billardariasbaixas@gmail.com

billardariasbaixas@gmail.com

CATEGORÍA ABSOLUTA
Fari alzouse coa xornada. No desempate ganoulle a Che que conseguiu o maior número de ptos de todos os competidores. Na terceira posición estivo a sorpresa , pois Charri, quen nas últimas tres xornadas fixera 22 ptos, conseguiu 21 ptos e subiu ao podio.




                        CATEGORÍA FEMININA
Bego volveu a repetir a primeira posición da xornada anterior e afiánzase na primeira praza da xeral. Chefa ocupou a segunda praza e Elena a terceira



                      CATEGORÍA INFANTIL
Subiron ao podio da categoría infantil os dous primeiros clasificados da xeral, Juanma e Adriana, e tamén o fixo, Oscar de Armadiña, que das catro xornadas na que participou esta é a segunda na que o fai. 







CATEGORÍA FEMININA





CATEGORÍA INFANTIL








8ª XORNADA CRÓNICA

PARTICIPACIÓN
92

29 mulleres
63 homes



   A pista de Beluso quedouse pequena para tanto palanador e palanadora. De novo superouse a mellor marca de participantes da temporada con 92 persoas. Ademais, estableceuse a mellor marca histórica da LNB en canto á participación feminina. Nunca antes participaran 29 mulleres nunha xornada da LNB desde a súa creación, aló por outubro do 2005. Sinal evidente de que o deporte da billarda sempre será de xénero feminino.


   


   O equipo organizador, Corredoiras de Bueu, preparou a pista para que se adaptase ás súas condicións, como se dunha eliminatoria de Copa Davis se tratase. E esta estratexia doulle moi bo resultado, xa que non deron opcións aos demais equipos.




    Seica utilizaron os de Bueu unha substancia procedente das algas para dar brillo á superficie do pavillón, o que provocaba destellos inesperados que dificultaban o golpeo da billarda. Na imaxe de abaixo pódese apreciar con evidente nitidez este feito. O comité de competición da LNB Rías Baixas está revisando as imaxes gravadas por se esta medida adoptada polo equipo de Bueu estivese incumprindo algunha das normas LNB, o cal podería levar a repetir a xornada. 




   Pero mentres o Comité analiza os feitos os resultados da xornada fan que Corredoiras se distancie máis do segundo equipo clasificado. Por detrás deles a loita continúa, pois nesta xornada Lúa de Forza superou en 6 puntos a Gharaboto, o que fai que o equipo de Sanxenxo se acerque a un só punto do equipo de Marín. Rinoceronte segue perdendo puntos en relación aos tres primeiros e cada vez ten máis difícil optar ao podio. Laxe de Rons e Armadiña, con boas actuacións, conseguiron superar os 50 puntos e continúan cos seus obxectivos intactos, que son para o equipo do Grove a 5ª posición e para o equipo de Poio chegar á 6ª praza que ocupa actualmente Valpaços Terra Quente. Tamén, actuación aceptable de Andarela que con 3 xogadores pasou dos 20 puntos. Outro caso foi o de Casilledín conseguíu unicamente 4 puntos, aínda que é comprensible dado que xogaron dúas palanadoras e para unha delas esta foi a súa terceira xornada LNB.








CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
FARICORREDOIRASBUEU
CHERINOCERONTEPONTEVEDRA
CHARRICORREDOIRASBUEU
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
BEGOCORREDOIRASBUEU
CHEFACORREDOIRASBUEU
ELENAGHARABOTOMARÍN
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
JUANMALÚA DE FORZASANXENXO
OSCARARMADIÑAPOIO
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO




2º OSCAR (Armadiña) 1º JUANMA (Lúa de Forza) 3ª ADRIANA (Valpaços Terra Quente)


3ª ELENA(Gharaboto) BEGO(Corredoiras) 2ª CHEFA(Corredoiras)

3º CHARRI (Corredoiras) 1º FARI (Corredoiras) 2º CHE (Rinoceronte)



CRÓNICA DA 7ª XORNADA

CATEGORÍA FEMININA



   A xornada na categoría feminina estivo dominada, por vez primeira, por Mónica de Gharaboto que chegou ás semifinais dos cruces eliminatorios, ou sexa a un paso da final a tres. En segunda posición quedou Lu, que tamén alcanzou as semifinais. Bego foi terceira. Curiosamente, Bego foi quen máis puntos conseguiu na xornada (26 ptos), o que lle permitiu superar a Lu na clasificación xeral. Agora a de Bueu encabeza a categoría feminina con 5 puntos máis que a bicampioa nacional. Gran actuación a de Mónica (19 ptos) quen nas xornadas anteriores nunca chegara aos 10 puntos. A do Vinquiño adaptouse perfectamente ás condicións de temperatura e humidade do recinto de festas de Castrelo e brillou sobre o terruño cambadés. A outra palanadora que superou os 10 puntos foi Adriana de Valpaços Terra Quente, que se afianza na terceira posición do podio da categoría. 







CATEGORÍA ABSOLUTA


   
   Na categoría absoluta, Salva de Corredoiras fíxose coa xornada por diante de Cho de Armadiña e Xan de Lúa de Forza. Seis palanadores conseguiron 20 puntos ou máis. Xan mantense firme na primeira posición e Ricar, Salva e Che parecen os únicos que lle manteñen o ritmo, aínda que a máis de 30 puntos de distancia. A vitoria na xornada de Salva axudoulle a situarse no terceira posición do podio da Conferencia superando a Che. Entran de novo no TOP DEZ, Bego, Luís e Lu e saen del Luís Rino, Luís Gon e Suso. Salientar a formidable actuación de Cho, que conseguíu a segunda posición da xornada. A pesar de ser un novato xa subiu ao poido. Ten un enorme potencial agora veremos se é quen de refrendalo coas seguintes puntuacións. Outras puntuacións destacadas foron a de Beni de Gharaboto (18 puntos) e a de Albino Caneda de Lúa de Forza (19 puntos), dous xogadores da parte media da clasificación, pero que tiveron un rendemento sobresaínte. 



CRÓNICA 7ª XORNADA


Como se dunha pantalla de proxección se tratase, o Rinoceronte, Cris, préstase a proxectar a súa billarda na tea cinematográfica

A noite rodeou e asediou o recinto de Festas de Castrelo, mais non conseguiu conquistar o espírito d@s participantes.





   Mellor marca de participación desta temporada con 90 participantes. Cifra superada unicamente unha vez ao longo da historia da Conferencia Rías Baixas. Na temporada 2013-2014, na primeira xornada celebrada no Grove, houbo 103 participantes. Lembremos que a marca absoluta de participación nunha xornada LNB está en 108 competidor@s desde a temporada 2009-2010, 3 de outubro 2009 no Porriño, 2ª xornada Conferencia Sur.
   A mellor marca de toda a LNB nunha década de historia estableceuse na categoría infantil con 18 participantes nunha xornada de Liga. Foron 18 nen@s de 14 anos ou menos quen xogaron en Castrelo. A incorporación do equipo de Combarro, Armadiña, está conseguindo anovar a LNB. Este Equipo xa ten 9 xogador@s menores de 12 anos no seu cadro de 21, ou sexa, máis da metade do equipo. Isto está provocando un efecto marabilloso no resto dos equipos. Este efecto chamado “se el@s teñen nós tamén”, está provocando a fichaxe de xogadores e xogadoras en idade temperá polos outros equipos das Rías Baixas. 7 dos 9 equipos da Conferencia xa teñen algún xogador ou xogadora en categoría infantil. Incluso, xa se está estudando a posibilidade de incluír no PLAY OFF NACIONAL 2017 a Categoría Teta.


FANTÁSTICO!!!!



RESULTADOS
CATEGORIA ABSOLUTAdo EQUIPO
SALVACORREDOIRASBUEU
CHOARMADIÑAPOIO
XANLÚA DE FORZASANXENXO
CATEGORÍA FEMININAdo EQUIPO
MÓNICAGHARABOTOMARÍN
LUCORREDOIRASBUEU
BEGOCORREDOIRASBUEU
CATEGORÍA INFANTILdo EQUIPO
ADRIANAVALPAÇOS TERRA QUENTEVIGO
GENOCORREDOIRASBUEU
MARTIÑOCORREDOIRASBUEU
CATEGORÍA EQUIPOSdo EQUIPO
CORREDOIRASBUEU
GHARABOTOMARÍN
LÚA DE FORZASANXENXO



3º-XAN (Lúa de Forza-Sanxenxo) 1º-SALVA  (Corredoiras-Bueu) 2º-CHO (Armadiña-Combarro)




3ª-LU (Corredoiras) 1ª-Mónica (Gharaboto) 2ª-Bego (Corredoiras. Rrecolleu o trofeo Ana)




Mellor marca de todos os tempos na LNB 18 participantes nas categorías infantil e teta.


CATEGORÍA EQUIPOS
   

   O vencedor da xornada foi Corredoiras de Bueu que se quedou a un punto dos 90 ptos. O resto dos equipos quedaron lonxe. Foi segundo Gharaboto con 74 e terceiro Lúa de Forza con 66. Os outros equipos non chegaron aos 60 ptos. Deste xeito, Corredoiras distanciase más no liderado e, como era previsible, Gharaboto xa se situou na segunda praza da xeral. Despois dun comezo moi floxo o equipo de Marín, co cadro de xogadores máis amplio de toda a LNB, está impoñendo a lei desta amplitude e avanza con paso firme cara ao seu obxectivo de comezo de temporada que non é outro que loitarlle o título ao equipo de Bueu, Corredoiras. Quedan xornadas suficientes para acercarse aos do Morrazo, pero o equipo de atletas ten moito fondo e vemos difícil que ninguén lles ofreza resistencia. Mais, se algún equipo está capacitado para facelo, ese é Gharaboto.   
   Lúa de Forza rendiu a un nivel altísimo tendo en conta que presentou 5 xogador@s nada máis. Agora, queda terceiro a 7 puntos do segundo. Rinoceronte que tamén presentou a 5 xogadores sufriu máis e non chegou aos 50 puntos. Despois de obter a puntuación máis baixa da temporada, o equipo pontevedrés queda moi lonxe do podio.
   Na parte media da táboa, Laxe de Rons mantén unha cómoda vantaxe sobre Valpaços Terra Quente, pero non deben descoidarse xa que o equipo de Vigo sacoulles 13 puntos nesta xornada e agora sepáronos 40 puntos.
   Na parte baixa da clasificación Armadiña prosegue a súa remontada e xa é 7º. Casilledín é penúltimo e Andarela continúa coa súa regularidade, pois desde a primeira xornada que conseguiu o último posto xa non o abandonou. Estes dous equipos teñen poucos xogadores e xogadoras e necesitan fichaxes. Así e todo, nesta xornada xa presentaron algunha novidade. Desta maneira, no equipo de Barrantes á incorporación de Noe na xornada anterior uníuselle a do bulideiro Alexandre, quen con 6 anos conseguiu 5 puntos nun grupo onde estaban Luísgon, Lu, Geno, Ricardo Lois, Alvaro Pai, Vanessa, Beni, Cris, Cheli e outros máis. En definitiva, un presente prometedor e un futuro grandioso para este palanador de Ribadumia. En Andarela xogou por vez primeira o infantil Roberto.
   A falta dunha xornada para rematar a primeira volta da competición, algunhas cousas están quedando diáfanas. A primeira é que Corredoiras é o único candidato ao título de Conferencia. A segunda é que Gharaboto vai ter que esforzarse para poñer nubes diante de Lúa de Forza se quere acceder ao Play Off. A terceira é que Rinoceronte debe mirar cara atrás, pois os bateeiros do Grove queren botarlle a boca. A cuarta é que Valpaços Terra Quente e Armadiña son os equipos de moda en canto á captación de talentos, o cal os sitúa no camiño de ser futuros equipos de podio de Conferencia e quen sabe se de Play Off Nacional. A quinta é que Casilledín ou Andarela van levar ao final de temporada unha billarda de metal para as súas lacenas. 

En primeiro plano Xosé Rial (ARMADIÑA-Combarro-Poio)
Ignacio (ARMADIÑA-Combarro-Poio)

Carmen Nai (GHARABOTO-Marín)


Alexandre (CASILLEDÍN-Barrantes-Ribadumia)
Roberto (ANDARELA-Meaño)














   Os equipos seguen preparándose para a xornada de Castrelo. A superficie de terra pode supoñer unha modificación no salto da billarda o que está provocando a intensificación dos adestramentos.

   Tamén, podemos informar da primeira lesión grave da temporada. O gran palanador dos Rinoceronte de Pontevedra, Daniel, tivo que ser sometido a unha artroscopia no seu xeonllo esquerdo. Temos o documento gráfico que nos enviou a LNB Rías Baixas no que aparece o xeonllo recentemente operado de Daniel, así como, o momento no cal puido mancarse. Os servizos médicos do equipo Rinoceronte prevén a recuperación do palanador da Vichona para a xornada de Bueu. 



6ª xornada ANÁLISE Categoría Absoluta


   Esta 6ª xornada caracterizouse pola superficie de cemento do pavillón que favorecía o avance das billardas. Deste xeito, para ganar a xornada houbo que facer varados, e moitos. Houbo 34 varados en total, unha cifra que quedou lonxe do record absoluto LNB que está en 41. A nivel individual si se estableceu o record de varados da conferencia con 7. Na final a tres da xornada presentáronse Luís Camiña e Geno con 2 varados cada un, e Xan con 6 varados. Evidentemente, para ganar había que facer varado e foi o de Lúa de Forza quen o fixo.




   As puntuacións da xornada foron elevadas se temos en conta que 16 xogadores/as conseguiron entre 15 ptos e 19 ptos e 4 palanadores fixeron 20 ptos ou máis. 





   No Top Dez produciuse a entrada de Luís Camiña, quen nas últimas dúas xornadas estivo subido á segunda posición do podio conseguindo máis de 20 ptos en cada unha delas, o cal lle permitiu situarse na 7ª posición. En cada xornada hai algunha actuación sobranceira dun palanador ou dunha palanadora que convén salientar polo inusual do feito. Nesta ocasión foi Pepe "Ghato" quen estivo cerca de alcanzar a final e só sucumbiu ante un varado. Aínda así alcanzou os 21 ptos. Tamén, Geno, en categoría infantil, tivo unha soberbia actuación, pois disputoulle o triunfo da xornada a dous dos máis grandes da LNB. Outro infantil, que debutara na xornada anterior, Oscar de Armadiña, conseguiu 16 ptos e estivo a un desempate de pasar á segunda fase de cruces da xornada. 






   As posicións no Top Dez empezan a aclararse. Así, vemos unha loita polo título na que estarán seguro Xan e Ricar, e na que tamén terán algo que dicir tanto Che (Campión Nacional de Varados) como Salva. O resto dos competidores están demasiado lonxe. Ademais, este ano está caro o primeiro posto, pois a media de ptos que leva o líder é de 25, cifra ao alcance de moi poucos.
   Despois, está a competencia polos postos de honor do Top Dez. Desde o 5º posto ao 10º posto hai 8 ptos de diferenza. En 2 ptos están os postos 7º,8º,9º e 10º con catro palanadores de grande nivel como son Luís Camiña (faltou a unha xornada), Suso, Lito e Luís Rino. Fari está entre dúas augas, pode tirar cara ao podio ou soamente buscar os postos de honor. O palanador de Bueu faltou a unha xornada e deberá remar se quere acercarse ao podio. Luís Gon é a sorpresa deste Top Dez, pois é un palanador irregular que nunca estivera tan cerca do podio na xeral.





6ª XOR ANÁLISE

CATEGORÍA FEMININA




   Nesta xornada de Soutomaior houbo 7 palanadoras que conseguiron 10 ou máis ptos, algo que só sucedera na primeira xornada de liga. Está claro que conforme avanza a temporada as xogadoras están mellorando os seus resultados. Foi Elena de Gharaboto quen se levou o triunfo da xornada con 16 ptos, no segundo lugar quedou Chefa con 15 ptos, que reaparecía despois da súa ausencia de tres xornadas, e terceira foi Tania con 12 ptos, quen tamén reapareceu despois de 4 xornadas. 




   A superficie do pavillón da Montesiña en Arcade foi unha pista de patinaxe para as billardas o que fixo que calquera imprecisión fora castigada coa saída das madeiras polo fondo do terreo. Isto proporcionou máis oportunidades para as palanadoras menos potentes pero moito máis precisas. Deste xeito, Bego que se caracteriza pola súa potencia nos golpeos veuse superada pola precisión e seguridade no golpe destas tres xogadoras. Pola súa banda, a líder actual, Lu, tivo unha boa actuación se consideramos que ela está buscando o título da Conferencia e todo o que sexa non perder moitos puntos con relación á máxima favorita Bego é un paso máis cara ao seu obxectivo. Nesta ocasión Bego obtivo só un punto máis ca Lu.
   Elena acércase ao terceiro posto do podio ao sumar 16 ptos por unicamente  1pto de Adriana, quen non se adaptou ben ás condicións do pavillón. Destacar a actuación de Merche unha palanadora que pertenece ao APB Santa Marta, un equipo da Conferencia Noroeste, que veu probar os paus das Rías Baixas.
   Polo demais, foi a xornada con maior participación feminina da historia da Conferencia con 27 palanadoras. Está ben claro que a billarda é unha palabra de xénero feminino por algo. A seguinte xornada xogarase en superficie de terra, Castrelo-Cambados. Así que, ide depurando a técnica para salvar os obstáculos que aparecen cando o chan é irregular e o condenado non acepta ben os golpes.







6ª xornada ANÁLISE

Categoría EQUIPOS

   O reparto de puntos nesta xornada estivo liderado por CORREDOIRAS que despois de tres xornadas nas que non fora o equipo ganador volveu a recuperar a supremacía nesta 6ª xornada. GHARABOTO segue o seu camiño cara á segunda posición que dá dereito a participar no Play Off Nacional. LÚA DE FORZA agárrase á segunda posición, pero escoita o velame da fragata de Marín que se acerca por babor. RINOCERONTE, que se presentou en Soutomaior con unicamente 6 xogadores e a metade deles palanadores da parte baixa da clasificación, tivo un rendemento excepcional e con 69 ptos mantense cerca do podio esperando a súa oportunidade para acercarse á segunda posición. Estes catro equipos están no primeiro chanzo da Conferencia Rías Baixas e loitarán ata o final polas dúas prazas do Nacional e polo podio da Conferencia. 

   

   Nun segundo plano estarían LAXE DE RONS e VALPAÇOS TERRA QUENTE que aínda non teñen o potencial para acercarse ao podio, mais melloraron moito as súas prestacións do ano pasado. Os do Grove manteñen o equipo do ano pasado, pero con dous xogadores que evolucionaron o seu xogo e están sendo unha sorpresa agradable. Son os casos de Paco Vidal e Martín. Pola outra beira, o equipo de Vigo reforzouse para este ano con talento sólido, como o de Salgue, e con talento para o futuro, con Yaiza e Zaira.

LAXE DE RONS (O Grove)


   Nos últimos postos da clasificación están dous equipos históricos das Rías Baixas, CASILLEDÍN e ANDARELA, e un equipo que leva xogadas só tres xornadas de liga, ARMADIÑA. Aqueles dous equipo teñen un cadro de xogadores e xogadoras moi limitado o cal non lles vai permitir avanzar destes 3 últimos postos. Aínda así, o equipo de Barrantes incorporou unha nova xogadora nesta xornada de Soutomaior e segue buscando talentos do pau polo país adiante. ANDARELA organizará a próxima xornada en Castrelo-Cambados, onde espera presentar as súas novas incorporacións. Outro caso totalmente diferente é a do equipo de Combarro. Este ten o futuro nos seus paláns, pois aporta xuventude e feminidade ao xogo. Deste xeito, despois de tres xornadas xa conseguiron acercarse aos 50 ptos nesta última xornada, e iso tendo en conta que algún dos seus palanadores, que teñen un enorme potencial, non estiveron a bo nivel. Salientar que foi un infantil o que lles aportou maior número de ptos, Oscar, que ganou na súa categoría.


A clasificación xeral está así


     Na vindeira xornada de Castrelo (Cambados) pódense producir dous "sorpasos", pois GHARABOTO pode superar a LÚA DE FORZA no segundo posto e ARMADIÑA pode facer o mesmo con CASILLEDÍN no sétimo lugar. Ninguén se pode perder a próxima xornada! Acordádevos que será en terra, aínda que chova, vente ou neve, xa que o lugar está cuberto por arriba e polos lados.