Quedan 9 etapas do Camiño de Santiago, antes de chegar á Final LNB 2018 do 27 de maio, polo tanto, xogadoras, xogadores e equipos queren mellorar os seus golpes de palán. A área de tecnificación e rendemento deportivo da LNB continúa na vangarda mundial e, agora, quere poñer a disposición de todos e todas certo material desclasificado que axudará, sen dúbida, na evolución do talento billardeiro. Polo momento, só se desclasificou material audiovisual da Conferencia Rías Baixas, pero en breves datas farase o mesmo coas outras Conferencias LNB.
SALVA Corredoiras-Bueu
Magnífico golpeo o de Salva. A súa evolución está sendo excelente e xa está ao nivel dos mellores da LNB. Un candidato firme para o título de Conferencia e para a Final Nacional 2018. Fortaleza: a súa serenidade e madurez nos momentos de máxima tensión. Debilidade: a pouca acumulación de adestramentos.
LUÍS CAMIÑA Gharaboto-Marín
Luís Camiña é o número 9 da Clasificación Histórica da LNB e, polo tanto, un xogador cun golpeo sensacional. Estéticos, coordinados e eficaces os seus golpes de palán alcanzan tal velocidade que fan del un dos grandes golpeadores da LNB. Tal é así que ocupa o posto 4 na Clasificación Histórica de Varados con 80 e foi Campión Nacional nesta categoría no 2015. Fortaleza: a súa potencia de golpeo. Debilidade: momentos de contrariedade non resoltos.
ELENA GONZÁLEZ Gharaboto-Marín
Elena Glez ten un golpeo de pouco alcance, pero seguro. Desde o seu comezo na LNB (2012), clasificacouse todas as temporadas para a Final Nacional na Categoría Feminina. Fortaleza: o seu golpe en superficies duras e de interior. Debilidade: porcentaxe elevado de erro no impacto da billarda no aire.
PAPI Armadiña-Poio
Papi é un dos talentos celestes que irrumpiu a temporada pasada. Unicamente a súa discontinuidade na participación fai que estea lonxe das prazas de Finalista. Fortaleza: un golpe devastador. Debilidade: porcentaxe elevado de erros no impacto da billarda no aire.
ADRIANA Valpaços Terra Quente-Vigo
Adriana é talento puro. Esta xogadora que comezou a competir con 9 anos continúa progresando e o seu nivel na categoría infantil e feminina está fóra de toda dúbida. Xa ten un Título Nacional na categoría infantil e este ano volverá a estar entre as candidatas na categoría feminina. Fortaleza: porcentaxe moi elevado de acerto no golpeo da billarda. Debilidade: a técnica de armado do brazo.
MARTÍN Laxe de Rons-O Grove
Martín volve a estar entre os clasificados para a Final Nacional. Continúa coa súa progresión iniciada a temporada pasada, primeira na que se clasificou para acudir a Compostela. Fortaleza: perseverante e coidadoso na súa técnica. Debilidade: falta de eficacia nos golpes a pouca distancia.
RIAL Armadiña-Poio
Rial é outro produto da lexión celeste de Poio e este ano empeñouse en conseguir representar, por vez primeira, a Armadiña na Final Nacional 2018, xa que o ano pasado ningún dos seus xogadores ou xogadoras adultos foi quen de facelo. Fortaleza: insistencia e capacidade de corrección. Debilidade: agarrotamento nos momentos de tensión competitiva.
LU Lúa de Forza-Sanxenxo
Lu é unha das grandes palanadoras da LNB, só por detrás da incrible Geni de Billardeiros Musicais, na Clasificación Histórica Feminina LNB. Fortaleza: técnica interiorizada e eficaz golpeo. Debilidade: pouca potencia no golpeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario