billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

14 XORNADA CAMBADOS




   Magnífico lugar para xogar á BILLARDA. Nova mellor marca LNB de participación feminina, 36. E de novo superáronse os 90 participantes. Tempo de canícula e a xenerosidade lexendaria da xente das Rías Baixas volveu a demostrarse na Praza de Fefiñáns, pois un dos participantes que veu desde o lugar máis afastado (Paiosaco-A Coruña) foi recompensado con subir ao podio. Tampouco a xenerosidade chegou ao punto de coroalo como vencedor, mais tivo o último chanzo do podio. 




Vemos ao fondo a igrexa de San Bieito que foi obxectivo das reclamacións de Gharaboto. Seica as súas billardas non daban entrado no varal pola influencia negativa do lugar de rezo.

PARTICIPACIÓN
93

36 MULLERES
57 HOMES





    A pedra granítica da superficie do terreo de xogo foi agradecida para Corredoiras, Lúa de Forza, Armadiña, Rinoceronte e Laxe de Rons. Todos estes equipos superaron os 60 puntos, ou sexa, unha media de 15 puntos ou máis dos/das catro xogadores/as que suman para o equipo. O descalabro foi o de Gharaboto, que non chegou aos 50 puntos, algo inusual para un equipo do seu potencial. O seu capitán L. Camiña, encontrou a causa única do baixo rendemento do equipo marinense na ubicación da igrexa e da casa do cura xusto detrás dos varais. Seica había unha muralla invisible que impedía que as súas billardas superasen as liñas dos varais. Ademais, van organizar un TAB o vindeiro sábado 29 abril en Marín para sacarse o meigallo de enriba e afrontar as dúas últimas xornadas con garantías de conservar o podio. 
    A actuación sobresaínte foi a de Armadiña. O equipo benxamín da LNB está sacando rendabilidade de poder adestrar no BILLARDA ESTADIO da Reiboa. Xa subira ao podio algún dos seus xogadores tanto na categoría absoluta como na infantil, agora logrou estar no podio da categoría de equipos. Só lles queda acercarse ao podio feminino para completar o poker. Seguro que a "masía" do REIBOA BILLARDA ESTADIO vai crear novas estrelas para a LNB. 


 

    A falta de dúas xornadas de Liga Regular CORREDOIRAS é campión e ANDARELA pechacancelas da temporada 2016-2017. O posto 5º será para LAXE DE RONS, o 6º para VALPAÇOS TERRA QUENTE, o 7º para ARMADIÑA e o 8º para CASILLEDÍN. Onde está o lume da competición é nas outras dúas prazas que dan dereito a participar no PLAY OFF. Esta xornada produciuse o sorpaso de LÚA DE FORZA, que de xeito sorpresivo conseguiu superar na xeral a GHARABOTO, aínda que só por un punto. Máis que mérito do equipo de Sanxenxo, nesta ocasión, foi por unha actuación do equipo de Marín moi por debaixo das expectativas. Aínda así, son 58 puntos de vantaxe os que ten sobre RINOCERONTE, o outro candidato a estar en Compostela o 28 de maio. Todo parece indicar que os pontevedreses quedarán fóra da representación que a Conferencia Rías Baixas terá no PLAY OFF 2017. 






    O vencedor da xornada foi Xan, en segundo lugar Daniel e terceiro foi Xulio Ponte. Este último xogador foi a sorpresa na Categoría Absoluta, pois despois dunha viaxe de 200 quilómetros desde Paiosaco, de soportar a climatoloxía tropical e máis a dieta do Salnés regada co dionisíaco albariño, aínda tivo folgos para entrar no podio. O de Campo da Feira dixo ao final, que o seu brazo estivo posuído por unha voz que soaba na súa cabeza. Outra actuación brillante foi a de Peke de Armadiña. Con 23 puntos foi a terceira puntuación máis elevada da xornada. Dispoñer dun campo de adestramento oficial é un beneficio que está aproveitando o equipo de Poio. Así, Manu, do mesmo equipo, obtivo 17 ptos e estivo entre os 10 mellores. Non sabemos onde estarán os límites da Armada. Estiveron a un gran nivel tanto Paco Vidal como Belmira. Os demais que conseguiron as mellores puntuacións son habituais dos primeiros postos. Tanto Salva, Juanma, Fari e Ricar estiveron nos 20 ptos ou máis. 













    Belmira ganou a categoría feminina por diante da líder Bego e de Adriana. As demais non chegaron aos 10 puntos. Entre as primeiras da xornada entrou Elena de Armadiña, que progresa adecuadamente debido, sobre todo, ao traballo no BILLARDA ESTADIO. O seguinte reto do equipo de Poio é subir ao podio feminino antes de rematar esta temporada. Belén de Rinoceronte, que debutaba esta temporada, tamén puntuou sobre as pedras de Fefiñáns. Tania e Zaira seguen cun  bo rendemento, Lu mantén o tipo, e Marga, Cheli e Elena González tamén. 








    A falta de disputarse 62 ptos, que serían os que conseguiría quen fixese pleno nas dúas xornadas, o título continúa no aire, aínda que agora Xan ten 19 puntos de vantaxe sobre Ricar. Isto significa que ata a última xornada non haberá ganador. No terceiro posto sitúase Salva, quen avantaxa en 11 puntos a Che. A xornada de Salva foi magnífica e coincidiu cunha xornada mala de Che. Daquela, o de Bueu respira un pouco. Desde logo que o Rinoceronte Che non ten nada perdido, xa que o seu brazo ten capacidade para ganar en calquera superficie. Do 5º posto ao 10º continúa a igualdade. Só Bego ten unha lixeira vantaxe de 11 puntos sobre Fari, que ocupa a 6ª praza, despois está Juanma, Lito, Luís Camiña e Luís Rino, separados por 12 puntos. 

    







    A zona de tranquilidade ocúpana Álvaro, Paco Vidal, Salgue, Suso, Charri e Luís Gon. A partir de aí xa entramos en zona de risco de quedar fóra do PLAY OFF. Piru, Daniel, Manolo Fariña e Lu vivirán as dúas últimas xornadas coa tensión no brazo, pois o mínimo erro pode ser aproveitado por xogadores que están no límite da clasificación e que teñen un historial e un potencial para ir ao PLAY OFF. Quen si terán que usar substancias tranquilizantes para competir nas xornadas que faltan son Cris, Ricardo Lois, Martín e Álvaro Pai. Estes xogadores están no fío da navalla, pois de momento están fóra da clasificación Carolo e Manolito, pero a unha distancia de 4 puntos unicamente. Gerardo Torres e Adriana están a 12 e 13 puntos respectivamente. Daquela, a beber mate e respirar incenso. 










   Bego xa é virtualmente campioa de Conferencia. Lu será segunda. A terceira praza está agora ocupada por Adriana cunha distancia de 12 puntos sobre Elena de Gharaboto, polo tanto, a de Valpaços colleu unha vantaxe que pode ser definitiva para ocupar a última praza de podio. Tania e Belmira están en zona segura de PLAY OFF e a partir de aí a respirar profundamente e a asegurar os golpes. Marga, Chefa, Casilda, Vanessa, Marisa e Mónica terán que buscar puntos ata a última xornada para que nos as superen Lita, Inés, Cheli, Zaira ou Ana.





   

Ningún comentario:

Publicar un comentario