billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

XORNADA 12 MOURENTE CRÓNICA día 2

   Na categoría absoluta os candidatos ao título tiveron un comportamento dual, mentres os dous primeiros estiveron cerca de conseguir os 30 ptos (lembramos que a máxima puntuación que se pode conseguir nunha xornada son  31 puntos e ninguén foi quen de conseguir esa cifra nesta temporada) os outros dous apenas alcanzaron os 15 puntos. Do Top Dez, destacar a actuación de Charri, o "Mauricio Colmenero" da LNB, que estivo en número de monstro (23 puntos). Deste xeito, conseguíu volver ao lugar que lle corresponde, despois dunha inoportuna lesión que lle impediu xogar a xornada 10. Hai sospeitas que esa lesión foi provocada por algún xogador do seu propio equipo. Outra actuación destacada, neste caso por desastrosa foi a de Luís Rino, pois tan só fixo 6 puntos, cousa impropia dun Top Dez. 





 






Deste xeito, Ricar e Xan están distanciados por 12 puntos. O palanador de Bueu a pesar de ganar a xornada, non conseguiu acurtar a distancia que o separa do primeiro clasificado e actual Campión de Conferencia, Xan "O nabizas". Na terceira posición si se produciu o sorpaso e Salva volve á posición de podio. El e máis Che están alternando esta posición desde hai 4 xornadas. Parece que hai unha separación demasiado grande como para pensar que poderían ameazar aos dous monstros da categoría. O seu xeito de comportamento nas últimas xornadas poderiamos chamalo "facer a goma", xa que unha xornada acércanse e outra afastanse dos dous Sacauntos da competición.
   Do resto de integrantes do Top Dez salientar a progresión lenta pero segura de Luís Camiña "O Apalpador". O de Marín faltou a dúas xornadas, mais promediando 19 puntos nas últimas 4 xornadas xa se encontra axexando o 5º posto. Bego, Lito e Fari son habituais destes postos de honor.










    Os seguintes postos son os da zona tranquila da clasificación, pois están lonxe do podio e lonxe do corte do PLAY OFF. De todos os xeitos, moitos destes xogadores deberían loitar por entrar no Top Dez. Non podemos esquecer que neste grupo de 10 xogadores/as hai ganadores dalgunha xornada de Conferencia. Así, tanto Álvaro, Salgue, Luís Gon, Juanma, Manolo Fariña e Luís están capacitados para subir na clasificación. 










    Xa entramos en zona de perigo e zona de ilusión. De momento son 134 puntos os que sinalan o límite para entrar en Play Off. Daniel, o xogador de Rinoceronte, ocupa este lugar. A 10 puntos está Carolo e a 5 puntos Martín. Nestes xogadores e xogadoras estarán os maiores riscos cardiovasculares. Daquela, para a xornada de Poio teremos un desfibrilador no terreo de xogo para evitar desgustos coronarios.



   Cada xornada hai unha actuación destacada e inesperada, no primeiro caso pola enorme cantidade de puntos conseguidos e no segundo pola persoa que os consegue. Nesta ocasión foi PEKE de Armadiña que alcanzou 21 puntos e chegou a semifinais. Xa ocupa o posto 36. Tendo en conta que xogou 7 das 12 xornadas podemos afirmar que hai un enorme potencial no Manuel pequeno. Seica está preparándose minuciosamente para asaltar os ceos do podio na vindeira xornada de Poio. Dieta rica en omega31ptos, descanso en cámara hiperbárica, 4 rezos diarios dirección ao PLAY OFF e revisión de material audiovisual da LNB. 




XORNADA 12 MOURENTE CRÓNICA día 1

PARTICIPACIÓN 
91

MULLERES 34
HOMES      57

    Outra vez se estableceu unha nova marca absoluta de participación feminina a nivel LNB. 35 mulleres xogaron o sábado nas Pistas Polideportivas que o Mercantil de Pontevedra ten en Mourente. Xa é imparable a revolución feminina. Salientar por enriba dos demais equipos a Valpaços Terra Quente de Vigo que xogou con 5 homes e 10 mulleres. A marea morada xa tingue coas súas cores as fotos LNB. Mirade a foto de arriba, que cor é a máis numerosa?
    Se o equipo vigués é o referente feminino da LNB, Armadiña de Poio éo da categoría infantil, pois presentou 7 xogadores/as en idade infantil.  Ningún outro equipo en toda a LNB ten este potencial de futuro. 







  Aquí temos a foto das xogadoras e dos xogadores que ocuparon os podios das distintas categorías.
  


CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
RICARCORREDOIRASBUEU
XANLÚA DE FORZASANXENXO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
CHEFACORREDOIRASBUEU
BELMIRAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
MARGAGHARABOTOMARÍN
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
GENOCORREDOIRASBUEU
MARTIÑOCORREDOIRASBUEU
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
LÚA DE FORZASANXENXO
CORREDOIRASBUEU
GHARABOTOMARÍN





   

   As previsións meteorolóxicas durante a semana previa indicaban a tendencia de tempo chuvioso, mais o sábado as nubes que sobrevoaron Mourente non se atreveron a deixar caer auga sobre o terreo terruño-herboso do campo de billarda. Daquela, todo parecía prever que o equipo RINOCERONTE tería unha boa ocasión para acceder á terceira posición do podio. Hai veces que a nosa imaxinación non é quen de deseñar o futuro. Deste xeito, o equipo de Pontevedra levou un batacazo importante, xa que só conseguiu 40 puntos. Ademais, coincidiu coa boa actuación dos equipos que están diante na clasificación. Tanto GHARABOTO como LÚA DE FORZA, superaron os 70 puntos e xa se distancian demasiado, quizáis. Os outros equipos estiveron nos seus números. CORREDOIRAS dominou de novo a xornada. O equipo de Bueu non ten outro obxectivo que chegar no mellor momento de forma ao PLAY OFF 2017 para conseguir un título que se lle escapou o ano pasado por un punto.
   LAXE DE RONS e ARMADIÑA superaron os 40 puntos e seguen nunha boa liña de actuacións. VALPAÇOS TERRA QUENTE estivo algo por debaixo das súas prestacións. Acaso a ausencia de Taxeiro (está de baixa e aproveitou para facer de asesor técnico) tivo un efecto negativo no rendemento de xogadoras e xogadores?, ou sería que as súas instrucións desde a banda non foron as adecuadas? CASELLEDÍN presentou a 5 competidores cousa que non sucedía desde comezos de temporada e notouse, pois estivo cerca de conseguir 20 puntos. ANDARELA non chegou aos 10 puntos con 3 xogadores.


   A falta das 4 xornadas de primavera a clasificación segue centrada na última praza de PLAY OFF. Esta xornada foi moi boa para LÚA DE FORZA e GHARABOTO e moi mala para RINOCERONTE. Non podemos afirmar que este tropezo do equipo pontevedrés sexa definitivo, mais de seguro que vai afectar á súa confianza. Son 50 puntos os que separan aos Rino do seu obxectivo. Son moitos, non obstante o equipo ten capacidade para remontar. O Título xa leva sentenciado moitas xornadas, pois CORREDOIRAS non se aburre de ganar. 
   Nos postos 5º e 6º estanse consolidando LAXE DE RONS e VALPAÇOS TERRA QUENTE. A distancia e demasiado importante como para pensar que o equipo do Grove poida deixar escapar esa posición. ARMADIÑA afianza a súa 7ª posición. Están intensificando os adestramentos para  conseguir podio na vindeira xornada que se xogará en Poio. É un desafío que poden enfrontar con optimismo, xa que contan coa súa progresión e co efecto Preamar da Reibóa que xoga ao seu favor.
   A última posición estase aclarando se non o estaba xa. O equipo de Barrantes, CASILLEDÍN, quere por todos os medios non ser o pechacancelas e estase reforzando na recta final de temporada. Evidentemente e de xeito incuestionable, quen seguirá unha semana máis no fondo da táboa será ANDARELA. Aínda que sempre poderá poñer patas abaixo a clasificación e ver as cousas doutro xeito. 






Facemos público probas fotográficas que evidencian os comportamentos raros, peculiares ou idiosincráticos de xogadores do equipo do Lérez que poden levalos a ser sancionados coa pérdida dos puntos da xornada. Ao mesmo tempo, ábreselle expediente informativo a Luís Camiña (posible cómplice das actuacións dos RINO). O comité de sabias e sabios da LNB está analizando as fotos e abre un período de 15 días para que o equipo RINO poida presentar alegacións.

T



XORNADA 12 MERCANTIL-MOURENTE

 


 Se as condicións climatolóxicas recomendan utilizar as pistas de tenis interiores do MERCANTIL será obrigatorio a utilización de zapatillas deportivas, pois estas pistas úsanse para xogar a tenis (evidente). Con esta norma trátase de evitar que a superficie quede marcada por solas de calzado non adecuado para a práctica deportiva. 


   Se finalmente xogamos baixo teito, estará ao alcance da Conferencia Rías Baixas superar unha marca histórica de maior número de varados, que tamén está en posesión desta Conferencia? A resposta é si, xa que nesta mesma superficie foi na que se estableceu a marca actual de 41 varados. 

    Naquel ano 2014 o número de participantes foi de 73. Esta variable xunto coa superficie dunha pista de tenis interior fixeron que se conseguiran 41 varados, cifra inalcanzable para as outras Conferencias. A ocasión parece propicia para superar este número e acercarse aos 50, tendo en conta que a participación normal deste ano é de 79 xogadores/as.  





   Curiosamente, a marca absoluta de número de varados foi conseguida por 20 palanadores/as, que non é a mellor marca en canto ao número de xogadores/as que fixeron varado nunha xornada, pois a Conferencia Norleste, aínda que ten a súa mellor marca por debaixo da Conferencia Rías Baixas con 38 varados conseguida esta temporada, si conseguíu que 28 xogadores/as conseguiran facer varado nunha xornada. Daquela, o reto é dobre para as nosas palanadoras e palanadores. Por unha beira, superar o número de varados nunha xornada, e por outra, que máis de 28 xogadoras/es fagan varado.

CATEGORÍA INFANTIL

   A clasificación mostra que Juanma Camiña, actual Campión Nacional da categoría, vai camiño do seu 3º Título de Conferencia consecutivo, ademais de ser un serio candidato a repetir Campionato Nacional. Adriana continúa sendo un referente feminino na LNB, pois ademais de ter moitas probabilidades de subirse ao podio na súa categoría, tamén está loitando coas palanadoras de categoría senior para entrar no podio adulto. Geno non acudiu a Barrantes e distanciase da segunda posición. Oscar é o palanador debutante de maiores prestacións, xa que empezou a xogar na 5ª xornada e xa está cerca do podio, exactamente a 32 puntos, quizáis demasiados para pensar que poida  alcanzar esta temporada as prazas de honor. Mais, dada a súa idade, 9 anos, é o futuro da categoría, xunto con Martiño, pois Geno pasa de categoría este ano e a Juanma e a Adriana quedaralles a seguinte temporada para cumprir idade. Entre estes nenos e nenas estará un ou unha futur@ Coroceir@ Nacional?



11ª xornada CATEGORÍA FEMININA




2ª-BEGO                1ª-TANIA        3ª-ELENA
   A triunfadora na Categoría Feminina foi Tania de Valpaços Terra Quente, que obtivo unha puntuación de 25 puntos. Unha marca excepcional! Con dicir que este número de puntos só foi superada, durante as 11 xornadas disputadas, por 8 palanadores e 1 palanadora, queda destacada a fazaña  conseguida pola xogadora de Vigo. Despois de sumar os puntos desta xornada a clasificación xeral segue encabezada por Bego e Lu é segunda, xa a moita distancia como para pensar que ten poucas probabilidades de alcanzar o título. Onde realmente vai haber emoción é para a última praza de podio, xa que Elena empata a puntos con Adriana (está diante dela por ter puntuación máis alta nunha xornada). Tania afianza a cuarta posición. E do quinto lugar para abaixo haberá loita por conseguir praza de PLAY OFF, pois entre Belmira que ocupa este quinto posto e Marisa, que é a primeira que se quedaría fóra, non hai máis ca 18 puntos. Entre elas están cinco palanadoras de Gharaboto, Casilda, Vanessa, Mónica, Inés e Marga, nesta orde. 
   Ademais, as que veñen por detrás aceleran a marcha. Así, Patri, no posto 17, está a 10 puntos dos 50, que marcan actualmente a fronteira entre participar no PLAY OFF e quedarse fóra. Daquela, as últimas 5 xornadas decidirán que mulleres visitaran a Comarca de Compostela o 28 de maio coa intención de mostrar que o Xogo da Billarda é e será sempre de xénero feminino.














11ª XOR BARRANTES

   A vitoria na categoría absoluta foi para Salgue, de Valpaços Terra Quente.  

3º-CHE            1º-SALGUE   2º-RICAR
  Despois de sumar os puntos desta xornada 11 e faltando 5 xornadas, os xogadores e xogadoras xa están facendo contas para ver se conseguen os seus obxectivos. Para unhas poucas persoas o obxectivo é o título de Conferencia, para outras moitas conseguir estar entre as prazas que dan dereito a participar no PLAY OFF NACIONAL LNB 2017. Entón, todo fai indicar que o Título de Conferencia irá para un destes catro palanadores: Xan, Ricar, Che ou Salva
   O último posto de clasificación para o PLOFF saberase definitivamente a finais de abril, despois de saber as porcentaxes de participación a esa data distribuiranse as prazas que corresponden a cada Conferencia. O procedemento é moi simple: en cada Conferencia contaranse o número de xogador@s que xogaron a mitade de xornadas, polo menos, despois sumaranse todos estes xogadores e xogadoras e saberemos cantas persoas participaron en cada conferencia ao longo das xornadas disputadas. Sobre o total calcúlase a porcentaxe de participantes que corresponde a cada Conferencia.    Daquela, a 12 de marzo 2017, á nosa conferencia correspóndenlle 24, pero este número pode variar a finais de abril. Entón, os que ocupan as prazas da 20 á 24 deberán esforzarse, xa que de momento están fóra destas prazas palanadoras e palanadores de moito nivel e prestixio.  
   








 

11ª xornada BARRANTES

PARTICIPACIÓN 
84

25 MULLERES
59 HOMES



O pavillón fixo que a clasificación de varados dera un chimpo. Ollo que está en perigo a clasificación do Campión Nacional da categoría. A "maldición 2017" está revoando a LNB. O Coroceiro Nacional en activo non se vai clasificar para defender a súa capa de palla, salvo que consega o triunfo no Aberto das Estrelas. E agora periga o Varadeiro Nacional. Que está pasando?


PODIOS

CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
SALGUEVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
RICARCORREDOIRASBUEU
CHERINOCERONTEPONTEVEDRA
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
TANIAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
BEGOCORREDOIRASBUEU
ELENAGHARABOTOMARÍN
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
OSCARARMADIÑAPOIO
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
CORREDOIRASBUEU
LÚA DE FORZASANXENXO
RINOCERONTEPONTEVEDRA




   
    Nesta xornada de Barrantes houbo dous equipos que conseguiron a súa marca máis elevada de puntos da temporada. Estes equipos foron Valpaços Terra Quente de Vigo e Armadiña de Poio. O equipo vigues empeza a demostrar que as fichaxes do seu director deportivo, Taxeiro, foron un acerto. Xa está pensando, o de Valpaços, en facer dous equipos para a temporada que vén. O equipo de Poio quere acabar a temporada consolidando a palanador@s que teñen moito futuro e algo de presente. Seica van preparar a conciencia a xornada 13 que se disputará en Poio. Co alento do seu público queren alcanzar o podio na categoría de equipos e feminina, que son as dúas categorías nas que aínda non conseguiron ocupar un posto. De todos os xeitos, o dominio absoluto de Corredoiras mantense e afirman que esta temporada van a polo título Nacional, despois de quedarse, o ano pasado, a un só punto dos Billardeiros Musicais de Ribadeo. 
   Na parte media da clasificación veremos se Laxe de Rons se manteñe firme ante o acoso de Valpaços Terra Quente. Nesta xornada o equipo vigués tivo 20 puntos máis que o equipo do Grove, que grazas a unha inesperada actuación de Martín non perdeu máis puntos. Casilledín, que xogou na casa, avanzou na clasificación para escapar definitivamente da praza de pechacancelas, ou iso é o que parece. Xa que, Andarela non acaba de reforzar o seu equipo e de novo só conseguiu presentar a 3 palanadores.
    A maior emoción está na zona que dá dereito a praza de PLAY OFF. Nesta xornada, tanto Lúa de Forza como Rinoceronte conseguiron reducir a vantaxe en relación ao equipo de Marín, Gharaboto. Deste xeito, o que parecía que ía ser unha loita pola terceira praza unicamente, entre o equipo de Sanxenxo e o de Pontevedra, igual se transforma nunha pugna de tres equipos por dúas prazas. Dos tres, un quedará sen disputar o Título Nacional. Estes tres equipos subiron ao podio Nacional nos últimos tres anos, Lúa de Forza conseguiu o título no 2014, Gharaboto conseguiu segundo lugar na 2015, e Rinoceronte ocupou o terceiro posto na 2016. Isto indica o potencial destes tres equipos. O espectáculo esta garantido ata o final. Un factor importante que resultará decisivo é o do número de xogadoras e xogadores de cada equipo. Así, pensamos que por lóxica numérica o equipo de Marín é o claro favorito dos tres para asegurarse unha praza. A outra praza, aínda non sabemos a que quilómetro da PO-308 terá que desprazarse. 




Salgue foi o protagonista principal da xornada. Ganou a xornada e ademais fixo 4 varados que o levan a entrar nas prazas para o PLAY OFF da categoría. Buscade a billarda, como fai Bego... está no teito do pavillón, mais acabou baixando.

   Ao volver ao pavillón o que sucedeu foi que as 7 prazas que dan dereito a disputar o Título Nacional de Varados foron asaltadas por palanadores que estaban fóra na xornada anterior. Deste xeito, púxose moi emocionante, tamén, esta clasificación. O nivel é moi alto nesta Conferencia, pois tres dos nosos palanadores xa foron Campións Nacionais nesta categoría e nos últimos dous anos houbo un Varadeiro Nacional das Rías Baixas, pero en Barrantes sucedeu o que parecía impensable, que o actual Campión da categoría, Che, e un dos mellores pegadores da LNB, quedou á beira do precipicio. A ameza é seria, sobre todo, porque os que veñen por detrás teñen brazo poderoso e non van ter piedade.


INFORMACIÓN ESTATÍSTICA

   A participación total corresponde ao número de xogadoras e xogadores que participaron polo menos nunha xornada de liga ao longo de toda a temporada. Ata a xornada 10 da temporada 2016-2017 teñen xogado 159 persoas. 
A participación media indica o número de participantes que xogan en cada xornada. Ou sexa, nesta temporada 2016-2017 cando se xoga unha xornada o normal é que se reunan a competir 78 persoas. 

   Podemos apreciar que o número de participantes por xornada está estabilizada por enriba de 70 nas últimas 4 temporadas, o que é algo fantástico, pois indica a consolidación dun colectivo que goza xogando á billarda e coa compañía de compañeiros e compañeiras das comarcas do Salnés, O Morrazo, Vigo e Pontevedra.

   En canto ao número de participantes totais, comprobamos que na temporada 2012-2013 houbo un cume de participación e que desde entón foi en descenso ata a temporada actual que volve a remontar. Estes números hai que interpretalos conxuntamente cos de participación en cada xornada, xa que estas cifras de participación total indican que todas estas persoas que participen na liga saberán que a billarda segue viva e practicándose, aínda que estes participantes sexan ocasionais e non compitan dun xeito regular. 

   En definitiva, hai que continuar no camiño de facer visible esta aventura chamada LNB para que cada vez aumente o número de persoas que se acerquen a xogar con nós. Tamén, debemos conseguir que cada vez haxa máis equipos estables que aseguren o espectáculo da billarda. Ver un grupo de cerca de 80 persoas de xeracións diferentes divertíndose e relacionándose dando golpes, non de estado, senón de país, é algo extraordinario.