billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CRÓNICA 13 XORNADA INFANTIL

OSCAR-JUANMA-GENO
   Fixádevos ben nestas caras e nestes corpos, pois nuns anos cambiarán e xa nos os recoñeceredes. De entre estes xogadores sairán os Coroceiros dos anos vinte deste século XXI. 9 anos ten Oscar, o xogador de maior progresión da LNB. Juanma con 14 anos domina a súa categoría na Conferencia Rías Baixas e é o actual Campión Nacional LNB na mesma categoría. Este ano tamén está en condicións de optar ao Título na Categoría Absoluta. Geno é un xogador máis irregular, pero ten unha extraordinaria forza e co corpo que está construíndo a base de empanada de mexillóns non sabemos ata onde pode chegar a súa progresión. O caso de Adriana é moi significativo do poder da xuventude. Ela está situada segunda na Categoría Infantil, só por detrás do incontestable Juanma, e na Categoría Feminina está no terceiro posto do podio, por detrás de Bego e Lu, xogadoras que teñen Título Nacional Feminino LNB. 

   
ADRIANA VALPAÇOS TERRA QUENTE. VIGO
   





   Participaron 15 xogadoras/es con idades comprendidas entre 14 anos e 4 anos. E despois estivo tamén, Brais Quiraz, que aos seus 5 meses o que fixo foi escoitar o balbordo e rebumbio de tantas voces, así como os primeiros golpes de madeira contra madeira. El abría os ollos coma o sol no amencer e agarraba forte o mini palán. 
   Nenos e nenas, cativas e cativos que medraron un anaquiño máis o sábado. Contemplaron e participaron nunha cerimonia rodeada do simbolismo máxico que lle imprime a música da gaita e a solemnidade do silencio dun grupo de persoas que viven en paz e comparten o tempo e o espazo dun xeito agradable e divertido. Como se dun acto de iniciación se tratara a Pedra da Billarda foi destapada.

 






PODIO

1º-JUANMA LÚA DE FORZA. SANXENXO

2º-OSCAR ARMADIÑA POIO

3º-GENO CORREDOIRAS BUEU

As palanadoras e palanadores do futuro... e do presente. 
   












CRÓNICA 13 XORNADA DÍA 3

    Non hai quen pare á Marea da LNB. Xa están aquí os nenos e as nenas nacidas no século XXI que seguirán xogando a este deporte marabilloso da Billarda. Abaixo vemos como Brais xa agarra o palán. Foi o agasallo que levaron cada un e cada unha das nenas e nenos que participaron na xornada. Fixeron este estupenda obra de arte na Ludoteca de Poio. 

Brais. Valpaços Terra Quente
   


     A infantil Adriana impúxose na xornada, seguida da súa compañeira de equipo Zaira. No terceiro lugar acabou Bego, a líder da Categoría. A xuventude pásao ben xogando á billarda e ademais vemos como empeza a subir aos podios con asiduidade. Adriana é o maior talento feminino en idade infantil da LNB, e co tempo será unha candidata ao Título Nacional da Categoría. Agora, sube por vez primeira Zaira, unha palanadora que segue unha imparable progresión que a pode levar ata o Play Off. Considerando que faltou a 4 xornadas, que está a tan só 10 puntos desa praza e que é o primeiro ano que xoga, podemos afirmar que vai ter posibilidades.




  

   35 mulleres xogaron o sábado 8 de abril na 13 xornada da Conferencia Rías Baixas da LNB. A billarda é unha palabra de xénero feminino e ben quen se complementa coa Gaita, coa Pedra e coa Bandeira. "Non pararemos de iluminar coa nosa luz violeta cada campo de billarda da nosa terra", afirmaba unha xogadora da Conferencia Rías Baixas, o sábado en Poio. 







 Todo indica que o feminino empuxa pola LNB para transformala nunha semente da que nacerá a herba dos campos de billarda por todo o territorio.

Pedra da Billarda, A Reiboa-Poio, antes de ser descuberta




   As dificultades do Billarda Estadio influiron nas palanadoras. Só dúas xogadoras chegaron aos 10 puntos. Unha foi Adriana e outra Zaira, as dúas de Valpaços Terra Quente. As demais tiveron unha actuación bastante discreta. 
 





   De todos os xeitos, so Adriana foi quen de beneficiarse desta xornada. Agora, sitúase na 3ª posición do podio con 9 puntos de distancia sobre Elena. Bego pode conseguir o título matemáticamente na próxima xornada de Cambados. Lu tamén pode asegurarse de xeito matemático a segunda posición na vindeira xornada. Tania e Belmira teñen practicamente segura a súa presenza no Play Off. As demais deberán loitar por estar entre as 12 primeiras. Entre Casilda, 7ª, e Inés, 13ª, hai 9 puntos soamente. Tamén, foi beneficiada nesta xornada Marisa, quen entra entre as elixidas para a gloria. Tanto ela como o cuarteto de Gharaboto, Casilda, Vanessa, Marga e Mónica deberán competir ata o final. E as que veñen por detrás teñen serias posibilidades de acercarse a esas posicións. Atrevémonos a dicir que desde os 49 puntos de Zaira, calquera pode acceder ás prazas de Play Off. Así, Inés, Lita, Ana e Cheli están ao axexo.

 






   Curiosos números os dos últimos meses. Bego foi quen máis puntos conseguiu nas 3 xornadas precedentes. Algo normal dado o seu dominio da Categoría. Despois ven o cuarteto da Terra Quente. Este equipo é unha potencia LNB en féminas. Entre elas destacar a actuación de Zaira, unha novata que está demostrando unha mellora no seu xogo de tal calibre que nos fai pensar que será unha das alternativas de futuro para o podio da Categoría. O outro cuarteto de palanadoras fortes da Categoría xogan en Gharaboto. Deron un nivel medio nestes meses de primavera. Do trío de Corredoiras só Bego estivo por enriba dos 10 puntos de media. 

 

CRÓNICA 13 XORNADA DÍA 2

ARMADIÑA

   Vemos á Armada de Poio ante a Pedra da Billarda. Foi unha xornada magnífica en todos os sentidos. Grazas Armada Celeste por facer do 8 de abril un día especial para a LNB. Por outra beira, este equipo non descansa e vemos na foto como xa está intentando reforzar o equipo para a temporada que vén con Juanma, unha das grandes promesas, senón realidades, da Billarda Galega. De todos os xeitos, sabemos que acaba de renovar por Lúa de Forza, entón as negociacións van ser complexas. 




 
   Aínda que as palmeiras axudaban a parar o vento, non houbo maneira de evitar os seus efectos. Ademais o terreo de xogo do Reiboa Billarda Estadio é moi esixente. Entre os pedregullos, os terróns con herba e a terra salgada da Seca, resentíronse as puntuacións. Así, entre o Top Dez os puntos foron menos do habitual. Só Ricar e Álvaro chegaron aos 20 ptos. Despois Xan, Che e Luís Rino superaron os 15 puntos e mantiveron posicións. O resto apenas chegou aos 10 puntos como fixeron Salva, Luís Camiña e Fari. Bego e Lito quedáronse en 9 puntos. 





   O gran triunfador da xornada foi Luís Enrique. O de Vallecas foi de menos a máis e superou na final a Suso Coedo e a Daniel Rodiño. A xenerosidade da xente de Poio é lexendaria, e unha vez máis fixo honor á ela. Así, deixaron subir ao podio a un madrileño afincado en Pontevedra e a un de Ribadeo, deixando o derradeiro posto do podio a un do Concello de Sanxenxo. Non quixeron quedarse con nada. O desprendemento desta xente non ten comparación na LNB. 





   Despois de sumar os puntos da xornada a Clasificación Individual Absoluta queda dividida en 3 zonas ben delimitadas que son, a Zona do Título, na que seguirán competindo ata a última xornada Xan, líder desde a 2ª xornada de liga, e Ricar, que na 4ª xornada situose na segunda posición e desde aquela foi recortando puntos ata os 9 actuais. A Zona do último lugar do Podio, na cal Che e Salva relévanse desde o mes de novembro. A distancia de 4 puntos é favorable ao de Pontevedra. Logo, vén a Zona do Top Dez. Bego descolgouse definitivamente das opcións de podio e agora vese obrigada a defender a quinta posición, xa que ten a Lito, Luís Camiña, Fari, Luís Rino e Álvaro a menos de 25 puntos de distancia. 


   


   Na parte media da clasificación hai un grupo de palanadores que teñen moi ben encamiñados os seus pasos cara á clasificación para o Play Off 2017. Pensamos isto, tanto polos puntos que teñen como polas súas prestacións. Deste xeito, Suso, Juanma, Salgue, Charri e Luís Gon, estiveron todo o ano nestes postos e incluso non descartamos que ao final entren no Top Dez. A partir de Luís, cremos que é zona de perigo, pois quen vén por detrás tratará de agotar as últimas posibilidades. Faltando 93 puntos en xogo nada é definitivo. Non obstante, o nivel de xogadores como o mencionado Luís, Lu, Manolo Fariña e Daniel, todos ganadores dalgunha xornada de Liga e no caso da de Beluso Bicampioa Nacional na Categoría Feminina, fainos pensar que estarán entre os elixidos.   



  


  
 A partir de aquí xa entramos en zona Quente, non en Terra Quente, pois este sería territorio de Valpaços. O corte para o Play Off, actualmente está en 24, polo tanto Ricardo Lois, Cris, Álvaro Pai e Manolito non ven con tranquilidade o presente, pero non o futuro. Martín, Carolo, Gerardo Torres Adriana poderían acercárselles e poñer en cuestión a súa praza. Tanto, Elena como Taxeiro están un pouco máis lonxe e deberían estar cerca dos 20 puntos por xornada de aquí ao final se queren ter algunha opción. Un mal día teno calquera!..., e un bo tamén!


    



   Unha estatística moi interesante é a que nos mostra aos xogadores máis en forma dos últimos meses. Comprobamos, sorprendentemente, que a pesar de estar entre os mellores destas 3 últimas xornadas os gurús da Conferencia son superados por Juanma. O Campión Nacional Infantil está nun momento de forma incrible e non o descartamos como opción a ser Coroceiro Nacional. Estaría cerca do podio se non faltara a 3 xornadas de liga.  








13 XORNADA

PARTICIPACIÓN
97

MULLERES 35
HOMES 62


 De novo, estableceuse unha nova mellor marca LNB en canto á participación feminina, pois foron 35 mulleres as que xogaron na 13 xornada. Tamén, foi a maior participación desta temporada con cerca de 100 persoas. 
   



     O Reiboa Billarda Estadio é un terreo moi esixente para palanadoras e palanadores. Isto tivo unha consecuencia evidente nos puntos conseguidos polos equipos. Nunca antes houbera tanta igualdade entre os catro grandes equipos da categoría. Ao mesmo tempo, os equipos da zona media tamén mantiveron a mesma igualdade. 



    Despois de sumar os puntos desta 13 xornada, a clasificación de equipos non sofre modificacións de transcendencia. Deste xeito, CORREDOIRAS, sen ganar a xornada, segue 190 puntos por diante do segundo clasificado, o que nos fai pensar que na seguinte xornada poden conseguir o título de xeito matemático. As prazas de podio e que dan dereito ao PLAY OFF 2017 mantéñense como estaban. Faltan 3 xornadas e a distancia de 71 puntos entre GHARABOTO e RINOCERONTE indica que, practicamente, o equipo de Marín ten asegurada a praza de PLAY OFF, mentres o equipo de Pontevedra deberá seguir competindo con LÚA DE FORZA para ver quen dos dous nos representa este ano nas finais de Compostela. O equipo de Sanxenxo continúa por diante do de Pontevedra e cunha distancia de 40 puntos. 
   Na zona media todo segue igual, xa que a distancia entre quinto e sexto é de máis de 60 puntos. Polo tanto, LAXE DE RONS ten moito camiño feito para revalidar a 5ª praza do ano pasado. VALPAÇOS TERRA QUENTE deberá contentarse co 6º lugar, e a ARMADIÑA correspóndelle a 7ª posición. ANDARELA cerra a clasificación e CASILLEDÍN non presentou ningún xogador/a, mais está na penúltima posición con máis de 50 puntos de vantaxe. 




   



   Vemos abaixo unha curiosa estatística que nos indica que equipos estiveron mellor nestas 3 últimas xornadas. E vemos que dos catro de arriba Rinoceronte deixou moitos puntos en relación aos outros 3 equipos o que os fai estar en dificultades para entrar no podio. Os equipos da zona media estiveron moi igualados o que indica que o seu nivel actual é moi parello. Despois, ven outro salto clasificatorio importante, que deixa aos dous últimos equipos a moita distancia da zona media. 








   Outros datos relevantes son os da tendencia dos equipos. Abaixo vemos como dos 4 primeiros as tendencias ascendentes son de GHARABOTO e de RINOCERONTE. CORREDOIRAS e LÚA DE FORZA marcan un lixeiro descenso na súa tendencia. Isto significa que o equipo de Bueu e de Sanxenxo empezaron a temporada moi fortes e non son quen de manter o nivel, ben certo que CORREDOIRAS obtivo tanta vantaxe de puntos que non lle vai influir esta tendencia. A quen si pode afectarlle é a LÚA DE FORZA. Veremos se lle chega coa vantaxe que ten sobre RINOCERONTE. 





 




   Os equipos da zona media marcan tendencias totalmente diferentes, mentres LAXE DE RONS está en caída, VALPAÇOS TERRA QUENTE manten unha liña de regularidade incrible. E como equipo emerxente e novel, ARMADIÑA é o equipo de toda a liga que marca a mellor tendencia ascendente. De todos os xeitos, non cremos que estes postos da zona media se modifiquen porque quedan só 3 xornadas.  







CERIMONIA DE INAUGURACIÓN DO REIBOA BILLARDA ESTADIO


   Eran as 16h. 7 minutos do sábado 8 de abril de 2017. A cerimonia protocolaria de inauguración do Reiboa Billarda Estadio foi un espectáculo grandioso. Comezou todo diante da enorme pancarta da LNB, que os compañeiros da Conferencia Noroeste trouxeron desde o seu territorio ata terras da Conferencia Rías Baixas. Utilizando a megafonía da Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental Armadiña empezaron as intervencións. Primeiro foron as palabras de Laura Currás, do equipo local Armadiña, as que saíron en dirección ao ceo. 
Laura Currás. Armadiña. Equipo de Billarda.
   
   Despois falou Xan Rodiño, en nome da LNB. Lembrou o nacemento da LNB en outubro de 2005, como iniciativa da ADC O Varal e como esta aventura chegou ás Rías Baixas. Foi en marzo de 2011 cando por vez primeira se xogou unha xornada de LNB en Poio, precisamente no mesmo lugar no que agora se inaugurou o primeiro campo de billarda do mundo. Tamén, agradeceu aos irmáns e irmás que viñeron en representación das outras Conferencias LNB. 

Xan Rodiño. LNB Conferencia Rías Baixas.




   Logo interveu a Deputada Provincial de Deportes, Chelo Besada, quen afirmou que a billarda é un deporte, por suposto, e que a partir de agora xa calquera o poderá comprobar utilizando as instalacións do Reiboa Billarda Estadio.
Chelo Besada. Deputada Provincial de Deportes.




   Para rematar foi Marga Calgas, Concelleira de Deportes do Concello de Poio, quen falou. "Poio colaborou coa LNB desde aquel 18 de marzo de 2011, cando a Escola de Música Tradicional e máis Luís Camiña, en nome da LNB, nos propuxeron organizar o Primeiro Aberto de Billarda. Pareceunos que debiamos colaborar para que este deporte tradicional non desaparecese no noso concello. Desde entón, moitas cousas pasaron. Por exemplo, este ano naceu o primeiro equipo de billarda de Poio, o Armadiña, cousa que nos enorgullece", estas foron algunhas das palabras da concelleira. 

Marga Caldas. Concelleira de Deportes do Concello de Poio.

    A concelleira dou paso á interpretación da Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia por parte da Escola de Música Tradicional do Concello de Poio. Todo o grupo de palanadores e palanadoras acompañaron aos gaiteiros na súa marcha ata un curruncho do Billarda Estadio para descubrir a pedra conmemorativa. 




   Os nenos e nenas do equipo Armadiña portaban a Bandeira Galega. Ao descubrir a pedra comezou a interpretación do Himno de Galicia. Durante 4 minutos un só latexo acompasou os peitos de mulleres e homes, nenas e nenas, todas e todos membros do colectivo LNB, que utiliza a percusión do palán petando na billarda para facer música, coa humilde pretensión de harmonizar a humanidade e de sintonizar con este anaco de terra que lles correspondeu habitar.


   



   Houbo representantes das tres Conferencias LNB neste emotivo acto. Así da Conferencia Norleste acudiron os Billardeiros Musicais Daniel, Geni e Suso Coedo, do Ekipa Bítere, estivo Jorge Galdo. Da Conferencia Noroeste foron Collazo, de Campo da Feira, Berdillo, de Cochikeiros, Julio Vilas e Merchi, de APB Santa Marta, quen presenciaron o acontecemento histórico para a Billarda. O resto de persoas eran da Conferencia Rías Baixas. Entre xogadores/as e espectadores/as foron aproximadamente 200 persoas as que pasaron o sábado 8 de abril de 2017 polo Reiboa Billarda Estadio.

CONFERENCIA NORLESTE
Daniel, Geni, Suso Coedo de Billardeiros Musicais.
Jorge Galdo de Ekipa Bítere. 

CONFERENCIA NOROESTE
Collazo de Campo da Feira.
Julio Vilas e Merchi de APB Santa Marta.
Berdillo de Cochikeiros
Pedra e Panel informativos sobre a Billarda
   A partir deste momento calquera turista ou visitante que se acerque ao campo poderá fotografarse á beira deste monumento á billarda. Ademais, da visita obrigada a Combarro para ver os piornos, agora, tamén aparecerá nas guías turísticas a visita obrigada ao Campo de Billarda da Reiboa.