billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

1ª XOR CRÓNICA


PARTICIPACIÓN
TOTAL75
Homes54
Mulleres21







   Despois das fichaxes deste verán e dos duros adestramentos físicos e psicolóxicos podemos afirmar que as dúas prazas na categoría de Equipos que este ano dan dereito a participar no Play Off van estar disputadas por máis equipos que o ano pasado, xa que, tanto LAXE DE RONS como VALPAÇOS reforzáronse moi ben e poden entrar na loita. 
   Nos anos que leva a nosa Conferencia sempre houbo uns equipos dominadores, que teñen os nomes de CORREDOIRAS e GHARABOTO, despois incorporouse a esta lea  LÚA DE FORZA, e posteriormente RINOCERONTE. En cambio, este ano pode trocar esta supremacía, no sentido que o equipo do Grove e o de Vigo van estar máis cerca dos potentes equipos da Ría de Pontevedra. 
   Certamente, a liga dura 9 meses (un embarazo) e os resultados da primeira xornada non son máis que orientativos dunha tendencia, que deberemos confirmar nas vindeiras xornadas, mais xa se veu sobre a pista que LAXE DE RONS tivo a dous xogadores na fase de cruces e un deles Ricardo Lois obtivo o 3º posto do podio. VALPAÇÓS TERRA QUENTE tivo a tres integrantes na fase de cruces e Salgue obtivo o 2º chanzo do podio. 
   Entre os dous máximos favoritos GHARABOTO e CORREDOIRAS houbo 23 ptos de diferenza a favor d@s de Bueu, o que pode considerarse unha pequena sorpresa, pois aínda que CORREDOIRAS estivo non seus números do ano pasado o equipo de Marín estivo por debaixo das espectativas. Aínda así, seguen sendo favoritos para ocupar unha das dúas primeiras prazas.
   O máis salientable desta clasificación de equipos é que por primeira vez nos anos que leva xogando na Conferencia Rías Baixas o equipo de Vigo, VALPAÇOS TERRA QUENTE, está en posición de Play Off. Están empatados a ptos con LAXE DE RONS, pero por mellor resultado na xornada dun dos seus xogadores (2º posto de Salgue) ocupan a praza de Play Off. 

En canto ás categorías individuais dicir que @s favorit@s para obtar ao título absoluto están nos seus números doutros anos, quizais Daniel de RINOCERONTE, Carolo de CORREDOIRAS e Luís Camiña de GHARABOTO son os que terán que recuperar ptos noutras xornadas, pois tiveron unha discreta actuación. 
   Na categoría feminina produciuse un feito que non sucedía desde había 3 temporadas. Bego non ocupa a primeira posición. Este feito resalta máis os logros da de Bueu, que desde a 7ª xornada 2013-2014 ocupou a primeira posición da categoría feminina durante todas as xornadas disputadas. Non creo que ninguén poida superar esta marca (ou si... ela mesma). Así, sabemos que outras competidoras teñen potencial para estar no máis alto da clasificación. Nesta ocasión é Tania do equipo de Vigo, quen tivo unha actuación espléndida. De todos os xeitos, as favoritas mantéñense a unha curta distancia, excepto Elena de GHARABOTO que só conseguíu 4 ptos e vai ter que recuperar 16 ptos de desvantaxe coa líder, xa que Elena ten potencial para intentar conseguir o título, como xa fixo na temporada 2011-2012. 
    Na categoría infantil Adriana de VALPAÇOS TERRA QUENTE situouse na primeira posición por diante do actual Campión LNB da categoría e da Conferencia, Juanma de LÚA DE FORZA. 

   En definitiva, non é máis que a primeira xornada e toda esta análise dos resultados vai cambiar, probablemente na seguinte xornada de Vilalonga (Sanxenxo 17 setembro), posto que a Billarda é un deporte no que o factor emocional e psicolóxico inflúe dun xeito imprevisible e despois dun golpe magnífico pode vir outro decepcionante. Ao mesmo tempo, catro carreiras excelentes poden acarrexar unha última na que non metas a billarda nin dentro do campo en catro golpes. Polo tanto, "se chove... que escampe"