billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

BREVE HISTORIA DE 10 ANOS DE BILLARDA



  
No outono de 2003 empezou todo...
Actualmente a LNB é un colectivo que está composto por asociacións culturais e deportivas, así como por equipos de billarda. O fin principal destas persoas é o de normalizar a práctica da billarda en todo o territorio galego, para o cal organiza unha liga anual (Liga Nacional de Billarda), e máis Torneos Abertos de Billarda (TAB). Outro dos fins é que a billarda sexa considerada unha modalidade deportiva.
Esta iniciativa ten as súas raíces nas comarcas da Mariña Oriental e CentraL, concretamente nos concellos de Lourenzá e Barreiros. No outono do ano 2003, un grupo de persoas que estaban sensibilizadas ante o perigo de desaparición dun xogo milenario como o da billarda deciden organizar o primeiro TAB da historia. Chamouse Torneo do Lacón. Naquel momento foron unha ducia de persoas as que disfrutaron dese acontecemento histórico. Durante o 2003 organizáronse 2 TAB, no 2004 foron 5 TAB, e no 2005 chegaron a ser 8. En total, foron 15 TAB, durante os cales se foi xestando a idea de convertir a billarda nun deporte de competición. 
 
Definitivamente, creouse a Liga Nacional de Billarda. O 16 de outubro de 2005 celébrase a 1ª xornada na parroquia de Santo Adrao (Lourenzá-Lugo). Para competir na LNB elaborouse un regulamento que foi froito de adaptar os diferentes xeitos de xogar. Ao mesmo tempo, considerouse que a billarda tiña un potencial enorme para convertirse nun deporte atractivo para homes e mulleres de calquera idade. Entón creouse un sistema de competición que permitía xogar a un numero indeterminado de competidores nun terreo de xogo delimitado e cun material dunhas dimensións concretas. Este regulamento e sistema de competición foi evolucionando ata dar no sistema actual. 
 
Feitos salientables para o nacemento da LNB
O primeiro foi a creación de ovaral.blogspot.com, o 17 decembro 2004. Este foi o paso definitivo para todo o que aconteceu despois, xa que a partir de aquí o resto do planeta terra coñeceu a existencia dun grupo de persoas da Mariña que estaban organizando TAB, e posteriormente cando empezou a disputarse a LNB, este blog foi a referencia do desenvolvemento dela. Ao mesmo tempo, empezou a xestarse a idea dunha liga, que posteriormente nacería co nome que actualmente ten de LNB. O segundo fito foi a constitución de O Varal como asociación cultural e deportiva a principios do 2005. Isto foi fundamental para o nacemento da LNB. 
 
Feitos salientables para a consolidación da LNB
Unha das sementes que axudaron ao espallamento da LNB encontrámola no 12 de xuño de 2005, cando aínda a LNB era unicamente unha intención. Foi a celebración dun TAB fóra dos límites das Mariñas por primeira vez. Chamouse naquel momento Torneo O Varal, que posteriormente adquiriu o seu nome actual O Xerro do Salnés. Foi en Xil (Meaño) e pasados uns anos esta semente convertiríase na Conferencia SUR (finais de 2008). Outro feito salientable foi a cebración do primeiro All Stars o 26 de marzo de 2006 en A Coruña. Este acontecemento dou pé a que nacese a segunda das conferencias, a Conferencia NOROESTE (finais de 2007). Tamén é destacable a disputa da I Copa Cantábrica o 24 de setembro de 2006, pois este TAB síguese celebrando a día de hoxe (2013) e contribúe á difusión da LNB no país asturiano. Sen dúbida, foi un elemento clave para a consolidación da LNB o premio que recibiu a ACD O VARAL da Xunta de Galicia, como mellor iniciativa do deporte tradicional 2006-2007.
A partir destes feitos relevantes a LNB espallouse por todo o territorio seguindo un modelo de conferencias. Así, a conferencia nai é a CONFERENCIA NORLESTE (2005), despois naceu a CONFERENCIA NOROESTE (2007), CONFERENCIA SUR (2008), CONFERENCIA CENTRO (2009), CONFERENCIA BEZOUQUEIRA (2010), CONFERENCIA RÍAS BAIXAS (2011). Na actualidade existe 5 conferencias que delimitan un territorio xeográfico onde desenvolven a súa competición anual. 
 
CONFERENCIA NORLESTE AS MARIÑAS ORIENTAL-CENTRAL-OCC - MEIRA- TERRA CHÁ - LUGO
CONFERENCIA NOROESTE A CORUÑA - ORDES
CONFERENCIA SUR VIGO - O MORRAZO - O CONDADO
CONFERENCIA CENTRO SANTIAGO -ORDES
CONFERENCIA RÍAS BAIXAS O SALNÉS - PONTEVEDRA - O MORRAZO
A LNB dispútase desde setembro ata maio. Cada conferencia ten unha competición propia cun número de xornadas que se establece antes do comezo. Así, ao final da liga hai uns campións e campioas de conferencia. Na competición existen as categorías absoluta, feminina, infantil, equipos e varados. O último domingo de maio celébrase o PLAY-OFF NACIONAL en Compostela. A este acuden os mellores e as mellores clasificados de cada conferencia en cada unha das categorías para decidir os campions e campioas da LNB. 
Hai unha evidente evolución da participación na LNB:
2005-2006        29 participantes
2006-2007        35 participantes
2007-2008        87 participantes
2008-2009      262 participantes
2009-2010      444 participantes
2010-2011      383 participantes
2011-2012      367 participantes
2012-2013      482 participantes
Cada conferencia ten un blog ao cal sube información sobre os resultados e os calendarios, así como fotos e vídeos da súa competición. A organización da competición en cada conferencia corre a cargo dos representantes dos equipos que participan na mesma. A un tempo as conferencias están en contacto unhas con outras para organizar os TAB fóra da Liga regular, entre os que destacan o XERRO DO SALNÉS, o ALL STARS, A COPA CANTÁBRICA, e tamén para organizar o PLAY-OFF NACIONAL.
En definitiva, grazas a todos e todas as que durante estes 10 anos contribuíron a que a billarda sexa máis coñecida e practica que fai un decenio.
 
 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario