billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

ELEFANTIÑA ou como derrubar o mito do BILLARDA ESTADIO



ELEFANTIÑA
       O equipo Armadiña quere premiar a quen consiga o primeiro varado da historia do ESTADIO NACIONAL da BILLARDA da Reiboa cunha figura de artesanía que representa a constancia e calma do Elefante. Aínda non pagaron a peza, pois non cren que ninguén consiga a proeza. Consideran que este Campo Olímpico debe conservar a súa sona de inexpugnable ata o fin dos seus días. Entón, como fixeron grandes persoas que remataron invictos a súa carreira deportiva queren que sexa unha praza forte inconquistable para todo brazo humano. A figura estará no campo para motivar as persoas máis AFOUTAS do país. Xa non que o trofeo sexa unha peza única de incalculable prezo, senón que a misión imposible de alcanzar 50 metros cun golpe de billarda é demasiado atractiva como para que se mobilice a comunidade billardeira. Nas Conferencias do Norte están preparando autobuses e carros de dúas vacas con palanadores e palanadoras que queren derrubar un mito: os invencibles varais azul e branca do REIBOA BILLARDA ESTADIO.

       Ata o momento, ninguén conseguíu varado algún, nin en adestramentos nin en competición oficial. Certo é que ten apenas 6 meses de existencia, pero algo hai na contorna da Reiboa, será o vento insistente da Ría que golpea en contra dos varais, será o sol que dá nos ollos dos xogadores, será o salgado do aire, serán os fumes de Ence na distancia ou quen sabe que especie de conxuro, o que podemos asegurar é que terán que facerse realidade as palabras da maldición que seica pesa sobre este terreo conquistado ao mar:

"ninguén atravesará dun golpe o varal, 
ata que cambie o sabor do sal".

Ningún comentario:

Publicar un comentario