billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

XORNADA 2 CRÓNICA


       Os datos de participación manteñen a tendencia dunha media de 73 participantes. Algo magnífico, pois significa que se mantén a media dos anos 2015 e 2016. A media de participación do ano pasado foi algo fóra das previsións, xa que se alcanzou a media de 83 participantes. Esperamos manter esta fidelidade de tantas persoas que manteñen viva sobre a terra galega a billarda.





SALVA Corredoiras-Bueu

       

       O gran triunfador da xornada foi SALVA, que rematou a xornada cun extratosférico varado (campo olímpico de 50 m x 20 m). Mais tivo que ser no desempate da final contra Juanma, o palanador en idade infantil que estivo a piques de facerse coa súa segunda vitoria absoluta en xornada de liga. O de Lúa de Forza sitúase na segunda praza da xeral, a tan só un punto do líder. Outro que está de volta da longa travesía do deserto é o Piru. O billardeiro da Torre recupera o seu xogo e as súas posibilidades de estar loitando de novo por estar entre os grandes da categoría. Quedou en terceira posición e prometeu buscar, este ano si, algún título de regularidade na súa Conferencia xenealóxica. 




       A xornada foi ganada por LÚA DE FORZA, que deste xeito entra en praza de Play Off. A igualdade de forzas que se preveía esta temporada quedou demostrado na xornada de Moscoso. Deste xeito, aos dous grandes, CORREDOIRAS e GHARABOTO, separáronos dous puntos, e o equipo de Sanxenxo, coas novas incorporacións xa en pleno rendemento, superou a eses dous equipos en 1 e 3 ptos, respectivamente. 
       Na Categoría de Equipo Feminino, o equipo Valpaços Terra Quente volveu ganar a xornada e pon terra por medio cos outros equipos. Evidentemente, o equipo morado é o claro favorito para levarse o título, pois o seu potencial non ten comparación con ningún equipo de toda a LNB, incluíndo ás outras conferencias. Só Gharaboto poderá manter o ritmo da marea morada, pero sempre desde a distancia. 


VALPAÇOS TERRA QUENTE-Vigo





       Despois de 2 xornadas, parte dos favoritos ao título xa están en zona noble. Xan sitúase na primeira posición, pero seguido moi de cerca polos que están detrás. Salientar no Top Dez a situación de Juanma que semella querer loitar, neste último ano de infantil, polo título absoluto, algo que quedaría para a historia se o conseguise. O regreso de Luís Piru á loita polo título é outra nova alegre para a saúde da competición. Parece que superou os seus problemas de confianza do ano pasado e xa está cerca do alto nivel que tivo noutro tempo. Os demais postos están ocupados por palanadores TOP, como Salva, Luís Camiña, Ricar, Lito, Dani, Fari e Ricardo Lois.



       Na Categoría Feminina, Zaira refrendou as súas firmes intencións de ser candidata ao título e defendeu a distancia adquirida na xornada primeira. Adriana acercouse á súa compañeira de equipo facendo máis puntos que ningunha outra xogadora, nesta xornada. Bego xa se sitúa en terceira posición e a pesar de estar nunha media de 10 ptos por xornada, xa empeza a recuperar o terreo perdido. Por detrás xa vén a Campioa Nacional actual, Chefa, e un pouquiño máis atrás, a Bicampioa Lu. Este ano vai estar moi emocionante esta categoría, pois ás xa tres consagradas Campioas de Bueu súmanselles as dúas novas estrelas de Valpaços Terra Quente, quen por idade e talento estarán loitando esta temporada polo podio e que sabe se polo título. 



        Na Categoría Infantil, Juanma iniciou o camiño que o levará previsiblemente a un novo Título. Aínda que Adriana e Oscar van facer o posible para poñelo en algunha dificultade. Adriana, actual Campioa Nacional deste Categoría Infantil seguro que vai estar cerca de Juanma. O caso de Oscar é para destacar, pois está competindo sen estar perfectamente recuperado da súa fractura. Veremos ata onde pode chegar cando teña a alta médica. As demais nenas e nenos continúan coa súa progresión, tendo en conta que só Ainhoa pasa dos 10 anos. 

O QUE NON SE VE         




       Na xornada de Moscoos houbo varias circunstancias que convén reseñar e deixar por escrito para que todas e todos poidamos xulgar. En definitiva e resumindo, por deferencia de Rinoceronte, nesta xornada houbo premio para o equipo con máis puntos. Pois ben, sumando os puntos das actas aparecía Corredoiras con 81 ptos, Lúa de Forza con 80 e Gharaboto con 79. Segundo as matemáticas, a "empanada de bacallau" iría para o equipo de Bueu. Mais, unha vez chegadas as actas á sede da delegación LNB Rías Baixas, o programa informático de revisión de actas descubre un erro na suma das puntuacións de Juanma, Lúa de Forza, grupo D. Despois de investigacións profundas descubriuse todo o asunto. Hai varias reclamacións presentadas ante o comité de disciplina da LNB. Está estudando o asunto e ao final desta semana tomará unha decisión, despois de escoitar aos implicados. De momento, Fari (xuíz que sumou as puntuacións) e Corredoiras están ás portas da neveira LNB. 

       Que cada quen analice e opine!


Ningún comentario:

Publicar un comentario