billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CRÓNICA 13 XORNADA DÍA 2

ARMADIÑA

   Vemos á Armada de Poio ante a Pedra da Billarda. Foi unha xornada magnífica en todos os sentidos. Grazas Armada Celeste por facer do 8 de abril un día especial para a LNB. Por outra beira, este equipo non descansa e vemos na foto como xa está intentando reforzar o equipo para a temporada que vén con Juanma, unha das grandes promesas, senón realidades, da Billarda Galega. De todos os xeitos, sabemos que acaba de renovar por Lúa de Forza, entón as negociacións van ser complexas. 




 
   Aínda que as palmeiras axudaban a parar o vento, non houbo maneira de evitar os seus efectos. Ademais o terreo de xogo do Reiboa Billarda Estadio é moi esixente. Entre os pedregullos, os terróns con herba e a terra salgada da Seca, resentíronse as puntuacións. Así, entre o Top Dez os puntos foron menos do habitual. Só Ricar e Álvaro chegaron aos 20 ptos. Despois Xan, Che e Luís Rino superaron os 15 puntos e mantiveron posicións. O resto apenas chegou aos 10 puntos como fixeron Salva, Luís Camiña e Fari. Bego e Lito quedáronse en 9 puntos. 





   O gran triunfador da xornada foi Luís Enrique. O de Vallecas foi de menos a máis e superou na final a Suso Coedo e a Daniel Rodiño. A xenerosidade da xente de Poio é lexendaria, e unha vez máis fixo honor á ela. Así, deixaron subir ao podio a un madrileño afincado en Pontevedra e a un de Ribadeo, deixando o derradeiro posto do podio a un do Concello de Sanxenxo. Non quixeron quedarse con nada. O desprendemento desta xente non ten comparación na LNB. 





   Despois de sumar os puntos da xornada a Clasificación Individual Absoluta queda dividida en 3 zonas ben delimitadas que son, a Zona do Título, na que seguirán competindo ata a última xornada Xan, líder desde a 2ª xornada de liga, e Ricar, que na 4ª xornada situose na segunda posición e desde aquela foi recortando puntos ata os 9 actuais. A Zona do último lugar do Podio, na cal Che e Salva relévanse desde o mes de novembro. A distancia de 4 puntos é favorable ao de Pontevedra. Logo, vén a Zona do Top Dez. Bego descolgouse definitivamente das opcións de podio e agora vese obrigada a defender a quinta posición, xa que ten a Lito, Luís Camiña, Fari, Luís Rino e Álvaro a menos de 25 puntos de distancia. 


   


   Na parte media da clasificación hai un grupo de palanadores que teñen moi ben encamiñados os seus pasos cara á clasificación para o Play Off 2017. Pensamos isto, tanto polos puntos que teñen como polas súas prestacións. Deste xeito, Suso, Juanma, Salgue, Charri e Luís Gon, estiveron todo o ano nestes postos e incluso non descartamos que ao final entren no Top Dez. A partir de Luís, cremos que é zona de perigo, pois quen vén por detrás tratará de agotar as últimas posibilidades. Faltando 93 puntos en xogo nada é definitivo. Non obstante, o nivel de xogadores como o mencionado Luís, Lu, Manolo Fariña e Daniel, todos ganadores dalgunha xornada de Liga e no caso da de Beluso Bicampioa Nacional na Categoría Feminina, fainos pensar que estarán entre os elixidos.   



  


  
 A partir de aquí xa entramos en zona Quente, non en Terra Quente, pois este sería territorio de Valpaços. O corte para o Play Off, actualmente está en 24, polo tanto Ricardo Lois, Cris, Álvaro Pai e Manolito non ven con tranquilidade o presente, pero non o futuro. Martín, Carolo, Gerardo Torres Adriana poderían acercárselles e poñer en cuestión a súa praza. Tanto, Elena como Taxeiro están un pouco máis lonxe e deberían estar cerca dos 20 puntos por xornada de aquí ao final se queren ter algunha opción. Un mal día teno calquera!..., e un bo tamén!


    



   Unha estatística moi interesante é a que nos mostra aos xogadores máis en forma dos últimos meses. Comprobamos, sorprendentemente, que a pesar de estar entre os mellores destas 3 últimas xornadas os gurús da Conferencia son superados por Juanma. O Campión Nacional Infantil está nun momento de forma incrible e non o descartamos como opción a ser Coroceiro Nacional. Estaría cerca do podio se non faltara a 3 xornadas de liga.  








Ningún comentario:

Publicar un comentario