Añadir leyenda |
Despois de sumar os puntos desta xornada as clasificacións quedan deste xeito no seu Top Dez.
A pesar da ausencia de Juanma a esta xornada por mor dos virus invernais, mantense na primeira posición con bastante vantaxe sobre Adriana, aínda que agora todo é posible, pois son 17 ptos os que separan aos dous competidores. Geno mantense na terceira posición, agora a 11 ptos da segunda posición. Martiño tampouco participou en Vilaboa, circunstancia que aproveitou Oscar para quedarse a un só punto de distancia do de Bueu. Ainhoa, que subiu ao podio desta xornada xa está na sexta posición. Hugo xa aparece na novena praza. En definitiva, a loita polo título parece que será cousa de tres, xa que están implicados os tres palanadores en idade infantil máis prometedores da LNB, Juanma (actual Campión Nacional da categoría), Geno e Adriana (semifinalistas no Play Off Nacional). Detrás deles, tanto por idade como por rendemento deportivo, están Martiño e Oscar. O futuro da categoría quedará nas súas mans cando aqueles tres dean o salto á categoría absoluta. Ainhoa tivo unha entrada sobresaínte na LNB, pois nesta súa primeira temporada xa alcanzou a disputarlle puntos a palanadores e palanadoras da categoría absoluta. Outro neno moi novo tamén é Hugo, quen está progresando moito no seu xogo. O futuro está garantido. Estamos falando de nenas e nenos todos menores de 14 anos, e moitos deles menores de 10 anos. Isto é magnífico.
Bego volveu superar os vinte puntos por terceira xornada consecutiva, o que fai que xa estea 21 ptos por diante da segunda clasificada, Lu. Esperemos que a loita polo título siga ata a xornada final entre as dúas palanadoras de Bueu que teñen Títulos Nacionais, pois deste xeito tamén se manterá a emoción da incerteza na competición. Para a terceira praza do podio, definitivamente haberá outro duelo de dúas xogadoras de nivel. Elena xa se sitúa a un único punto de distancia de Adriana. Isto significa que entre elas estará a última praza do caixón. As demais palanadoras xa están a máis de 30 ptos. Para participar no Play Off 2017 haberá que esforzarse ata a última xornada, xa que actualmente está o corte en 45 ptos. Salientar nesta xornada a actuación sobranceira de Inés (Gharaboto) que con 16 ptos foi segunda na xornada e agora queda a tan só 7 ptos da zona de Play Off. Polo momento, hai palanadoras de 5 equipos que estarían entre as elexidas para disputarse o Título Nacional.
Como se pode apreciar, o tropezo de Xan na pista de Vilaboa fixo que Ricar, que se levou a xornada, se sitúe a tan só 2 ptos do de Dorrón. O que parecía moi difícil hai un mes, que Ricar superase na clasificación ao de Lúa de Forza, pódese producir na seguinte xornada de Cotobade. A combinación da excelente actuación do de Bueu coa nefasta de Xan fai que a emoción polo título volva ás pistas de billarda das Rías Baixas. Outra loita moi interesante está sucedendo por apoderarse do terceiro chanzo da categoría. Nas últimas tres xornadas houbo cambio de palanador neste lugar, mais sempre entre dous xogadores, Salva e Che. O de Corredoiras conseguiu 22 ptos e sitúase catro puntos por enriba do Rinoceronte Che. Outra disputa interesante é a da 5ª e 6ª praza, entre Fari e Bego. Un punto separa aos compañeiros de Corredoiras. Luís Rino avanzou na clasificación despois da fantástica actuación en Vilaboa e xa se sitúa 7º. O outro Luís de Gharaboto foi penalizado polas características dos espazos cerrados e non foi quen de obter máis ca 7 puntos e cae ata a 8ª posición. Lito tamén notou a dificultade dos espazos reducidos dun pavillón e cae ata a 9ª praza, empatado a puntos con Lu, quen aproveitou a súa precisión no golpeo para rendir moi alto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario