Sétima xornada nas Rías Baixas. A xornada de Castrelo será a segunda que se xogue a cuberto. Veremos quen se adapta mellor a esta circunstancia. De todos os xeitos, a particularidade máis salientable do campo da festa de Castrelo é que a superficie é de terra. Aínda que as dimensións son como as dun pavillón, existe unha diferenza abismal en canto á velocidade que alcanza a billarda. Así, diremos que se empezou a xogar neste campo na temporada 2013-2014 e que o número de varados que se fixeron foron pouquísimos. A conclusión é que o tellado metálico, a unha altura inferior a dos pavillóns, a proximidade do palco e da cantina, así como, a luminosidade particular, xunto coa terra batida de tantos bailes, fan do campo da festa de Castrelo un lugar pouco apto para os varados.
A clasificación de equipos está bastante parella, se temos en conta o que sucedeu nos últimos anos, nos cales Corredoiras distanciouse nas primeiras xornadas e non fixo máis que aumentar esa vantaxe ata o final. Pola contra, semella que este ano Gharaboto e Lúa de Forza aumentaron o seu rendimento e mantéñense relativamente cerca do equipo de Bueu. Non obstante, Castrelo non é o lugar máis propicio para que se conserve a igualdade, se tomamos os resultados do ano pasado, pois o vencedor da xornada fora Corredoiras de Bueu que se quedou a un punto dos 90 ptos. O resto dos equipos quedaron lonxe. Foi segundo Gharaboto con 74 e terceiro Lúa de Forza con 66. Os outros equipos non chegaron aos 60 ptos.
Outra clasificación que se empeza a poñer seria é a de equipos femininos, xa que, Corredoiras reforzóuse coa recuperación de Yudani e agora ameaza a supremacía de Valpaços. O equipo de Vigo segue sendo o gran favorito, pero agora xa non vai ter tan despexado o camiño. Tanto Corredoiras como Gharaboto teñen poderío suficiente para incomodar ao equipo da Terra Quente. Vai ser unha bonita pugna. Estes tres equipos son os mellores de toda a LNB nesta nova categoría. A súa fortaleza está no numeroso do seu cadro de xogadoras, en canto a Valpaços e Gharaboto, e no indiscutible poder dos títulos das súas xogadoras, no caso de Corredoiras, pois teñen a dúas Campioas Nacionais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario