Agora que remata o 2016 queremos facer unha análise da evolución no número de participantes na Conferencia Rías Baixas desde a súa creación.
Na gráfica de abaixo podemos apreciar que o número de participantes totais durante todo un ano alcanzou o seu teito no 2012-2013. E mantívose esa temporada e as dúas seguintes por enriba dos 150 participantes, algo fantástico. En canto á participación media por xornada, ou sexa, cantos xogadores e xogadoras acudiron a cada unha das xornadas de liga, apréciase que unha vez que alcanzou os 70 participantes de media, na temporada 2013-2014 xa non abandonou esta decena ata a actualidade. Este 2017 pode ser o ano no se alcance o teito dos 80 participantes por xornada.
Por que, mentres a participación media por xornada aumentou e mantívose no tempo, a participación total foi baixando desde que alcanzou o teito no 2013?
Para enterder este feito refrendado cos datos da gráfica temos que ter en conta os obxectivos da LNB que son os de fomentar, divulgar e manter a práctica da billarda no século XXI. Daquela, nos primeiros anos a Conferencia Rías Baixas douse a coñecer a moitisima xente que participou en algunha xornada da liga. Pasado o tempo conseguíuse que un grupo cada vez máis numeroso de persoas se comprometera con este xeito de practicar billarda que se chama LNB. Así, na actualidade hai cerca de 80 persoas que acoden con entusiasmo aos campos de billarda para encontrarse con outros seres humanos e xogar entre eles nun ambiente de paz, alegría e gozo. Ademais, a evolución nas destrezas psicomotrices de palanadores e palanadoras fai deles uns deportistas de alto nivel, algo que intentan imitar os máis mozos e as máis mozas co horizonte claro de facer desta actividade físico deportiva un deporte olímpico. Non só se xoga en Galicia á billarda. Moitos países europeos, americanos, africanos e asiáticos teñen non seu patrimonio lúdico dous anacos de madeira que manexados coas mans permiten facer deles un xogo universal. O que si é único é esta estructura organizativa e competitiva que se chama LNB. Sobre este alicerce construirase o Deporte da Billarda que participará nas Olimpiadas do 2036... ou non, quen sabe?
Ningún comentario:
Publicar un comentario