billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

DENA 7ª xornada CONSAL

Estando o mar calmo, as chalanas amarradas e a brisa da mañá recén levantada, empezaron a chegar a OS PASALES palanadores e palanadoras de varios concellos da comarca e de fóra da comarca. Concretamente, houbo persoas de MARÍN, BUEU, MOAÑA, MOS, MEAÑO e SANXENXO. En total, 32 participantes. Foi unha xornada caracterizada polo nordés que axudou a que a madeira das billardas estivese a unha temperatura ideal para a competición.

Un reporteiro gráfico do DIARIO DE PONTEVEDRA estivo realizando unha reportaxe fotográfica. Cando saian as fotos no xornal avisaremos.

O concello de Meaño entregou varios agasallos entre os participantes. Ao mesmo tempo houbo polo menos 10 espectadores (persoas que se desprazaron unicamente para mirar a xornada, como se dun encontro deportivo se tratase... que diso se trata, precisamente).

Os resultados podedes consultalos na sección correspondente. Mais, un dato a destacar é que 7 persoas: LOLO, ANA TACÓN, ARES, PABLO, FERNANDO, CRISTINA e PEPE, incorporáronse por vez primeira á nosa conferencia e os 5 primeiros debutaron na LNB. Si, 5 novos practicantes, e xa somos 299 en toda Galicia. 67 mulleres e 232 homes que levan o son da madeira por moitos concellos do noso país. Aínda que sexa un deporte minoritario e non apareza nos medios de comunicación tanto como sería o desexable para acercalo aos máis novos, aquí seguimos estes tolos e tolas da billarda. Debemos valorar a misión que temos por diante de transmisión dun saber ancestral: o xogo da billarda. Adiante e grazas a todas e todos por facernos as mañás dalgúns domingos divertidas e alegres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario