Esta é a foto do podio en Cotobade que o equipo pontevedrés RINOCERONTE nos fixo chegar |
Está claro que este equipo antisistema quere sacudir toda a estrutura organizativa da LNB. Se non fora pouco o seu empeño en xogar as xornadas en campos selváticos, aínda que barruce, chova ou vente, agora busca desestabilizar o ánimo dos outros equipos co seu afán de aniquilar a identidade persoal de palanadores e palanadoras. Introduciron un virus no software de todolnb para alterar as fotos que consideren oportuno. Pedimos desculpas se algunha das súas manipulacións molesta a vosa sensibilidade.
Rinoceronte desafía á LNB poñendo cabeza abaixo o logo sagrado da tribo da billarda. |
Imos deixar, de momento, de lado as actuacións de Rinoceronte para centrarnos na xornada disputada en Cotobade.
Na categoría feminina, LU foi quen máis puntos conseguiu seguida de Bego e Adriana, que a acompañaron no podio. O terreo de xogo de herba non foi impedimento para que 5 palanadoras superaran os 10 puntos. A participación foi de 23 mulleres.
A clasificación xeral nesta categoría segue encabezada por BEGO. Nesta xornada, Lu obtivo 2 puntos máis que a súa compañeira de equipo e agora está a 22 puntos. Semella moita a distancia para que a de Beluso poida alcanzar á de Bueu, pero agora chegarán as choivas de primavera e todo é posible en pavillón. Na terceira praza do podio continúa Adriana. A xogadora de Valpaços Terra Quente alcanzou un punto máis ca Elena de Gharaboto, e agora son 2 puntos de vantaxe a favor da palanadora de Vigo. Entre elas dúas vai estar o último lugar do podio, xa que as demais están a cerca de 40 puntos de distancia. Ao mesmo tempo, ningunha delas pode alcanzar a segunda e primeira posición, pois están a 50 puntos de distancia.
Despois de 10 xornadas e á falta de 6, así quedan os postos que dan dereito a participar no PLAY OFF 2017
Na categoría absoluta, o triunfo foi para XAN de Lúa de Forza, seguido de Luís Camiña e Manolo Fariña, os dous de Gharaboto. Os xogadores que chegaron ou superaron os 20 puntos foron 7 e curiosamente 3 deles non están no TOP DEZ. Estes foron Manolo Fariña con 21 puntos, Carolo con 20 e Daniel con 20, tamén. Suliñar que Fari tivo que abandonar a xornada na segunda carreira por un asunto familiar grave.
O máis salientable dos resultados é que Ricar non conseguíu alcanzar o liderado que tiña a 2 puntos ao comezo da xornada. Unha semana máis continúa Xan na primeira posición. Así, Salva ao conseguir 24 puntos acércase a Ricar. Pola súa banda, Che continúa preto de Salva. Despois destas catro posicións hai unha distancia importante de cerca de 30 puntos coa quinta posición. O título que parecía cousa de dous pode que sexa de catro. Xa o di o refrán billardeiro:
"Se chove na primavera
o pavillón espera,
se a primavera é seca
a palanar na herba."
Será determinante a superficie na que se xogue?
Verémolo!!
Na categoría infantil a ausencia de Juanma foi aproveitada por Adriana que agora está a tan só 5 puntos do xogador de Lúa de Forza. O mesmo aproveitou Oscar de Armadiña para situarse na cuarta posición, por diante de Martiño, que tampouco xogou.
Na categoría de varados a clasificación para o PLAY OFF 2017 está deste xeito
Ningún comentario:
Publicar un comentario