ACTAS
Con 68 participantes e
unha velocidade considerable do vento norte celebrouse a 2ª xornada
da LNB na súa Conferencia Rías Baixas, que se desenvolve nas
Comarcas do Salnés, O Morrazo, Pontevedra e Vigo. Esta vez, a
situación do terreo de xogo ao lado do mar condicionou a técnica de
golpeo dos competidores e competidoras, xa que cando a billarda
saltaba ao aire o vento modificaba a súa traxectoria e o impacto de
desprazamento sobre a billarda tiña que facerse moi lonxe do lugar
ideal. Deste xeito, ou había que mover moi rápido as pernas para
buscala a uns metros do sitio de elevación ou se acercaba moito ao
corpo e non había xeito de golpeala. Así e todo, palanadoras e
palanadores souberon adaptarse ás condicións eólicas, uns facendo
saltar menos as billardas, outras esperando a un instante de tregua
do vento para dar o golpe.
En definitiva, despois
desta segunda xornada as clasificacións individuais seguen
respondendo ás expectativas, pois encabezan as mesmas xogadores e
xogadoras que entran nos prognósticos de calquera experto ou experta
no eido da LNB para ser futuros campións e campioas de
Conferencia. Así, na categoría feminina, Lu, bicampioa LNB,
sitúase na primeira posición por diante de Bego, con un único
punto de avantaxe, aproveitando a ausencia de Tania. As tres loitarán ata o final polo título ademais de Chefa e Belmira, que de momento están bastante detrás. Na
individual Absoluta podemos ver como os 10 primeiros postos están
ocupados por xogadores xa consolidados na LNB e algunha sorpresa...
esperada. Salva, o máis novo da categoría absoluta, está a só
dous puntos de Xan, o actual campión de Conferencia. O potencial
deste palanador de Bueu aumentou na última temporada o cal fai del
unha alternativa sólida para loitarlle o título aos ex-coroceiros,
Ricar e Xan, así como aos Top 10 da Conferencia que son Fari, Che,
Luisgón, Salgue, Lito e Lu. Outro caso máis expectacular é o de
Charri, que debutou o ano pasado e xa entra nas quinielas para ocupar
as prazas de honor. Non podemos esquecernos tampouco de dous Top 10
dos últimos anos como Luís Pirucha e Luís Camiña, que de momento
estalles custando arrancar con boas sensacións, pero non tardarán
en escalar ata as altas posicións. En infantil, Juanma, o actual
campió,n distanciouse en 9 puntos de Adriana. Geno, unha
alternativa moi seria ao de Lúa de Forza, non acaba de ter boas
actuacións. Martiño debutou na segunda xornada e vai estar aí
cerca do podio.
En cambio, a categoría de equipos segue un guión de igualdade para alcanzar a segunda praza, o que nos vai traer de seguro unha temporada emocionantísima. Por suposto, como se prevía, a primeira posición ten un dono absoluto que é o equipo de Bueu, Corredoiras, que avantaxa en 58 puntos ao segundo equipo. Un equipo que xa xogou con 19 palanadores e palanadoras dos que 7 están situados nos 10 primeiros postos da clasificación xeral, polo tanto, teñen un equipo moi numeroso e ademais son competidores e competidoras de moito nivel.
O segundo posto da clasificación, e que dá acceso ao Play Off Nacional, está aberto a 5 equipos. Soamente hai vinte puntos de diferenza entre o 6º clasificado Valpaços Terra Quente e o 2º clasificado Lúa de Forza. A pesar de que, por cadro de xogadoras e xogadores, Gharaboto partía con certo favoritismo para esta segunda praza, de momento os resultados do equipo de Marín están sendo discretos. Coa desaparición de Zume de Vimbia conseguiron fichar aos seus xogadores e xogadoras o que subiu o seu nivel do ano pasado, no cal quedaron sen competir no Play Off ao ocupar a 4ª praza. Entón, en boa lóxica, teñen máis potencial, pero xa utilizaron 21 xogadores entre homes e mulleres, e non obstante ocupan a 4ª posición, aínda que a só 12 puntos do equipo segundo clasificado. O sentido común afirma que este equipo debería estar loitando con Corredoiras pola primeira posición para dificultarlle o título aos de Bueu, aínda que sempre con vantaxe para estes últimos. Nesta xornada, só Luisgón estivo a un alto nivel obtendo 20 puntos. Os seus Top 10, Álvaro e Luís non chegaron aos 10 puntos. A ausencia de Luís Camiña e Gelín notouse.
Un chanzo por debaixo destas escadras estarían, Rinoceronte e Lúa de Forza, que ocuparon o podio o ano pasado. O equipo lunar está mantendo o nivel a pesar das baixas de Andrés e Ginés, dous xogadores Top 10 que este ano non están no equipo, e das poucas incorporacións. Unicamente conseguiron traer a Manolito. Están encontrando atrancos para confeccionar un cadro de xogadores e xogadoras con garantías de soportar todo un ano optando á esa posición privilexiada que ocupan actualmente. A lóxica dinos que sería unha sorpresa enorme que aguantaran a posición.
Os Rino seguen na boa dinámica do ano pasado no cal chegaron a ocupar a terceira posición nas Finais Nacionais. De momento utilizaron 10 xogadores, xogadoras, entre os cales non están os irmáns Genio e Javi, que subirán o nivel do equipo cando participen. Nesta xornada salientar que Juanma, un dos Top 20, tivo unha actuación pouco afortunada, pois sumou unicamente o punto de participación. Isto foi un obstáculo máis para que os da capital non estiveran máis arriba. A pesar disto conseguiron 70 ptos. Notouse a incorporación de Cris e Alberte e a boa actuación dos seus xogadores Top 10, Che, Daniel e Luís. O equipo pontevedrés está a 7 puntos da segunda posición.
Laxe de Rons votou en falta a Ricardo Lois ou non estaban preparados para navegar con vento norte, pois quedáronse en 42 puntos, que sería unha puntuación aceptable para eles o ano pasado, pero este ano espérase máis do equipo grovense, xa que mantén o equipo do ano pasado e ademais ten unha nova equipaxe de camisetas azul celeste. Con todo isto deberían estar cerca das posicións altas. De todos os xeitos, están só a 14 puntos da segunda posición e a temporada entrará no frío e humidade das estacións que fan tremer as extremidades.
Valpaços Terra Quente tivo a ausencia de Tania e tampouco soubo adaptarse ao vento ferinte do Salnés o que lles supuxo baixar desde a segunda posición que alcanzaron na primeira xornada á sexta. Nesta xornada só os seus Top 20 Taxeiro e Salgue superaron os 10 puntos. Alfonso non chegou aos 10 puntos e Belmira e Adriana estiveron discretas. Aínda así, están cerca do podio.
Os outros dous equipos compiten en inferioridade de condicións, pois non conseguen facerse con xogadores ou xogadoras para completar o seu cadro. Así, é destacable a implicación e entusiasmo que poñen Triki e Patri para representar a Barrantes na LNB RÍAS BAIXAS con Casilledín. Andarela xogou cun único representante nesta xornada, Moncho, que tivo unha boa actuación con 10 puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario