Eran as 16h. 7 minutos do sábado 8 de abril de 2017. A
cerimonia protocolaria de inauguración do Reiboa Billarda Estadio
foi un espectáculo grandioso. Comezou todo diante da enorme pancarta
da LNB, que os compañeiros da Conferencia Noroeste trouxeron desde o
seu territorio ata terras da Conferencia Rías Baixas. Utilizando a
megafonía da Asociación Cultural, Deportiva e Medioambiental
Armadiña empezaron as intervencións. Primeiro foron as palabras de
Laura Currás, do equipo local Armadiña, as que saíron en dirección
ao ceo.
Laura Currás. Armadiña. Equipo de Billarda. |
Despois falou Xan Rodiño, en nome da LNB. Lembrou o nacemento da LNB en outubro de 2005, como iniciativa da ADC O Varal e como esta aventura chegou ás Rías Baixas. Foi en marzo de 2011 cando por vez primeira se xogou unha xornada de LNB en Poio, precisamente no mesmo lugar no que agora se inaugurou o primeiro campo de billarda do mundo. Tamén, agradeceu aos irmáns e irmás que viñeron en representación das outras Conferencias LNB.
Xan Rodiño. LNB Conferencia Rías Baixas. |
Logo interveu a Deputada Provincial de Deportes, Chelo Besada, quen afirmou que a billarda é un deporte, por suposto, e que a partir de agora xa calquera o poderá comprobar utilizando as instalacións do Reiboa Billarda Estadio.
Chelo Besada. Deputada Provincial de Deportes. |
Para rematar foi Marga Calgas, Concelleira de Deportes do Concello de Poio, quen falou. "Poio colaborou coa LNB desde aquel 18 de marzo de 2011, cando a Escola de Música Tradicional e máis Luís Camiña, en nome da LNB, nos propuxeron organizar o Primeiro Aberto de Billarda. Pareceunos que debiamos colaborar para que este deporte tradicional non desaparecese no noso concello. Desde entón, moitas cousas pasaron. Por exemplo, este ano naceu o primeiro equipo de billarda de Poio, o Armadiña, cousa que nos enorgullece", estas foron algunhas das palabras da concelleira.
Marga Caldas. Concelleira de Deportes do Concello de Poio. |
A concelleira dou paso á interpretación da Marcha Solemne do Antigo Reino de
Galicia por parte da Escola de Música Tradicional do Concello de
Poio. Todo o grupo de palanadores e palanadoras acompañaron aos
gaiteiros na súa marcha ata un curruncho do Billarda Estadio para
descubrir a pedra conmemorativa.
Os nenos e nenas do equipo Armadiña portaban a Bandeira Galega. Ao descubrir a pedra comezou a interpretación do Himno de Galicia. Durante 4 minutos un só latexo acompasou os peitos de mulleres e homes, nenas e nenas, todas e todos membros do colectivo LNB, que utiliza a percusión do palán petando na billarda para facer música, coa humilde pretensión de harmonizar a humanidade e de sintonizar con este anaco de terra que lles correspondeu habitar.
Houbo representantes das tres
Conferencias LNB neste emotivo acto. Así da Conferencia Norleste acudiron
os Billardeiros Musicais Daniel, Geni e Suso Coedo, do Ekipa
Bítere, estivo Jorge Galdo. Da Conferencia Noroeste
foron Collazo, de Campo da Feira, Berdillo, de Cochikeiros,
Julio Vilas e Merchi, de APB Santa Marta, quen presenciaron o
acontecemento histórico para a Billarda. O resto de persoas eran da
Conferencia Rías Baixas. Entre xogadores/as e
espectadores/as foron aproximadamente 200 persoas as que pasaron o
sábado 8 de abril de 2017 polo Reiboa Billarda Estadio.
CONFERENCIA NORLESTE Daniel, Geni, Suso Coedo de Billardeiros Musicais. Jorge Galdo de Ekipa Bítere. |
CONFERENCIA NOROESTE Collazo de Campo da Feira. Julio Vilas e Merchi de APB Santa Marta. Berdillo de Cochikeiros |
Pedra e Panel informativos sobre a Billarda |
A partir deste momento calquera turista ou visitante que se acerque ao campo poderá fotografarse á beira deste monumento á billarda. Ademais, da visita obrigada a Combarro para ver os piornos, agora, tamén aparecerá nas guías turísticas a visita obrigada ao Campo de Billarda da Reiboa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario