GHARABOTO pace e vence na herba da Illa de Arousa
A xornada 5 da
Conferencia Rías Baixas caracterizouse, entre outras cousas, por
xogarse nunha superficie mixta de terra e herba, que dificultou os
golpes, sobre todo o golpeo de elevación da billarda. A
participación foi a máis numerosa desta temporada con 85
participantes. Destes 85, 18 foron xogadores e xogadoras que o facían
por vez primeira. A temperatura superaba os 20 graos. Moitas persoas
que baixaron ata a praia do Bao miraban sorprendidas ao grupo de
intrépidas e intrépidos deportistas da LNB petarlle a un pau para
lanzalo o máis lonxe posible e coa dirección correcta.
No aspecto competitivo
salientar o novo éxito do equipo de Marín, Gharaboto. Partía
na cuarta posición da clasificación xeral e cos 85 ptos.
conseguidos nesta xornada superou aos seus adversarios por bastante
diferenza e situouse na terceira praza. A vitoria do equipo de Marín
apoiouse nas actuacións de Luís e Luís Camiña, que foron con 27
ptos e 23 ptos os dous primeiros clasificados da xornada. Gharaboto
xa está por diante de Rinoceronte e acércase á segunda
praza que dá dereito a participar no Play Off Nacional. Agora está
detrás de Lúa de Forza a tan só 15 ptos de distancia.
Corredoiras
tivo a actuación máis baixa da temporada con 66 ptos. Ningún dos
seus integrantes alcanzou os 20 ptos, cousa que non sucedera en
ningunha das xornadas anteriores. O equipo de Bueu mantense dun xeito
moi cómodo na primeira praza con 54 ptos. de vantaxe sobre o segundo
equipo clasificado. Só Gharaboto podería inquietar aos actuais
campións de Conferencia, pero tiveron unhas floxas actuacións nas
primeiras tres xornadas e agora vai ser moi difícil que recuperen 69
ptos de desvantaxe. De todos os xeitos, este deporte é moi esixente
e nunha xornada pódense sacar 30 ou 40 ptos de máis ou de menos en
relación a outros equipos.
O resto dos equipos
estiveron moi lonxe. A 27 ptos do primeiro equipo estivo Lúa de
Forza, que aínda mantén a segunda praza na xeral. O equipo de
Sanxenxo tivo algunhas ausencias importantes de xogadores, mais
conseguiu unha puntuación aceptable de 58 ptos, en gran parte
grazas a dúas incorporacións de xogadores da Illa de Arousa que
debutaron na LNB. Uns temporeiros da billarda, nativos da Illa, que
se moveron á perfección entre a herba alta e os mosquitos
trompetistas.
Rinoceronte de
Pontevedra tocou teito na segunda xornada con 70 ptos, despois
obtivo 60 ptos. na terceira, 59 ptos na cuarta e nesta última da
Illa de Arousa pensamos que tocou fondo con 52 ptos. Este descenso
progresivo levounos ata a cuarta posición da xeral. Agora está a 56
ptos da segunda praza. O equipo da capital non debe conformarse con
esta posición, pois para quen subiu ao podio do Play Off Nacional
non pode haber outro obxectivo que optar de novo ao máis alto.
Realmente, non contou en ningunha xornada con todos os seus
integrantes. Nesta xornada foi Luís quen lles aportou a maior
puntuación, ocupando a terceira posición do podio.
Laxe de Rons
obtivo 48 ptos que os mantén cerca da cuarta praza, agora ocupada por
Rinoceronte. Sendo realistas o obxectivo dos do Grove debe ser
loitar por esa cuarta praza, que teñen a 26 ptos de distancia. Este
equipo mellorou moito as súas prestacións do ano pasado, pero non
debemos esquecer que os equipos que teñen por diante son dos
mellores da LNB. Lembremos que no podio Nacional do 2016 ademais de
Billardeiros Musicais, que foron os Campións LNB, estiveron
Corredoiras na segunda posición e Rinoceronte na
terceira, amais de Lúa de Forza na cuarta posición. E
Gharaboto foi Subcampión Nacional na temporada 2015. En
definitiva, sería un éxito extraordinario que o equipo do Grove
conseguira alcanzar a este grupo de catro equipos da elite da LNB.
Valpaços Terra
Quente tivo a importante ausencia de Salgue, aínda así,
Adriana, cunha enorme actuación, axudou a conseguir 46 ptos para o
equipo que o consolidan na sexta posición. Taxeiro e Alfonso tamén
pasaron dos dez puntos. Pensamos que o obxectivo do equipo de Vigo
debe ser consolidar esa posición, pois chegar máis arriba sería
unha sorpresa, sobre todo, analizando o seu cadro de xogadores e
xogadoras. Por unha beira, é o equipo con maior número de xogadores
en idade infantil e o segundo equipo con maior número de xogadoras,
ata 8 mulleres, tan só por detrás de Gharaboto con 12 féminas.
Armadiña de
Combarro, o equipo máis novo da conferencia, volveu a quedar por
diante de Casilledín e de Andarela, o que lles serviu
para abandonar a última posición da clasificación xeral. Se temos
en conta que o equipo do concello de Poio non disputou as tres
primeiras xornadas de liga e que todos os seus xogadores e xogadoras
empezaron a xogar á billarda hai escasamente un mes, podemos
prognosticar que o obxectivo para esta primeira volta da competición
debe ser alcanzar a 7ª posición. Despois da última xornada da
primeira volta que se disputará en Bueu, veremos se o progreso deste
equipo lles permite loitar por outro obxectivo máis elevado.
Casilledín
conseguiu 15 ptos, unha anotación que repiten por terceira vez en
cinco xornadas. Seguen competindo con dous xogadores e unha xogadora,
o que limita moito as súas prestacións. Están esperando ao mercado
de inverno para aumentar o seu cadro de palanadores.
Andarela ocupa a
última posición da Conferencia e pensamos que xa non vai abandonar
este lugar, pois conta coa limitación de ter poucos xogadores. Están
preparando os reforzos para a xornada de Castrelo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario