na que se xogue? 

Verémolo!!




   Na categoría infantil a ausencia de Juanma foi aproveitada por Adriana que agora está a tan só 5 puntos do xogador de Lúa de Forza. O mesmo aproveitou Oscar de Armadiña para situarse na cuarta posición, por diante de Martiño, que tampouco xogou.


2º OSCAR (ARMADIÑA) 1º GENO (CORREDOIRAS) 3ª YAIZA (VALPAÇOS TERRA QUENTE)









Na categoría de varados a clasificación para o PLAY OFF 2017 está deste xeito
   



CRÓNICA 10 XORNADA COTOBADE

10ª XORNADA

COTOBADE

PARTICIPACIÓN
67

23 MULLERES
44 HOMES



RESULTADOS

CATEGORIA ABSOLUTA
do EQUIPO
XAN LÚA DE FORZA SANXENXO
LUÍS CAMIÑA GHARABOTO MARÍN
MANOLO FARIÑA GHARABOTO MARÍN




CATEGORÍA FEMININA
do EQUIPO
LU CORREDOIRAS BUEU
BEGO CORREDOIRAS BUEU
ADRIANA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO




CATEGORÍA INFANTIL
do EQUIPO
GENO CORREDOIRAS BUEU
OSCAR ARMADIÑA POIO
YAIZA VALPAÇOS TERRA QUENTE VIGO





CATEGORÍA EQUIPOS do EQUIPO

CORREDOIRAS BUEU

RINOCERONTE PONTEVEDRA

GHARABOTO MARÍN




   Esta 10ª xornada xogouse nun terreo de herba especialmente preparado polo equipo local, RINOCERONTE. Sementaran un novo cespede no antigo campo de fútbol e actual campo da festa do lugar de Vilanova, na parroquia de Tenorio (Cotobade), en setembro do 2016 e durante estes 5 meses coidaron con cautela e dedicación unha superficie que saben que beneficia o xogo dos seus palanadores. Todo este traballo dou os seus froitos o sábado 25 de febreiro, xa que o equipo pontevedrés conseguiu unha puntuación que os acercou ao terceiro posto da clasificación xeral. Posto que dá dereito a participar no PLAY OFF 2017.
   
   De novo, CORREDOIRAS ganou a xornada con 80 puntos, despois quedaron os locais Rinoceronte con 74 e en terceira posición GHARABOTO con 69 puntos.






   Evidentemente, o título está decidido para o equipo de Bueu que avantaxa en 158 puntos ao equipo de Marín GHARABOTO. O segundo e terceiro posto do podio, que ademais son os que clasifican para optar ao Título LNB cos equipos representantes das outras conferencias, estarán disputados ata o final da temporada, xa que hai 3 equipos para dúas prazas. Hai uns meses parecía que o equipo pontevedrés de RINOCERONTE se quedaba moi lonxe desa loita, mais pasados os meses de inverno recuperouse e xa está a tan só 6 puntos da terceira praza. 
   Os equipos da zona media, LAXE DE RONS e VALPAÇOS TERRA QUENTE, manteñen as posicións quinta e sexta, respectivamente. Haberá que esperar a que as novas incorporacións do equipo de Vigo collan experiencia e despois veremos se lle van aportar os puntos necesarios para alcanzar ao equipo do Grove durante as xornadas da primavera. 
   Na parte baixa, as posicións tamén se manteñen. Así, ARMADIÑA resistiu na posición sete da táboa clasificatoria, aínda que por motivos de Entroido non puido presentar o seu cadro completo de xogadoras e xogadores. ANDARELA mantén a última posición e CASILLEDÍN non presentou competidor algún, pois os puntos que necesitan para evitar a última posición van obtelos na vindeira xornada que organizarán en Barrantes. Están preparando un campo de xogo que se adapta perfectamente ás súas condicións de xogo. 
   Nas últimas xornadas os equipos organizadores están acondicionando as superficies de xogo aos seus intereses, sempre dentro das superficies aceptadas pola LNB, terra, herba, area, cemento e asfalto. Así, ao xeito COPA DAVIS de Tenis, cada equipo local busca un terreo de xogo adecuado ás cualidades dos seus xogadores e xogadoras e que evite potenciar as virtudes dos equipos rivais. 







LUIS RINO, antes de empezar, facendo fochas na superficie de xogo para dificultar o salto das billardas.

Ademais das irregularidades do chan, o equipo RINOCERONTE preparou unha rede de cables por enriba. Así, varios xogadores e xogadoras viron como as súas billardas quedaron freadas por esta trampa de caza aérea.