billardariasbaixas@gmail.com
billardariasbaixas@gmail.com
CLASIFICACIÓNS NO ECUADOR DA TEMPORADA
Na categoría de equipos Corredoiras, actual Subcampión Nacional LNB, domina con demasiada claridade, xa que, se temos en conta os resultados do Nacional LNB 2016, no cal, ademais da segunda posición do equipo de Bueu, Rinoceronte quedou terceiro e Lúa de Forza cuarto, poderíase esperar maior igualdade entre estes equipos. Ademais, este ano Gharaboto reforzou o equipo coa intención de non quedar fóra das prazas que dan dereito a representar á Conferencia Rías Baixas no Play Off Nacional 2017, como lle pasou a temporada anterior. En definitiva, Gharaboto e Lúa de Forza manteñen a posibilidade de conseguir a praza para participar na grande final de maio en Compostela, mentres Rinoceronte deberá pensar en que os equipos que veñen por detrás non o adianten na clasificación.
Os equipos da zona media Laxe de Rons e Valpaços Terra Quente viven tranquilos nos postos quinto e sexto, pero non deben esquecer que Armadiña está conseguindo números moi similares a eles 45 ptos de media por xornada para o equipo do Grove e 39 ptos de media para o equipo de Poio, o que sucede é que este último non participou nas tres primeiras xornadas de liga.
Os equipos da zona baixa manteñen unha loita moi interesante por evitar a billarda de metal. Tanto Casilledín como Andarela están promediando 16 e 14 ptos por xornada respectivamente. A diferenza de 27 ptos en parte é debida a que o equipo de Meaño faltou a unha xornada.
82 ptos de media por xornada que consegue Corredoiras só están ao alcance de Billardeiros Musicais, actuais Campións 2016 da LNB, que compiten na Conferencia Norleste. Facendo a comparativa e considerando que os sistemas de puntuación son moi similares, estes dous equipos volven ser os dous grandes favoritos para o Título LNB 2017. O ano pasado un só punto separou ao equipo de Ribadeo do de Bueu. Este ano non vemos que outro equipo poida estar ao seu nivel, aínda que pola cancela que se abre en xaneiro para fichar palanadores e palanadoras poderían entrar reforzos que subisen o nivel dalgún outro equipo. Quen sabe?
Na xeral absoluta, Xan cunha media de 24 ptos de media por xornada non dou opción a que ninguén ocupara a primeira praza. Só Ricar se mantén a unha distancia que lle permite ter esperanzas de disputarlle o título 2017. O de Bueu fixo nestas 8 xornadas 21 ptos de media. Despois, cunha media de 19 ptos por xornada están Che e Salva que son as alternativas para cando os dous primeiros fallen. Fari, cunha media de 18 ptos por xornada, podería sumarse a estes dous xogadores e formar o trío que se mantén ao axexo, o que sucede é que o de Bueu faltou unha xornada e iso vaino condicionar o resto do campionato. O resto dos competidores e competidoras que forman o TOP DEZ rondan os 15 ptos de media por xornada.
De todos os xeitos, este deporte é moi esixente e nunha xornada pódense perder máis dunha decena de ptos, como lle sucedeu ao líder nesta 8ª xornada, que dos cinco primeiros da xeral foi o que menos ptos conseguiu e tanto Che como Ricar recuperáronlle máis de 10 ptos. Ata o último golpe a forza debe acompañarnos, pois a escuridade do golpe ao aire está sempre arredor nosa.
Na categoría feminina, Bego, que colleu o liderado a xornada anterior, parece decidida a non deixalo ata o final, posto que nas dúas últimas xornadas fixo unha media de 24 ptos, ou sexa que está en números de liderado Absoluto. Lu mantén a súa media de 14 ptos e espera algún fallo da súa compañeira de equipo. As demais competidoras están a moita distancia destas dúas e deberán buscar outros obxectivos que non sexan o título de Conferencia. Así, Elena segue recortando a distancia que a separa da terceira praza do podio e xa está a 4 ptos de Adriana, a palanadora de Vigo en idade infantil que lle poñerá as cousas difíciles á da Adina. Por detrás, Mónica consolidou a quinta praza. Esta loita suponse extraordinaria ata o final, pois do quinto posto ao décimo hai 6 puntos de distancia. O que podemos dicir da categoría feminina é que tres equipos son os que monopolizan o TOP DEZ, Corredoiras, Valpaços Terra Quente e Gharaboto.
A categoría infantil revitalizouse coa entrada do equipo de Poio. Deste xeito, aos xa consagrados Juanma, Campión Nacional 2016, Adriana, Geno e Martiño aparecéulles un competidor de nivel, Oscar de Armadiña. Este palanador en catro xornadas conseguíu unha media de 8 ptos, o que fai del un candidato ao podio da categoría. Ainhoa de 11 anos, puntuou nas tres xornadas que disputou, o que lle augura un futuro de éxitos neste deporte. Evidentemente, o único favorito para o título de Conferencia é o xogador de Lúa de Forza, Juanma, quen tamén ten como obxectivo clasificarse para o Play Off na Categoría Absoluta.
CATEGORÍA ABSOLUTA
CATEGORÍA FEMININA
![]() |
| Bego volveu a repetir a primeira posición da xornada anterior e afiánzase na primeira praza da xeral. Chefa ocupou a segunda praza e Elena a terceira |
CATEGORÍA INFANTIL
![]() |
| CATEGORÍA FEMININA |
![]() |
| CATEGORÍA INFANTIL |
8ª XORNADA CRÓNICA
PARTICIPACIÓN
92
29 mulleres
63 homes
A pista de Beluso quedouse pequena para tanto palanador e palanadora. De novo superouse a mellor marca de participantes da temporada con 92 persoas. Ademais, estableceuse a mellor marca histórica da LNB en canto á participación feminina. Nunca antes participaran 29 mulleres nunha xornada da LNB desde a súa creación, aló por outubro do 2005. Sinal evidente de que o deporte da billarda sempre será de xénero feminino.
O equipo organizador, Corredoiras de Bueu, preparou a pista para que se adaptase ás súas condicións, como se dunha eliminatoria de Copa Davis se tratase. E esta estratexia doulle moi bo resultado, xa que non deron opcións aos demais equipos.
Seica utilizaron os de Bueu unha substancia procedente das algas para dar brillo á superficie do pavillón, o que provocaba destellos inesperados que dificultaban o golpeo da billarda. Na imaxe de abaixo pódese apreciar con evidente nitidez este feito. O comité de competición da LNB Rías Baixas está revisando as imaxes gravadas por se esta medida adoptada polo equipo de Bueu estivese incumprindo algunha das normas LNB, o cal podería levar a repetir a xornada.
Pero mentres o Comité analiza os feitos os resultados da xornada fan que Corredoiras se distancie máis do segundo equipo clasificado. Por detrás deles a loita continúa, pois nesta xornada Lúa de Forza superou en 6 puntos a Gharaboto, o que fai que o equipo de Sanxenxo se acerque a un só punto do equipo de Marín. Rinoceronte segue perdendo puntos en relación aos tres primeiros e cada vez ten máis difícil optar ao podio. Laxe de Rons e Armadiña, con boas actuacións, conseguiron superar os 50 puntos e continúan cos seus obxectivos intactos, que son para o equipo do Grove a 5ª posición e para o equipo de Poio chegar á 6ª praza que ocupa actualmente Valpaços Terra Quente. Tamén, actuación aceptable de Andarela que con 3 xogadores pasou dos 20 puntos. Outro caso foi o de Casilledín conseguíu unicamente 4 puntos, aínda que é comprensible dado que xogaron dúas palanadoras e para unha delas esta foi a súa terceira xornada LNB.
| CATEGORIA ABSOLUTA | do EQUIPO | ||
| 1º | FARI | CORREDOIRAS | BUEU |
| 2º | CHE | RINOCERONTE | PONTEVEDRA |
| 3º | CHARRI | CORREDOIRAS | BUEU |
| CATEGORÍA FEMININA | do EQUIPO | ||
| 1º | BEGO | CORREDOIRAS | BUEU |
| 2º | CHEFA | CORREDOIRAS | BUEU |
| 3ª | ELENA | GHARABOTO | MARÍN |
| CATEGORÍA INFANTIL | do EQUIPO | ||
| 1º | JUANMA | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
| 2º | OSCAR | ARMADIÑA | POIO |
| 3º | ADRIANA | VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO |
| 2º OSCAR (Armadiña) 1º JUANMA (Lúa de Forza) 3ª ADRIANA (Valpaços Terra Quente) |
| 3ª ELENA(Gharaboto) 1ª BEGO(Corredoiras) 2ª CHEFA(Corredoiras) |
| 3º CHARRI (Corredoiras) 1º FARI (Corredoiras) 2º CHE (Rinoceronte) |
CRÓNICA DA 7ª XORNADA
CATEGORÍA FEMININA
A xornada na categoría feminina estivo dominada, por vez primeira, por Mónica de Gharaboto que chegou ás semifinais dos cruces eliminatorios, ou sexa a un paso da final a tres. En segunda posición quedou Lu, que tamén alcanzou as semifinais. Bego foi terceira. Curiosamente, Bego foi quen máis puntos conseguiu na xornada (26 ptos), o que lle permitiu superar a Lu na clasificación xeral. Agora a de Bueu encabeza a categoría feminina con 5 puntos máis que a bicampioa nacional. Gran actuación a de Mónica (19 ptos) quen nas xornadas anteriores nunca chegara aos 10 puntos. A do Vinquiño adaptouse perfectamente ás condicións de temperatura e humidade do recinto de festas de Castrelo e brillou sobre o terruño cambadés. A outra palanadora que superou os 10 puntos foi Adriana de Valpaços Terra Quente, que se afianza na terceira posición do podio da categoría.
CATEGORÍA ABSOLUTA
Na categoría absoluta, Salva de Corredoiras fíxose coa xornada por diante de Cho de Armadiña e Xan de Lúa de Forza. Seis palanadores conseguiron 20 puntos ou máis. Xan mantense firme na primeira posición e Ricar, Salva e Che parecen os únicos que lle manteñen o ritmo, aínda que a máis de 30 puntos de distancia. A vitoria na xornada de Salva axudoulle a situarse no terceira posición do podio da Conferencia superando a Che. Entran de novo no TOP DEZ, Bego, Luís e Lu e saen del Luís Rino, Luís Gon e Suso. Salientar a formidable actuación de Cho, que conseguíu a segunda posición da xornada. A pesar de ser un novato xa subiu ao poido. Ten un enorme potencial agora veremos se é quen de refrendalo coas seguintes puntuacións. Outras puntuacións destacadas foron a de Beni de Gharaboto (18 puntos) e a de Albino Caneda de Lúa de Forza (19 puntos), dous xogadores da parte media da clasificación, pero que tiveron un rendemento sobresaínte.
CRÓNICA 7ª XORNADA
| Como se dunha pantalla de proxección se tratase, o Rinoceronte, Cris, préstase a proxectar a súa billarda na tea cinematográfica |
| A noite rodeou e asediou o recinto de Festas de Castrelo, mais non conseguiu conquistar o espírito d@s participantes. |
Mellor
marca de participación desta temporada con 90
participantes. Cifra superada unicamente unha vez ao longo da
historia da Conferencia
Rías Baixas.
Na temporada 2013-2014, na primeira xornada celebrada no Grove, houbo
103
participantes. Lembremos que a marca absoluta de participación nunha
xornada LNB está en 108
competidor@s desde a temporada
2009-2010, 3 de outubro 2009 no Porriño, 2ª xornada Conferencia
Sur.
A
mellor marca de toda a LNB
nunha década de historia estableceuse na categoría infantil con 18
participantes nunha xornada de Liga. Foron 18 nen@s
de 14 anos ou menos quen xogaron en Castrelo. A incorporación do
equipo de Combarro, Armadiña,
está conseguindo anovar a LNB. Este Equipo xa ten 9 xogador@s
menores de 12 anos no seu cadro de 21, ou sexa, máis da metade do
equipo. Isto está provocando un efecto marabilloso no resto dos
equipos. Este efecto chamado “se
el@s teñen nós tamén”,
está provocando a fichaxe de xogadores e xogadoras en idade temperá
polos outros equipos das Rías Baixas. 7 dos 9 equipos da Conferencia
xa teñen algún xogador ou xogadora en categoría infantil. Incluso,
xa se está estudando a posibilidade de incluír no PLAY OFF NACIONAL
2017 a Categoría
Teta.
FANTÁSTICO!!!!
RESULTADOS
| CATEGORIA ABSOLUTA | do EQUIPO | ||
| 1º | SALVA | CORREDOIRAS | BUEU |
| 2º | CHO | ARMADIÑA | POIO |
| 3º | XAN | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
| CATEGORÍA FEMININA | do EQUIPO | ||
| 1º | MÓNICA | GHARABOTO | MARÍN |
| 2º | LU | CORREDOIRAS | BUEU |
| 3ª | BEGO | CORREDOIRAS | BUEU |
| CATEGORÍA INFANTIL | do EQUIPO | ||
| 1º | ADRIANA | VALPAÇOS TERRA QUENTE | VIGO |
| GENO | CORREDOIRAS | BUEU | |
| 2º | MARTIÑO | CORREDOIRAS | BUEU |
| CATEGORÍA EQUIPOS | do EQUIPO | ||
| 1º | CORREDOIRAS | BUEU | |
| 2º | GHARABOTO | MARÍN | |
| 3º | LÚA DE FORZA | SANXENXO |
| 3º-XAN (Lúa de Forza-Sanxenxo) 1º-SALVA (Corredoiras-Bueu) 2º-CHO (Armadiña-Combarro) |
| 3ª-LU (Corredoiras) 1ª-Mónica (Gharaboto) 2ª-Bego (Corredoiras. Rrecolleu o trofeo Ana) |
| Mellor marca de todos os tempos na LNB 18 participantes nas categorías infantil e teta. |
CATEGORÍA EQUIPOS
O vencedor da xornada foi Corredoiras de Bueu que se quedou a un punto dos 90 ptos. O resto dos equipos quedaron lonxe. Foi segundo Gharaboto con 74 e terceiro Lúa de Forza con 66. Os outros equipos non chegaron aos 60 ptos. Deste xeito, Corredoiras distanciase más no liderado e, como era previsible, Gharaboto xa se situou na segunda praza da xeral. Despois dun comezo moi floxo o equipo de Marín, co cadro de xogadores máis amplio de toda a LNB, está impoñendo a lei desta amplitude e avanza con paso firme cara ao seu obxectivo de comezo de temporada que non é outro que loitarlle o título ao equipo de Bueu, Corredoiras. Quedan xornadas suficientes para acercarse aos do Morrazo, pero o equipo de atletas ten moito fondo e vemos difícil que ninguén lles ofreza resistencia. Mais, se algún equipo está capacitado para facelo, ese é Gharaboto.
Lúa
de Forza rendiu a un nivel altísimo tendo en conta que presentou
5 xogador@s nada máis. Agora, queda
terceiro a 7 puntos do segundo. Rinoceronte que tamén
presentou a 5 xogadores sufriu máis e non chegou aos 50 puntos.
Despois de obter a puntuación máis baixa da temporada, o equipo
pontevedrés queda moi lonxe do podio.
Na
parte media da táboa, Laxe de Rons mantén unha cómoda
vantaxe sobre Valpaços Terra Quente, pero non deben
descoidarse xa que o equipo de Vigo sacoulles 13 puntos nesta xornada
e agora sepáronos 40 puntos.
Na
parte baixa da clasificación Armadiña prosegue a súa
remontada e xa é 7º. Casilledín é penúltimo e Andarela
continúa coa súa regularidade, pois desde a primeira xornada que
conseguiu o último posto xa non o abandonou. Estes dous equipos
teñen poucos xogadores e xogadoras e necesitan fichaxes. Así e
todo, nesta xornada xa presentaron algunha novidade. Desta maneira,
no equipo de Barrantes á incorporación de Noe na xornada anterior
uníuselle a do bulideiro Alexandre, quen con 6 anos conseguiu 5
puntos nun grupo onde estaban Luísgon, Lu, Geno, Ricardo Lois,
Alvaro Pai, Vanessa, Beni, Cris, Cheli e outros máis. En definitiva,
un presente prometedor e un futuro grandioso para este palanador de
Ribadumia. En Andarela xogou por vez primeira o infantil Roberto.
A
falta dunha xornada para rematar a primeira volta da competición,
algunhas cousas están quedando diáfanas. A primeira é que
Corredoiras é o único candidato ao título de Conferencia. A
segunda é que Gharaboto vai ter que esforzarse para poñer
nubes diante de Lúa de Forza se quere acceder ao Play Off. A
terceira é que Rinoceronte debe mirar cara atrás, pois os
bateeiros do Grove queren botarlle a boca. A cuarta é que Valpaços
Terra Quente e Armadiña son os equipos de moda en canto á
captación de talentos, o cal os sitúa no camiño de ser futuros
equipos de podio de Conferencia e quen sabe se de Play Off Nacional.
A quinta é que Casilledín ou Andarela van levar ao
final de temporada unha billarda de metal para as súas
lacenas.
| En primeiro plano Xosé Rial (ARMADIÑA-Combarro-Poio) |
| Ignacio (ARMADIÑA-Combarro-Poio) |
| Carmen Nai (GHARABOTO-Marín) |
| Alexandre (CASILLEDÍN-Barrantes-Ribadumia) |
| Roberto (ANDARELA-Meaño) |
Os equipos seguen preparándose para a xornada de Castrelo. A superficie de terra pode supoñer unha modificación no salto da billarda o que está provocando a intensificación dos adestramentos.
Tamén, podemos informar da primeira lesión grave da temporada. O gran palanador dos Rinoceronte de Pontevedra, Daniel, tivo que ser sometido a unha artroscopia no seu xeonllo esquerdo. Temos o documento gráfico que nos enviou a LNB Rías Baixas no que aparece o xeonllo recentemente operado de Daniel, así como, o momento no cal puido mancarse. Os servizos médicos do equipo Rinoceronte prevén a recuperación do palanador da Vichona para a xornada de Bueu.
Tamén, podemos informar da primeira lesión grave da temporada. O gran palanador dos Rinoceronte de Pontevedra, Daniel, tivo que ser sometido a unha artroscopia no seu xeonllo esquerdo. Temos o documento gráfico que nos enviou a LNB Rías Baixas no que aparece o xeonllo recentemente operado de Daniel, así como, o momento no cal puido mancarse. Os servizos médicos do equipo Rinoceronte prevén a recuperación do palanador da Vichona para a xornada de Bueu.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
























