billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

3ª xornada POIO CRÓNICA




       O ESTADIO NACIONAL DE BILLARDA de Poio reuniu a 87 xogador@ e a unha chea de seareiros que acompañan aos equipos, ademais de numeroso público ocasional que se acercou a interesarse polo que sucedía alí. En definitiva, máis de 200 persoas estiveron presenciando en algún momento da tarde o espectáculo da LNB. Grandioso!

       En canto ao aspecto organizativo, podemos afirmar que o equipo organizador Armadiña actuou con decoro nos temas de loxística humana e material. Por outra beira, tamén puidemos comprobar como utilizaron todos os recursos legais para acondicionar o terreo de xogo ás características do seu xogo. Como a regulamentación da LNB non fala nada sobre o paso das rodas dun coche para achantar a terra do Estadio Olímpico, pois, entendido e feito! Pola mañá cedo, un integrante do equipo de Poio, con pasamontañas para non ser recoñecido, dedicouse a derrapar sobre o REIBOA ESTADIO para poñer máis obstáculos aos xa naturais deste magnífico Campo de Billarda. En definitiva, a estratexia habitual deste equipo, facer calquera cousa para subir ao podio. Mais, como non as tiñan todas consigo, estableceron, por se acaso unha inédita Categoría de Xogador Local. Finalmente, conseguiron subir aos tres lugares do podio na Categoría Local. Fantástico!



       ACTAS


      CLASIFICACIÓNS 

     
       Salgue foi o gran triunfador da xornada. O xogador de VALPAÇOS TERRA QUENTE (Vigo) inscribiu, por vez primeira, o seu nome no Ranking LNB como vencedor dunha xornada na Conferencia Rías Baixas. Despois dunha fase de grupos na que se clasificou en segunda posición foi eliminando a quen se lle puxo diante, ata ganar cun golpe precioso que atravesou o varal azul e branco do BILLARDA ESTADIO. Bego ganou na Categoría Feminina e Oscar do equipo local Armadiña confirmou a súa recuperación despois da lesión e fixo máis puntos que ninguén na categoría Infantil. Na Categoría de Equipos ganou o equipo de Sanxenxo, LÚA DE FORZA.




CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
SALGUEVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
RICARCORREDOIRASBUEU
RICARDO LOISLAXE DE RONSO GROVE
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
BEGOCORREDOIRASBUEU
CHEFACORREDOIRASBUEU
LULÚA DE FORZASANXENXO
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
OSCARARMADIÑAPOIO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
LÚA DE FORZASANXENXO
CORREDOIRASBUEU
LAXE DE RONSO GROVE




LÚA DE FORZA (Sanxenxo)



SALGUE Valpaços Terra Quente (Vigo)



BEGO Corredoiras (Bueu)



OSCAR Armadiña (Poio)

       Algo que está sucedendo este ano é que a igualdade entre os equipos é maior. Comprobade a gráfica de abaixo. A temporada pasada, xogadas 3 xornadas, Corredoiras sacáballe ao segundo equipo 46 ptos, esta temporada 24 ptos, e ao terceiro 82 ptos, esta temporada só 24 ptos. En definitiva, non é irracional pensar que pode haber 3 equipos con opcións de título, xa que Lúa de Forza está confirmando que se reforzou moi ben este verán e Gharaboto segue cun equipo de moitos diamantes. 
     Unha cifra que abasalla é a seguinte: o ano pasado das 16 xornadas, Corredoiras ganou en 11, deixando 4 para Gharaboto e 1 para Lúa de Forza. Este ano, Lúa de Forza xa ganou máis xornadas que en toda a temporada anterior, pois leva ganando estas dúas últimas xornadas. Isto é xenial para a competición. Tamén, hai que destacar a actuación de Laxe de Rons, que ocupa por vez primeira o cuarto posto da xeral, por diante do noutrora podio Nacional Rinoceronte. Armadiña conseguiu a súa mellor actuación da temporada e Valpaços estivo discreto. Andarela estivo moi froxo, e só sumou os puntos de participación.



       

ELEFANTIÑA ou como derrubar o mito do BILLARDA ESTADIO



ELEFANTIÑA
       O equipo Armadiña quere premiar a quen consiga o primeiro varado da historia do ESTADIO NACIONAL da BILLARDA da Reiboa cunha figura de artesanía que representa a constancia e calma do Elefante. Aínda non pagaron a peza, pois non cren que ninguén consiga a proeza. Consideran que este Campo Olímpico debe conservar a súa sona de inexpugnable ata o fin dos seus días. Entón, como fixeron grandes persoas que remataron invictos a súa carreira deportiva queren que sexa unha praza forte inconquistable para todo brazo humano. A figura estará no campo para motivar as persoas máis AFOUTAS do país. Xa non que o trofeo sexa unha peza única de incalculable prezo, senón que a misión imposible de alcanzar 50 metros cun golpe de billarda é demasiado atractiva como para que se mobilice a comunidade billardeira. Nas Conferencias do Norte están preparando autobuses e carros de dúas vacas con palanadores e palanadoras que queren derrubar un mito: os invencibles varais azul e branca do REIBOA BILLARDA ESTADIO.

       Ata o momento, ninguén conseguíu varado algún, nin en adestramentos nin en competición oficial. Certo é que ten apenas 6 meses de existencia, pero algo hai na contorna da Reiboa, será o vento insistente da Ría que golpea en contra dos varais, será o sol que dá nos ollos dos xogadores, será o salgado do aire, serán os fumes de Ence na distancia ou quen sabe que especie de conxuro, o que podemos asegurar é que terán que facerse realidade as palabras da maldición que seica pesa sobre este terreo conquistado ao mar:

"ninguén atravesará dun golpe o varal, 
ata que cambie o sabor do sal".

CONTA ATRÁS






       A 72 horas do comezo da terceira xeira da LNB na súa Conferencia Rías Baixas, o Billarda Estadio da Reiboa, loce a súa cara máis fermosa. Terra, herba, pedra e ese aroma salgado da Ría de Pontevedra esperan á comunidade da billarda. Este vindeiro sábado 30 de setembro reunirase, sobre o terreo conquistado ao fútbol pola "tribo pacífica dos paláns", o máis selecto deste xogo marabilloso. 
       Por outra beira, o equipo local Armadiña vai desviar os cheiros que emite Celulosas cara ao sur, aínda que só durante as horas que dure a xornada, usando un artefecto innovador chamado "Fol". Serán trece mil foles da "escola de música tradicional de Poio", coa axuda inestimable "dos de Marín", quen se encarguen de soprar cara a Lourizán mentres xogadoras e xogadores loitan pola gloria. 

3ª XORNADA POIO






       Armadiña está rematando as actuacións de mantemento no Estadio da Billarda da Reiboa para que a superficie de xogo estea en perfectas condicións. Debido ao continuo uso do Billarda Estadio para os adestramentos de varios equipos da Conferencia, hai que proceder ao seu coidado, cada certo tempo, e que mellor ocasión que a disputa da terceira xornada da LNB Conferencia Rías Baixas. 
       Ao mesmo tempo, chegounos unha filtración de certas intencións pouco éticas por parte do equipo de Poio. Seica, para este ano poder subir ao podio de todas as categorías teñen pensado pasar a mangueira minutos antes do comezo da xornada. As súas xogadoras e xogadores están afeitos a terreos húmidos e salgados, polo cal van utilizar auga de mar para o regado. 
         

PARECIDOS RAZONABLES







      Se os parecidos anteriores eran razonables, este parecido ademais de razonable é asombroso. Haberá que investigar se hai relación familiar entre Gelín (Gharaboto-Marín) e Sir Ben Kingsley ("nado o 31 de decembro de 1943 en SnaintonNorth Yorkshire, é un actor inglés de cinema. Aínda que é coñecido por Ben Kingsley, o seu nome orixinal é Krishna Pandit Bhanji". Fonte: Wikipedia en galego).

XORNADA 2 CRÓNICA


       Os datos de participación manteñen a tendencia dunha media de 73 participantes. Algo magnífico, pois significa que se mantén a media dos anos 2015 e 2016. A media de participación do ano pasado foi algo fóra das previsións, xa que se alcanzou a media de 83 participantes. Esperamos manter esta fidelidade de tantas persoas que manteñen viva sobre a terra galega a billarda.





SALVA Corredoiras-Bueu

       

       O gran triunfador da xornada foi SALVA, que rematou a xornada cun extratosférico varado (campo olímpico de 50 m x 20 m). Mais tivo que ser no desempate da final contra Juanma, o palanador en idade infantil que estivo a piques de facerse coa súa segunda vitoria absoluta en xornada de liga. O de Lúa de Forza sitúase na segunda praza da xeral, a tan só un punto do líder. Outro que está de volta da longa travesía do deserto é o Piru. O billardeiro da Torre recupera o seu xogo e as súas posibilidades de estar loitando de novo por estar entre os grandes da categoría. Quedou en terceira posición e prometeu buscar, este ano si, algún título de regularidade na súa Conferencia xenealóxica. 




       A xornada foi ganada por LÚA DE FORZA, que deste xeito entra en praza de Play Off. A igualdade de forzas que se preveía esta temporada quedou demostrado na xornada de Moscoso. Deste xeito, aos dous grandes, CORREDOIRAS e GHARABOTO, separáronos dous puntos, e o equipo de Sanxenxo, coas novas incorporacións xa en pleno rendemento, superou a eses dous equipos en 1 e 3 ptos, respectivamente. 
       Na Categoría de Equipo Feminino, o equipo Valpaços Terra Quente volveu ganar a xornada e pon terra por medio cos outros equipos. Evidentemente, o equipo morado é o claro favorito para levarse o título, pois o seu potencial non ten comparación con ningún equipo de toda a LNB, incluíndo ás outras conferencias. Só Gharaboto poderá manter o ritmo da marea morada, pero sempre desde a distancia. 


VALPAÇOS TERRA QUENTE-Vigo





       Despois de 2 xornadas, parte dos favoritos ao título xa están en zona noble. Xan sitúase na primeira posición, pero seguido moi de cerca polos que están detrás. Salientar no Top Dez a situación de Juanma que semella querer loitar, neste último ano de infantil, polo título absoluto, algo que quedaría para a historia se o conseguise. O regreso de Luís Piru á loita polo título é outra nova alegre para a saúde da competición. Parece que superou os seus problemas de confianza do ano pasado e xa está cerca do alto nivel que tivo noutro tempo. Os demais postos están ocupados por palanadores TOP, como Salva, Luís Camiña, Ricar, Lito, Dani, Fari e Ricardo Lois.



       Na Categoría Feminina, Zaira refrendou as súas firmes intencións de ser candidata ao título e defendeu a distancia adquirida na xornada primeira. Adriana acercouse á súa compañeira de equipo facendo máis puntos que ningunha outra xogadora, nesta xornada. Bego xa se sitúa en terceira posición e a pesar de estar nunha media de 10 ptos por xornada, xa empeza a recuperar o terreo perdido. Por detrás xa vén a Campioa Nacional actual, Chefa, e un pouquiño máis atrás, a Bicampioa Lu. Este ano vai estar moi emocionante esta categoría, pois ás xa tres consagradas Campioas de Bueu súmanselles as dúas novas estrelas de Valpaços Terra Quente, quen por idade e talento estarán loitando esta temporada polo podio e que sabe se polo título. 



        Na Categoría Infantil, Juanma iniciou o camiño que o levará previsiblemente a un novo Título. Aínda que Adriana e Oscar van facer o posible para poñelo en algunha dificultade. Adriana, actual Campioa Nacional deste Categoría Infantil seguro que vai estar cerca de Juanma. O caso de Oscar é para destacar, pois está competindo sen estar perfectamente recuperado da súa fractura. Veremos ata onde pode chegar cando teña a alta médica. As demais nenas e nenos continúan coa súa progresión, tendo en conta que só Ainhoa pasa dos 10 anos. 

O QUE NON SE VE         




       Na xornada de Moscoos houbo varias circunstancias que convén reseñar e deixar por escrito para que todas e todos poidamos xulgar. En definitiva e resumindo, por deferencia de Rinoceronte, nesta xornada houbo premio para o equipo con máis puntos. Pois ben, sumando os puntos das actas aparecía Corredoiras con 81 ptos, Lúa de Forza con 80 e Gharaboto con 79. Segundo as matemáticas, a "empanada de bacallau" iría para o equipo de Bueu. Mais, unha vez chegadas as actas á sede da delegación LNB Rías Baixas, o programa informático de revisión de actas descubre un erro na suma das puntuacións de Juanma, Lúa de Forza, grupo D. Despois de investigacións profundas descubriuse todo o asunto. Hai varias reclamacións presentadas ante o comité de disciplina da LNB. Está estudando o asunto e ao final desta semana tomará unha decisión, despois de escoitar aos implicados. De momento, Fari (xuíz que sumou as puntuacións) e Corredoiras están ás portas da neveira LNB. 

       Que cada quen analice e opine!


2ª xornada MOSCOSO-PAZOS DE BORBÉN



       Moscoso é Terra Rino, entón haberá que ir preparados e preparadas para todo. Desde un terreo de xogo invadido por gramón e silvas, pasando por unha choiva persistente, ata a presenza ameazante de cabalos asilvestrados, sen descartar aos insistentes mosquitos trompeteiros. O nome do campo, LAMEIRA, xa dá bastante información sobre as súas condicións. 

       Por outra beira, estase producindo unha metamorfose en varios xogadores do equipo de Pontevedra. As evidencias non deixan lugar ás especulacións. Vemos dúas fotos que foron recollidas na primeira xornada do Grove que confirman esta afirmación. Esta transformación afectará ao seu xogo e volverase máis agresivo? Verémolo en Moscoso!



       

EQUIPOS FEMININOS

       Creouse unha nova categoría dentro na LNB Rías Baixas patrocinada polo blog TODOLNB. A intención desta nova categoría é a de fomentar que os equipos se reforcen e busquen nenas, mozas e mulleres para xogar á billarda. Evidentemente, hai varios equipos que sempre tiveron presente que a muller é un valor fundamental para este deporte tradicional e nutríronse delas para fortalecerse. 

       Así, os claros favoritos para conseguir o título nesta nova categoría son VALPAÇOS TERRA QUENTE e GHARABOTO. A certa distancia estaría Armadiña. Os demais equipos deberán fichar se queren optar ao título. De todos os xeitos, a marea morada xa encabeza con bastante vantaxe sobre as de Marín, sobre todo, pola actuación sobresaínte de Zaira






       Hai polo menos unha xogadora en cada equipo, algo fantástico! Vendo as xogadoras de todos os equipos, pensamos e afirmamos que só vemos a tres escadras con opcións serias de título: Valpaços, Gharaboto e Armadiña, pois o outro equipo que superou os 10 ptos é Corredoiras, pero con só dúas xogadoras, aínda que sexan dúas coroceiras, cremos que o van ter moi difícil para subir ao podio. Os demais equipos ou se reforzan de estróxenos e proxesterona ou non van ter nada que facer ante o empuxe dos equipos máis numerosos. 



CRÓNICA XORNADA 1 O GROVE

        



       Aquí temos as aliñacións dos equipos na primeira xornada do Grove. De novo, o actual estrela azul da LNB (CAMPIÓN NACIONAL 2017) conseguiu sumar máis puntos que os demais equipos. Pero, vemos que Gharaboto non quedou moi lonxe, o que nos fai pensar que este ano si haberá máis igualdade, ou iso parece. Ademais, esta temporada o equipo de Marín ten o cadro de xogadores máis numeroso da Conferencia. Nesta xornada presentou 18 xogadores/as. Só Armadiña e Valpaços teñen orzamento para confeccionar un equipo a ese nivel cuantitativo. Certamente, non sempre se corresponde unha alta puntuación cun número elevado de competidores, mais o normal é que sexa así. Nesta xornada, Corredoiras competiu só con 8 xogadores e conseguiu máis puntos que ningún outro equipo, pero este caso é excepcional, xa que dos 8 xogadores hai 1 coroceiro nacional, e dúas campioas nacionais, ao mesmo tempo que 5 destes xogadores quedaron no Top Dez de Conferencia da temporada pasada.  





       Os demais equipos quedaron lonxe do equipo de Bueu. O equipo Rinoceronte pasou do ben folgadamente e conseguíu 65 ptos, cousa que lle permite soñar coa praza que dá dereito ao Play Off, pois o título é cosa de Bueu e Marín. O equipo organizador Laxe de Rons, acercouse aos 60 ptos, e con 59 ptos foi primeiro desa clase media que anda entre o aprobado e o ben, sen alcanzar o notable. Despois, ven outro equipo con estrela azul LNB, pero que está en época de vacas adelgazadas, Lúa de Forza, que deberá acomodarse á zona media, salvo que as novas fichaxes empecen a render. 




      Aqui veñen os equipos que suspenderon na xornada, ou sexa, que non acadaron os 50 ptos. Valpaços alcanzou os 47 ptos. O equipo morado é unha aposta de futuro, xa que presentou 7 xogadores/as por debaixo da maioría de idade, sendo o equipo que máis competidores/as en idade infantil presentou. O potencial do equipo da Terra Quente está na súa sección feminina. O único equipo que lle pode facer fronte nesta sección é Gharaboto. Será unha dura pugna. Armadiña tamén é un valor de futuro. Xogou con 5 xogadores en idade infantil. Nesta xornada cumpriron o seu gran soño desde que iniciaron a súa traxectoria na LNB: subir a todos os podios en algunha xornada. Cerraron o círculo no Grove, pois a única categoría que lle faltaba era a feminina, e foi Elena quen conseguíu o segundo posto. Hai que ter en conta que na categoría absoluta faltáronlle os seus xogadores número 1 (Peque), 3 (Papi)  e 4 (Cho). En féminas teñen un equipo moi potente que competirá con Valpaços e Gharaboto para optar a ese título feminino por equipos (nova categoría). Andarela presentou por vez primeira desde hai un ano equipo completo de 4 xogadores.










       Haberá unha nova Categoría nas clasificacións de Conferencia que será a de Equipos Femininos e que terá os seus trofeos finais de Conferencia (Trofeo TODOLNB). Sumaranse as 4 mellores puntuacións femininas de cada equipo. O obxectivo é fomentar a participación de nenas, mozas e mulleres. Así que, a buscar talentos! Pódense poñer anuncios solicitando palanadoras para equipo de billarda!

       De momento a clasificación encabézaa o equipo Valpaços Terra Quente de Vigo, por outro lado o gran favorito, con permiso de Gharaboto. 

   Categoría EQUIPOS FEMININOS    
            "Trofeo TODOLNB"

EquipoTotal
6VALPAÇOS TERRA QUENTEVIGOVAL42
2GHARABOTOMARÍNGHA26
1CORREDOIRAS BUEUCOR17
7ARMADIÑAPOIOARM17
4LAXE DE RONSO GROVELAX6
5LÚA DE FORZASANXENXOLÚA6
8ANDARELAMEAÑOAND2
3RINOCERONTEPONTEVEDRARIN1

1ª xornada



       Comezou a temporada 2017-2018 e fíxoo cunha participación de 78 persoas, integradas en 8 equipos. A temperatura fenomenal e a luminosidade axeitada para a práctica da billarda permitiron ver golpes fantásticos. Ao mesmo tempo, a superficie de herba sintética dificultou o salto de moitas billardas. Tamén, foi unha tarde de cintas métricas, pois as dimensións dos campos de xogo (50 x 20) fixo que houbera que dar puntos por proximidade, para o cal houbo que medir varias veces. Os centrímetos tan necesarios noutras actividades tiveron moita trascendencia á hora de sumar puntos. 
       Os equipos presentaron as novas fichaxes. Así, Corredoiras foi o Barcelona da LNB, xa que lle quitaron a varios dos seus xogadores pagando cláusulas desorbitadas. Deste xeito, Suso foise para GHARABOTO, Carolo e Lu para LÚA DE FORZA. Veremos se estes movementos debilitan ao equipo de Bueu, actual CAMPIÓN NACIONAL, e fortalecen a GHARABOTO, actual Subcampión de Conferencia e a LÚA DE FORZA, un Campión Nacional atravesando o deserto da renovación do seu cadro de xogadores e xogadoras. 
       En canto aos resultados desta primeira xornada salientar que entre os 7 xogadores que alcanzaron polo menos os 20 ptos están grandes palanadores que optan ao título final. Ricar proponse este ano estar arriba desde a primeira xornada para non ter que recuperar puntos ao final. O de Bueu conseguíu o triunfo nunha final que compartiron Ricardo Lois e Xan. O do Grove exercía como local e tivo unha tarde magnífica. Está a só un punto do de Corredoiras. Xan, Outeiro e Dani semella que confirman o seu nivel e serán candidatos ao título. Luís Camiña e Luís Piru tampouco queren distanciarse do podio na primeira xornada como lle sucedeu a temporada pasada. O Top Dez cérrano Juanma e Alberte. Juanma ten talento para loitar polo título e o de Rinoceronte é unha sorpresa agradable. Vermos se é quen de aguantar toda a temporada nos postos de clasificación para Play Off, que é o seu obxectivo. 
       Mais, hai unha sorpresa maior que a de Alberte, pois ZAIRA sitúase no 6º posto da xeral con 20 ptos a tan só 5 do primeiro posto. O progreso desta palanadora da Terra Quente xa se vislumbrou nas xornadas finais da pasada temporada, pero ninguén prevía que xa na primeira xornada deste novo ano estivese competindo cos máis grandes da LNB. Ademais, encabeza a categoría feminina con 8 puntos de diferenza .  




ACTAS

ABSOLUTA
3º- XAN       1º- RICAR       2º- RICARDO LOIS



FEMININA
3ª- MARÍA SILVA         1ª- ZAIRA          2ª- ELENA


INFANTIL
3ª- ADRIANA         1º- JUANMA           2º- OSCAR













       CORREDOIRAS ganou a xornada. Non se resentiron da marcha de 3 dos seus mellores palanador@s. O que sucedeu foi que GHARABOTO estivo moi cerca dos Campións Nacionais, algo que presaxia máis igualdade este ano entre os dous grandes da Conferencia. RINOCERONTE alcanzou un terceiro lugar que é o posto que terá que loitar, pois por potencial non pode competir polas dúas primeiras prazas, o mesmo que lle sucederá a LAXE DE RÓNS e a LÚA DE FORZA. VALPAÇOS e ARMADIÑA ocuparon as posicións que ocuparon o ano pasado. 









OSCAR de ARMADIÑA

       O afouto Oscar non veu impedimento nas muletas que ten que usar pola fractura de tibia e peroné que sufriu xogando ao fútbol, e non só xogou, senón que acadou o segundo posto na categoría infantil, sumando ademais uns 8 puntos moi valiosos para o equipo de Poio.