billardariasbaixas@gmail.com
billardariasbaixas@gmail.com
SISTEMA DE COMPETICIÓN DÍA DAS ESTRELAS LNB 2018
Este é o sistema de competición para os CONCURSOS do DÍA DAS ESTRELAS LNB.
Estas son as actas que se usarán no ABERTO DAS ESTRELAS. O ganador ou ganadora obterá praza para a FINAL LNB 2018 do 27 de maio en Compostela. Se o/a ganador/a consegue a praza pola Clasificación Absoluta Final da súa Conferencia, pois esta praza pasaría a ser propiedade da Conferencia, ou sexa, esta tería unha praza máis das que xa lle corresponderían por porcentaxe de participación.
-Faranse 6 grupos que xogarán en 3 campos.
-De cada grupo pasarán @s 4 primeir@s.
-Os cruces xogaranse a unha única carreira.
-Todo desempate resolverase polo método de golpe máis lonxe.
-O primeiro cruce eliminatorio xogarase en tríos.
-O segundo cruce eliminatorio xogarase en parellas.
-A final xogarase en cuarteto.
13 xornada BARRANTES-RIBADUMIA e DÍA DAS ESTRELAS
A xornada de Barrantes ten unha particularidade moi chamativa. Desde que se celebrou a primeira xornada LNB en 2013 nesta localidade do Salnés, sempre se xogou en pavillón debido ás inclemencias meteorolóxicas. Esta característica vese acentuada polo feito de que outros abertos de billarda que se organizaron fóra da liga en Barrantes si se xogaron no exterior. Abaixo vense os podios de cada ano. Os bloques das paredes do pavillón sempre aparecen de fondo das fotos.
Por outra beira, xa temos as primeiras informacións sobre o Día das Estrelas LNB 2018 que este ano será organizado pola Conferencia Rías Baixas. Tivemos acceso ao deseño dos trofeos que se poñerán en xogo. Tanto pola mañá nos concursos, como pola tarde no Aberto das Estrelas, entregaranse uns magníficos trofeos artesanais valorados en perto de 500 euros. Despois de varios meses de traballo en dous talleres artesanais, un da provincia de Pontevedra e outro da provincia da Coruña, os froitos empezan a agromar. Chegáronnos as primeiras fotografías do proceso de elaboración. Ademais, quen gane o Aberto obterá praza directa para a Final LNB do 27 de maio en Compostela. Motivos suficientes para acercarse a Poio, ao Estadio Nacional de Billarda da Seca, o 17 de marzo. Todo comezará ás 12 h., segundo nos comunica o equipo local, Armadiña.
VALORACIÓN DOS RESULTADOS DEPORTIVOS
Xogadas xa 12 xornadas e a falta de 6 para o final de liga podemos analizar se o éxito deportivo na billarda é privilexio de poucas persoas, ou por formulalo doutro xeito, hai grandes dominadores/as neste deporte tradicional como o hai noutros deportes? Os números están ben claros e a valoración deles é cousa de cada quen. Ao noso entender cremos que se en 12 xornadas houbo 11 ganadores /as diferentes e de 21 persoas que subiron ao podio, e só 8 repetiron algunha vez a ceremonia protocolaria, a democratización nos resultados é evidente. Outra cousa é a regularidade que esixe unha liga de 18 xornadas. Aquí, si que hai un grupo reducido de xogador@s que están por enriba dos 17 puntos de media por xornada e que loitan polo podio final. Este ano o grupo é de 5 xogadores e 1 xogadora.
En canto ao potencial dos equipos, tamén se aprecia que todos os equipos tiveron algunha vez a máis dun xogador/a no podio en algunha xornada. Corredoiras puxo no podio 9 veces a algun/ha xogador/a e fíxoo con 4 xogador@s diferentes. Despois, Lúa de Forza subíu 8 veces con 4 xogador@s diferentes, Laxe de Rons 5 veces con 2 xogadores diferentes, Armadiña e Gharaboto subiron 4 veces, con 3 xogadores diferentes o equipo de Poio e con 2 xogadores diferentes o de Marín, Rinoceronte subíu 3 veces con 2 xogadores diferentes e finalmente Valpaços Terra Quente fíxoo 2 veces con dous xogadores diferentes. Daquela, excepto Andarela (equipo cunha media de participación de 3 xog.) todos os equipos soben ao podio. Outra cousa é a regularidade. Como sucede na clasificación individual, aquí hai 3 equipos que están moi por enriba dos outros ao longo das xornadas de liga disputadas.
PREVIA DA XORNADA DE COTOBADE
A 48 horas da xornada de Cotobade a LNB está cultivando todos os pequenos detalles para garantir o perfecto estado das instalacións deportivas que van acoller ao máis selecto das palanadoras e palanadores da LNB.
A nivel competitivo, a situación de Ricar vai dar pé a que os seus rivais non teñan piedade. Así, xa perdeu as posicións de podio na xornada de Vilaboa e agora dubida se será quen de marterse no Top Dez. De todos os xeitos, o campo de Vilanova é un dos máis esixentes e vai precisar de moita habilidade. As prazas de Finalista están ao alcance de moit@s e a herba sempre garda algunha sorpresa. O tempo vai ser primaveral. Daquela, adiante co varal e billarda sempre!
XORNADA 12 CERDEDO-COTOBADE
Despois do parón ligueiro motivado pola época das húmidas borrascas,
xa volve o anticiclón e, con el, os terreos de xogo aparecen
marabillosamente verdes. Ide engrasando as articulacións de cadeiras,
xeonllos e nocellos para comezar a parte final da temporada 2017-2018.
Ollo ás indicacións por parte do equipo Rinoceronte, pois xa sabemos que intentan usar todo tipo de información contraditoria para conseguir que o resto dos equipos perdan xogador@s no camiño cara a Vilanova de Tenorio (non de Almofrei como aparece no cartel). Hai que comprender que un equipo que subiu ao podio Nacional en 2016 e agora está fóra das prazas que dan dereito a participar nesa Final Nacional, ten orgullo e precisa recuperar estima de seu.
O equipo de billarda de Pontevedra está pasando uns momentos moi delicados de saúde deportiva. Daquel magnífico equipo, que no 2016 subiu á terceira posición do podio na Final Nacional, apenas quedan catro exemplares vivos e só un deles con capacidade de procreación.
Polo tanto, #salvemosaorino, deixando que ganen a xornada de Cerdedo-Cotobade, a ver se así os seus xogadores recuperan sensacións e conseguen a fertilidade necesaria para que a especie non desapareza .
Estas son as xornadas que faltan para completar a temporada
PARTICIPACIÓN
A xornada de Vilaboa, do pasado sábado 27 xaneiro, confirmou que a participación feminina é a máis elevada da historia da LNB. Nunca antes se estivera en números de 30 mulleres de media por xornada. Nunca antes houbera unha participación de 38 mulleres nunha xornada. Todo indica que o morado é a cor de moda. A participación das últimas catro xornadas estivo por enriba da media (82). Poderase esta temporada establecer unha marca absoluta de participación? Será moi complicado, pois superar a presenza de 108 persoas (Conferencia Sur, Porriño, 2009) non é doado.
CASO CHISPA
PRÓXIMA XORNADA 27 xaneiro 2018
A 11ª XORNADA xogarase en Vilaboa no CEP PLURILINGUE RIOMAIOR.
MATERIAL DESCLASIFICADO POLA LNB
Quedan 9 etapas do Camiño de Santiago, antes de chegar á Final LNB 2018 do 27 de maio, polo tanto, xogadoras, xogadores e equipos queren mellorar os seus golpes de palán. A área de tecnificación e rendemento deportivo da LNB continúa na vangarda mundial e, agora, quere poñer a disposición de todos e todas certo material desclasificado que axudará, sen dúbida, na evolución do talento billardeiro. Polo momento, só se desclasificou material audiovisual da Conferencia Rías Baixas, pero en breves datas farase o mesmo coas outras Conferencias LNB.
SALVA Corredoiras-Bueu
Magnífico golpeo o de Salva. A súa evolución está sendo excelente e xa está ao nivel dos mellores da LNB. Un candidato firme para o título de Conferencia e para a Final Nacional 2018. Fortaleza: a súa serenidade e madurez nos momentos de máxima tensión. Debilidade: a pouca acumulación de adestramentos.
LUÍS CAMIÑA Gharaboto-Marín
Luís Camiña é o número 9 da Clasificación Histórica da LNB e, polo tanto, un xogador cun golpeo sensacional. Estéticos, coordinados e eficaces os seus golpes de palán alcanzan tal velocidade que fan del un dos grandes golpeadores da LNB. Tal é así que ocupa o posto 4 na Clasificación Histórica de Varados con 80 e foi Campión Nacional nesta categoría no 2015. Fortaleza: a súa potencia de golpeo. Debilidade: momentos de contrariedade non resoltos.
ELENA GONZÁLEZ Gharaboto-Marín
Elena Glez ten un golpeo de pouco alcance, pero seguro. Desde o seu comezo na LNB (2012), clasificacouse todas as temporadas para a Final Nacional na Categoría Feminina. Fortaleza: o seu golpe en superficies duras e de interior. Debilidade: porcentaxe elevado de erro no impacto da billarda no aire.
PAPI Armadiña-Poio
Papi é un dos talentos celestes que irrumpiu a temporada pasada. Unicamente a súa discontinuidade na participación fai que estea lonxe das prazas de Finalista. Fortaleza: un golpe devastador. Debilidade: porcentaxe elevado de erros no impacto da billarda no aire.
ADRIANA Valpaços Terra Quente-Vigo
Adriana é talento puro. Esta xogadora que comezou a competir con 9 anos continúa progresando e o seu nivel na categoría infantil e feminina está fóra de toda dúbida. Xa ten un Título Nacional na categoría infantil e este ano volverá a estar entre as candidatas na categoría feminina. Fortaleza: porcentaxe moi elevado de acerto no golpeo da billarda. Debilidade: a técnica de armado do brazo.
MARTÍN Laxe de Rons-O Grove
Martín volve a estar entre os clasificados para a Final Nacional. Continúa coa súa progresión iniciada a temporada pasada, primeira na que se clasificou para acudir a Compostela. Fortaleza: perseverante e coidadoso na súa técnica. Debilidade: falta de eficacia nos golpes a pouca distancia.
RIAL Armadiña-Poio
Rial é outro produto da lexión celeste de Poio e este ano empeñouse en conseguir representar, por vez primeira, a Armadiña na Final Nacional 2018, xa que o ano pasado ningún dos seus xogadores ou xogadoras adultos foi quen de facelo. Fortaleza: insistencia e capacidade de corrección. Debilidade: agarrotamento nos momentos de tensión competitiva.
LU Lúa de Forza-Sanxenxo
Lu é unha das grandes palanadoras da LNB, só por detrás da incrible Geni de Billardeiros Musicais, na Clasificación Histórica Feminina LNB. Fortaleza: técnica interiorizada e eficaz golpeo. Debilidade: pouca potencia no golpeo.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)





















